A febre amarela

China semella estar de moda en Galicia. O alcalde da Coruña estivo por alá recentemente, antes fora o de Pontevedra. E moito antes, Orozco, cando exercía o bastón de mando en Lugo. Entre outros líderes da tribo. Agora tocoulle a quenda ao presidente da Xunta. Primeira vez. Chegar a China corenta anos despois de comezar a política de reforma e apertura que a transformou na segunda economía do mundo é un mérito a destacar. Ir da man de empresas poderosas nese modelo de relacionamento non gobernamental que constitúe a marca senlleira da nosa paradiplomacia tampouco é cousa menor, certamente propio das sociedades con institucións febles e que teñen dificultades para establecer relacións de goberno a goberno pero tamén propio de quen fai causa da segmentación por principio, diferenciando entre comenencias a corto prazo e estratexias de alcance con certa altura de miras.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

China semella estar de moda en Galicia. O alcalde da Coruña estivo por alá recentemente, antes fora o de Pontevedra. E moito antes, Orozco, cando exercía o bastón de mando en Lugo. Entre outros líderes da tribo. Agora tocoulle a quenda ao presidente da Xunta. Primeira vez. Chegar a China corenta anos despois de comezar a política de reforma e apertura que a transformou na segunda economía do mundo é un mérito a destacar. Ir da man de empresas poderosas nese modelo de relacionamento non gobernamental que constitúe a marca senlleira da nosa paradiplomacia tampouco é cousa menor, certamente propio das sociedades con institucións febles e que teñen dificultades para establecer relacións de goberno a goberno pero tamén propio de quen fai causa da segmentación por principio, diferenciando entre comenencias a corto prazo e estratexias de alcance con certa altura de miras.

A Presidencia da Xunta tense gabado, coa solemnidade que a caracteriza, de promover unha coordinación activa coa diplomacia estatal en contraposición a outros modelos que acaban con reveses reiterados no Tribunal Constitucional. Non é de sorprender pois que as instantáneas desta xira case destaquen máis ao embaixador Valencia ca o noso Gran Comercial. É loable, naturalmente, ese afán coordinador e non se entende que non se practique na propia casa e desde San Caetano contando como contamos con activos destacados que precisan dun liderado e dunha posta en común para servizo do país.

Un país, por certo, que non é só un mercado. Cómpre prestar atención ás relacións económicas e comerciais pero sen desleixar outras non menos relevantes tendo en conta o que somos, unha sociedade que se queira ou non ten na súa cultura propia un trazo de identidade que é o baluarte principal da súa marca. Úrxenos nese sentido corrixir ausencias do pasado. É ben triste que nun continente que representa o 19 por cento da demografía mundial non haxa ninguén que poida aínda traducir a Rosalía ao chinés coa solvencia suficiente como si podemos atopar no Xapón, poñamos por caso. A nosa industria cultural –con empresas tamén- non pode ser desprezada como tampouco ignorados antecedentes de tanta relevancia como os galegos que en vez de facer as Américas fixeron as Chinas en épocas duras e por iso son ben valorados polos chineses. 

E se puxeramos en valor o que somos, unha autonomía cun modelo de interese na China polas reformas que alenta a este nivel, igual a relevancia e os parceiros desa viaxe serían outros mais. Claro que iso é facer política con maiúsculas e non ir polo mundo como un mandarín.