O mondiacult celebrouse entre o 28 e o 30 de setembro do 2022 en México

MONDIACULT 2022: A cultura como un ben público mundial

A semana pasada celebrouse en México un congreso internacional multilateral que, a pesar de pasar case desapercibido entre as noticias sobre outros eventos políticos de alcance global, é de maior importancia para o mundo e o sector da cultura. Convocada en conxunto pola UNESCO e o Estado latinoamericano, a Conferencia Mundial da UNESCO sobre Políticas Culturais e Desenvolvemento Sustentábel (ou MONDIACULT 2022) constitúe a maior conferencia a escala global no ámbito da cultura nos últimos corenta anos: do 28 ao 30 de setembro reuníronse na Cidade de México as delegacións de 150 Estados, 135 delas encabezadas polos seus respectivos ministras e ministros de cultura. 40 anos despois da primeira MONDIACULT (Cidade de México, 1982) e 24 anos após a Conferencia Intergobernamental sobre Políticas Culturais para o Desenvolvemento (Estocolmo, 1998), a MONDIACULT 2022 celébrase para reforzar a cooperación internacional fronte aos actuais e complexos desafíos da cultura, da diversidade das súas expresións e das sociedades multiculturais contemporáneas.
Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

A semana pasada celebrouse en México un congreso internacional multilateral que, a pesar de pasar case desapercibido entre as noticias sobre outros eventos políticos de alcance global, é de maior importancia para o mundo e o sector da cultura. Convocada en conxunto pola UNESCO e o Estado latinoamericano, a Conferencia Mundial da UNESCO sobre Políticas Culturais e Desenvolvemento Sustentábel (ou MONDIACULT 2022) constitúe a maior conferencia a escala global no ámbito da cultura nos últimos corenta anos: do 28 ao 30 de setembro reuníronse na Cidade de México as delegacións de 150 Estados, 135 delas encabezadas polos seus respectivos ministras e ministros de cultura. 40 anos despois da primeira MONDIACULT (Cidade de México, 1982) e 24 anos após a Conferencia Intergobernamental sobre Políticas Culturais para o Desenvolvemento (Estocolmo, 1998), a MONDIACULT 2022 celébrase para reforzar a cooperación internacional fronte aos actuais e complexos desafíos da cultura, da diversidade das súas expresións e das sociedades multiculturais contemporáneas.

A Conferencia foi culminada coa adopción dunha Declaración Final polos Estados participantes, que, en oito páxinas, traza un roteiro das prioridades que a cooperación internacional cultural irá abordar nos próximos anos e décadas1. Desta Declaración, varios puntos merecen ser destacados:

En primeiro lugar, os Estados declaran a cultura como “un ben público mundial cun valor intrínseco para facilitar e impulsar o desenvolvemento sustentábel”, que, como tal, debe ser incluído como un obxectivo específico por dereito propio na próxima axenda de desenvolvemento para alén do 2030. Ao declarar a cultura como un ben público mundial, os Estados sitúana xunto á saúde, a paz, a información, o medio ambiente ou a ciencia, como un ben que se presta e beneficia a toda a sociedade, que ningún Estado pode subministrar adecuadamente por si mesmo e que atinxe ao benestar da humanidade no seu conxunto2. Con esta cualificación, a Declaración desenvolve e afirma a noción de que a diversidade cultural constitúe un patrimonio común da humanidade que ten que ser salvagardado para o beneficio das xeracións actuais e futuras3.

