Ayuso e a acción exterior das comunidades autónomas

Na definición do goberno da Comunidade de Madrid de Isabel D. Ayuso, Toni Cantó foi designado coma Xefe da Oficina do Español, que a Comunidade creará cando menos para os próximos dous anos. Na nota de presentación da decisión apelábase ao poder global da lingua española e aos valores engadidos do mesmo para o posicionamento internacional de Madrid, coma capital europea e mundial do idioma de Cervantes.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave Galicia internacional
Idiomas Galego

Na definición do goberno da Comunidade de Madrid de Isabel D. Ayuso, Toni Cantó foi designado coma Xefe da Oficina do Español, que a Comunidade creará cando menos para os próximos dous anos. Na nota de presentación da decisión apelábase ao poder global da lingua española e aos valores engadidos do mesmo para o posicionamento internacional de Madrid, coma capital europea e mundial do idioma de Cervantes.

Rapidamente apareceron reaccións de todo tipo. Moitos apoiando a decisión con vehemencia, pola importancia do español no mundo, e os menos, polo importante papel das comunidades autónomas a desenvolver nos asuntos exteriores de España. Sen embargo tamén apareceron críticas furibundas, mesmo con acusacións de incumprimento da Lei de Acción Exterior española, por parte de Ciudadanos, por duplicar competencias ao poder entroncar esta Oficina do español co papel do Instituto Cervantes polo mundo.

En calquera caso este episodio deixa claro que a acción exterior das comunidades autónomas está normalizada en España e no mundo enteiro. Desde a explosión da globalización dos 90 e xa antes co turismo de masas, a entrada na Unión Europea e a internacionalización da economía, a necesidade de reforzar a relación do local co global, procurando gañar en perfil propio, levou a unha inflación incesante do protagonismo dos poderes locais e rexionais nos asuntos globais. En Galicia pódese recoñecer esta dinámica especialmente durante os gobernos de Fraga e o desenvolvemento das políticas coa diáspora, a Unión Europea, a Eurorexión, ou o propio Xacobeo.

A acción exterior existe así porque é necesaria pola natureza do mundo en que vivimos, onde a interdependencia é a palabra de orde, como se puido ver con claridade durante os primeiros meses da crise da Covid19 e a ruptura das cadeas globais de mercadorías e persoas. Tanto para as oportunidades económicas, académicas ou culturais, estar ben organizado e ben conectado co mundo exterior, é un pilar da competitividade do territorio cada vez máis parecido ás autopistas tradicionais, desde o non territorio do mundo dixital. Facer isto de maneira consciente empregando elementos de identidade con valor multiplica o relato no mundo de calquera imaxe que queras facer global.

Esta dinámica abriu debates de enorme calado nos últimos anos en países coma o Reino Unido, os USA, ou o Brasil, onde as administracións locais e rexionais reforzaron o seu perfil internacional para diferenciarse dos gobernos centrais nas súas relacións co exterior, dentro da polarización das súas sociedades internas e no ánimo principalmente de facilitar negocios, e captar turistas, estudantes ou prestixio… Entronca así a decisión de Ayuso con esta nova paradiplomacia a nível global, de confrontación exterior, xa que Ayuso tamén reclama facer o que Sánchez supostamente non fai, defender o español. Esas novas cogobernanzas, gobernos multiniveis ou diplomacias públicas, abren escenarios moi novos e inesperados, ao modificar o patrón tradicional de monopolio estatal e as propias escalas das formas de cooperación. É un fenómeno global que non parará de medrar.

Así as cousas haberá que seguir de perto a Oficina do Español de Ayuso e Toni Cantó, así coma o modelo de acción exterior da Comunidade de Madrid. En Galicia, os mellores contidos do experimento de Ayuso poden axudar a inspirar e a contornar o posible do imposible, xa que ao fin do día e os titulares, Galicia si ten Lei de Acción Exterior e continuamos a ser unha nacionalidade histórica. Posibilidades, témolas todas, e sen necesidade de confrontación exterior.