Fonte: Deputación de Pontevedra

De Pontevedra a Polonia: a devolución de dúas obras desposuídas polos nacionalsocialistas

A finais do pasado mes de xaneiro, o Museo de Pontevedra devolveu dúas pinturas do século XV atribuídas á escola do pintor flamenco Dieric Bouts a Polonia. Con este acto — que se formalizou o mércores, 25 de xaneiro, coa sinatura dunha acta de entrega entre a Deputación de Pontevedra e representantes do Goberno polaco — o Museo cumpre coa reclamación do Estado centroeuropeo, feita en marzo de 2020, na que pedía a restitución das obras xa que foran espoliadas á familia polaca Czartoryski durante a Segunda Guerra Mundial por man do réxime nacionalsocialista alemán. Os cadros foron adquiridos pola institución pontevedresa en 1994, cando comprou a colección de José Fernández López, un dos seus benfeitores. O empresario, á súa vez, teríaos mercado durante os anos setenta nunha galería en Madrid ou Barcelona. Por iso, o museo, como alega o seu director José Manuel Rey, tería sido adquirente de boa fe, posto que toda a documentación estaba en orde e en ningún momento existía sospeita sobre a orixe das obras. Así e todo, estimou a reclamación, xa que era “o correcto dende o punto de vista ético e moral e está amparado pola normativa internacional”(1).

Setenta e oito anos após a Segunda Guerra Mundial, a cuestión da devolución de bens culturais desposuídos polos nacionalsocialistas segue sendo un asunto de actualidade e, moitas veces, tamén de controversia. Entre 1933 e 1945,  os esbirros do réxime fascista espoliaron e destruíron sistematicamente obras de arte das minorías perseguidas e das poboacións dos territorios ocupados; nunha escala que levou á historiadora de arte  Lynn H. Nicholas a cualificar o saqueo como o “rapto de Europa”(2). Estímase que soamente no territorio polaco se roubaron ou esnaquizaron arredor de 500.000 obxectos culturais e 22 millóns de libros durante a Guerra (3). A cuestión de como abordar este legado e, sobre todo, de se xa se proporcionaron reparacións suficientes, segue influíndo na relación entre Alemaña e Polonia até a actualidade (4).  

Malia que o saqueo executado polos nacionalsocialistas nos territorios ocupados constituíu indiscutibelmente unha violación do Dereito internacional aplicábel da época, cuestións como ás controversias sobre a orixe das obras ou a posibilidade de adquirir a propiedade dos bens afectados de boa fe, converten as reclamacións efectuadas moitas veces en procesos longos e complexos. Preitos xudiciais prolongados diante os tribunais dun Estado son unha consecuencia habitual. Isto vese agravado pola ausencia de instrumentos normativos internacionais vinculantes que regulen a restitución das obras afectadas. Aínda que en 1970 e en 1995 se adoptaron a Convención da UNESCO sobre as medidas que deben adoptarse para prohibir e impedir a importación, a exportación e a transferencia de propiedade ilícitas de bens e culturais e a Convención de UNIDROIT sobre restitución de obxectos culturais roubados o ilicitamente exportados, estas non teñen efecto retroactivo e, por tanto, non son aplicábeis aos casos do espolio nacionalsocialista. Cando a reclamación de devolución se produce entre dous Estados Membros da Unión Europea o panorama semella – levemente – mellor. Así, en 2014, aprobouse a Directiva 2014/60/UE que estabelece que os bens culturais que saíron do territorio dun Estado Membro de forma ilegal terán que ser restituídos. En principio, esta Directiva só se aplica a casos posteriores ao 1 de xaneiro de 1993, pero os Estados Membros teñen a posibilidade de estender o campo de aplicación tamén a supostos máis afastados no tempo; posibilidade da que fixo uso España ao incorporar a Directiva ao ordenamento español mediante a Lei 1/2017, de 18 de abril. Con todo, isto tampouco pode garantir un proceso de restitución rápido, dado que a Directiva soamente concede ao Estado Membro requirinte a posibilidade de iniciar unha acción de restitución ante os tribunais competentes do Estado Membro requirido, o que pode dar lugar, unha vez máis, a longos procedementos xudiciais, se os feitos do caso son controvertidos.

Nese contexto, cómpre subliñar a celeridade coa que se realizou a devolución dos cadros no caso concreto. Así, tras recibir a reclamación, o Museo de Pontevedra iniciou a verificación dos feitos e, xa en decembro de 2020, anunciou que ía restituír as obras, xa que considerou que quedaron acreditados os requisitos establecidos na mencionada Lei 1/2017, de 18 de abril. Dous anos máis tarde, cos traballos preparatorios feitos e o permiso de exportación concedido pola Dirección de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura, foi executada agora esta decisión. O proceso foi cualificado como exemplar por parte tanto das autoridades galegas como polacas. Tendo en conta as complexas cuestións xurídicas e políticas que adoitan estar relacionadas cos casos de restitución de obras de arte espoliadas polos nacionalsocialistas, isto non pode senón afirmarse. Cabe esperar que a restitución dos cadros e a súa futura exposición no castelo de Gołuchów – de onde foran subtraídos – sirva como un precedente de como se pode afrontar as inxustizas causadas polo espolio durante a Segunda Guerra Mundial dunha maneira áxil e consensuada.


Referencias

(1) GARCÍA FLORES, A. B.: “Tras las huellas del expolio nazi: obras de arte volatilizadas y conflictos judiciales”, RTVE.es, 23 de decembro de 2020. Dispoñibél en: https://www.rtve.es/noticias/20201223/tras-huellas-del-expolio-nazi-obras-arte-volatilizadas-conflictos-judiciales/2060801.shtml. 

(2) NICHOLAS, L. H.: The Rape of Europa: The Fate of Europe’s Treasures in the Third Reich and the Second World War, Vintage, 1995.

(3) DEDERER, H.-G. e BEHAM, M. P.: “The German-Polish Cultural Property Debate – Can Pragmatic Solutions Overcome a Convoluted Controversy?”, Polish Yearbook of International Law, vol. 41, 2021, p. 85.

(4) Véase DEDERER e BEHAM: op. cit.