Por unhas ou por outras, China está no primeiro plano da actualidade e semella ser o asunto xeopolítico do momento. Con difícil volta atrás, habería que dicir, cando menos por un tempo. Foi de certo un dos grandes temas sometidos a debate no recen celebrado encontro anual do Grupo Bilderberg. Falouse dela pero sen ela estar presente. De feito, China só estivo representada neste que moitos consideran o “conspiráculo” por excelencia, en 2011 e 2012, entón da man da diplomática Fu Ying, ex embaixadora en Londres e Canberra, muller altamente competente no seu. Bilderberg non goberna o mundo pero ten ao seu carón moitos lobbies que seguen despregando as súas artes na maior das opacidades. Que China non estea incluída en foros como este pode ser interpretado como un sinal de desconfianza e tamén como un recoñecemento explícito de que aínda non acepta as regras que define “Occidente” nin se somete ás súas redes.

Mentres, noutra punta do planeta, o xeneral Wei Fenghe, ministro de defensa chinés, aseguraba no cumio Shangri-La de seguridade de Asia que organiza en Singapur desde 2002 o Instituto Internacional de Estudos Estratéxicos de Londres, que seguirían dando pasos para preservar o seu entorno marítimo estratéxico inmediato a pesares da oposición doutros países con actividade naval nesa área, tanto propiamente dela como situados a milleiros de quilómetros de distancia. As declaracións soaban a resposta ao primeiro informe da Estratexia Indo-Pacífico posta en marcha pola Administración Trump e ideada para despregar un novo cerco ao xigante continental. Nel reitéranse as críticas a China como potencia “revisionista” da orde internacional.
No encontro de Shangri-La, o secretario de Defensa interino dos EUA, Patrick Shanahan, non deixou dúbidas sobre a vontade de preservar a presenza e influencia do hexemón nesta zona, moi lonxe do seu territorio contiguo a dicir verdade pero clave para dirimir o mando global, con alusións moi directas sobre Taiwán, contrariando as presas chinesas por unha reunificación que se lle resiste. Días mais tarde transcendeu a probable venda dun novo paquete de armamento a Taipéi.
Para Occidente é un gran problema o como lidar con esta China, primeiro no aspecto económico, pero non só. O seu PIB pasou de 11 billóns de yuans en 2001, cando entrou na Organización Mundial do Comercio, a 90 billóns en 2018… No ámbito militar, no ámbito tecnolóxico, no estratéxico, Beijing pesa cada vez máis.
China, coa súa dimensión e longa civilización ás costas, non é un país que poida ser intimidado de boas a primeiras. É posible que tanto falar dela nos últimos tempos ínflelle o orgullo aos seus líderes e pode tamén ser vítima dunha esaxeración interesada para levala por camiños non desexados. Perder a paciencia é o peor que lle pode pasar e aínda que os chineses moito saben diso, ninguén está libre de errar.
Todo na vida require perspectiva. Cando Mao proclamou a China Popular este era un país inmensamente rural e pobre, con case trinta anos de guerra enriba, entre a civil e a desatada contra o invasor nipón (por certo que algún día Occidente deberá recoñecer que a segunda guerra mundial comezou en 1937 en Asia e non en 1939 en Europa). Con ese punto de partida, a realidade actual da segunda potencia económica do mundo desde 2011, pese a tantas zonas grises preocupantes, non é para desprezar. Pero nin debemos subestimar nin sobreestimar: as asimetrías entre China e os seus hipotéticos rivais son aínda notables e os desafíos de todo tipo que debe encarar nos próximos anos son de enorme envergadura.
Aínda así, por mais que lle desagrade, Occidente vai ter que aceptar que China siga medrando e fortalecéndose perseverando no seu rumbo. En consecuencia, tamén debe comprender que aspire a ter voz propia na elaboración das novas regras que serán necesarias para aquilatar a nova orde internacional en proceso de xestación.