En segundo lugar, a Declaración dedica unha parte importante dela tamén á loita contra o tráfico ilícito de bens culturais, así como ás cuestións relacionadas coa restitución e devolución de estes aos seus países de orixe —dous temas (desventuradamente) de moita actualidade. En canto ao primeiro asunto, os Estados comprométense a afondar a cooperación internacional na materia, aplicando o marco da Convención da UNESCO de 19704 e colaborando con organizacións internacionais como a Interpol ou a Oficina da ONU contra a Droga e o Delito, así como o mercado da arte. Solicitan tamén á UNESCO que reforce a súa resposta a este fenómeno, a través da cooperación coas administracións nacionais e locais, o sector privado e o público en xeral no desenvolvemento e a aplicación de mecanismos eficaces para previr e suprimir o comercio ilícito. Relativamente á devolución dos bens culturais aos seus países de orixe, os Estados signatarios reivindican “un diálogo internacional aberto e inclusivo para a devolución e restitución dos bens culturais”. Tamén recoñecen a existencia dun dereito dos pobos e das comunidades ao usufruto do seu patrimonio cultural. Isto é importante á luz das moitas reivindicacións en curso dos Estados do Sur Global para a devolución dos seus tesouros culturais que foron espoliados durante o colonialismo e que acabaron nos museos do mundo occidental. Así a todo, é preciso notar tamén que, pouco sorprendentemente, a redacción é bastante imprecisa e fala explicitamente da cuestión da devolución como un imperativo ético en vez dun imperativo legal ou mesmo político —negando así a existencia de calquera obriga de devolución máis alá das obrigacións dos tratados existentes que sexa máis que de carácter ético.

En terceiro lugar, a Declaración aborda tamén o impacto do cambio climático na cultura e no patrimonio cultural. De forma significativa, os Estados salientan a importancia de integrar o patrimonio cultural nas discusións sobre o cambio climático, dado o potencial da cultura para contribuír á prevención e mitigación do quecemento global, nomeadamente a través dos sistemas de coñecemento tradicionais e indíxenas. Apelan tamén á UNESCO para desenvolver directrices operativas sobre esta materia no marco dos instrumentos normativos existentes e para cooperar cos organismos internacionais relevantes para este fin.

Por último, a Declaración afirma un conxunto de dereitos humanos culturais, incluíndo o dereito de participar na vida cultural; o dereito dos pobos, particularmente dos pobos indíxenas, e das comunidades á súa identidade e patrimonio culturais; os dereitos económicos e sociais dos artistas, dos profesionais culturais e dos practicantes; así como a liberdade artística e a liberdade de expresión. Os Estados signatarios comprométense a promover, a través das súas políticas públicas, un ambiente propicio ao libre e pleno exercicio destes e de todos os outros dereitos humanos.

Que cabe esperar desta Declaración? Audrey Azoulay, a Directora Xeral da UNESCO, cualificouna nada menos que de “histórica”. Indubidabelmente, o documento constitúe un fito importante, na medida en que reflicte un entendemento común de 150 Estados sobre as prioridades e a importancia da cooperación internacional para a salvagarda da diversidade cultural mundial, nunha época na que a cultura se enfronta a desafíos cruciais e de grande alcance, tales como o cambio climático, o mundo pospandémico, a globalización, a transformación dixital ou os conflitos identitarios. Evidentemente, a Declaración non é un instrumento xuridicamente vinculante, mais é unha manifestación de intencións política, contra a cal as accións futuras dos Estados e da UNESCO poden ser avaliadas e xulgadas. Neste sentido, é importante que o documento tamén prevexa a creación dun Foro Mundial sobre Políticas Culturais que, a partir de 2025, se reunirá cada catro anos e servirá para medir os progresos, impactos e oportunidades no campo das políticas culturais. Alén disto, a Declaración tamén (re-)afirma que a cultura non é un luxo, senón un elemento fundamental para a plena realización dos dereitos humanos e para un desenvolvemento sustentábel da humanidade. Ao facelo, recoñece a importancia da diversidade cultural e do patrimonio na creación dun mundo máis xusto, igualitario e pacífico. Agora resta ver se as palabras son seguidas de feitos e os Estados e a UNESCO cumpren o seu ambicioso obxectivo de colocar a cultura no centro das políticas públicas e da cooperación internacional.