VI Foro do Instituto das Identidades, Museo do Pobo Galego

A identidade de Galicia na globalización

Hai uns meses conseguín un exemplar do libro “A identidade de Galicia na globalización: Sociedade, Lingua e Cultura” coordinado por Uxío-Breogán Diéguez e Dolores Vilavedra, froito da sexta edición dos Foros do Instituto de Estudo das Identidades do Museo do Pobo Galego. As distintas sesións sucedéronse entre novembro e decembro do 2020, ano primeiro da pandemia, o que lle confire un aura especial as gravacións en youtube nas que agora se poden ver as intervencións.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

O volume é compacto e un documento moi interesante para a galeguidade no S.XXI pola pluralidade das aproximacións á identidade galega na globalización, tanto de persoas consolidadas como de novas investigadoras dos estudos galegos. O libro divídese nas cinco sesións nas que se organizaron os temas e avanza na actualización do coñecemento e da imaxe da Galicia actual, encapsulada na publicación desde distintas dimensións: dos significados da identidade no mundo global, a xestión do patrimonio, o impacto das migracións de ida e volta, a comunicación dixital ou a a creación cultural en galego no mundo da internet, sen fronteiras nen distancias. Cando vin o programa alegroume ver a tantas investigadoras do IGADI entre as persoas participantes, así que aproveito esta breve reseña para poñer o acento nos seus textos, aínda que realmente o libro de arriba a abaixo, é unha ferramenta de autoestima colectiva.

Por exemplo, destaco e fanse necesarias as intervencións da Luzía Oca e Antía Caramés. Se Luzía achega a experiencia e o exemplo real das Afrogalegas, o seu exercicio de galeguidade no S.XXI e a súa relación con outras identidades, Antía chama a atención sobre elementos novidosos que contornan a galeguidade de agora, nesa imaxe da identidade construída que por tanto é dinámica, estratéxica e posicional.

Non menos importante o apuntado desde a razón cartográfica, a achega de Rubén Lois e a súa moi suxerente -Necesidade do territorio para explicar á identidade galega, implica tamén o adscrito e o material na galeguidade de onte e de hoxe. Tamén o Paulo Carlos López que aparece nun texto breve sintetizando a primeira sesión, pregúntase polo cerne da cuestión, o artefacto da identidade e a porosidade das palabras -falamos da vella alma das comunidades políticas? Finalmente Uxío Novo traza unha intervención arredor da evolución e dimensión internacional da riquísima creación (e xestión) cultural en galego, das que abriron as portas ás máis novas, da poesía á narrativa, do audiovisual ao teatro ou a música, que deleitará aos nostáxicos de Santiago de finais dos 90 na súa gravación en youtube, con reminiscencias daquel primeiro rap gravado en cinta de casete.

O libro coordinado por Dolores Vilavedra e Uxío-Breogán Diéguez (que tamén é membro do Consello de Redacción da revista do IGADI Tempo Exterior) avanza que o rebranding da Galicia global do presente e do futuro está en marcha, acollendo en primeiro lugar un mellor coñecemento de nós mesmos.

A identidade galega avanza tamén co mellor legado da man, nun planeta con riscos globais, no que as ideas de colapso e desabastecementos gañaron impacto na cotidianeidade, da man de fenómenos como o confinamento global de marzo e abril do 2020, a inflación en marcha, a desigualdade e a polarización, a ameaza climática e enerxética, ou mesmo a caída do tabú nuclear. Todos eles procesos que seguena  implicar un proceso de diálogo e  interacción co escenario global, acompañando e transformando a nosa identidade...

Agardamos neste mundo en erupción poñer o mellor de nós mesmos como célula de universalidade, construír solucións e futuros compartidos. Parabéns oceánicos ao xigantesco e imprescindible Museo do Pobo Galego, así como ao Consello da Cultura, que colaborou activamente na realización do devandito Foro.