Entrevista ao director da Orquestra de Instrumentos Autóctonos e Novas Tecnoloxías da Universidade de Tres de Febreiro, Alejandro Iglesias Rossi
Serie de entrevistas e análises do Observatorio das Diásporas 2026
alejandro

Especial Novas Cidadanías: Votar e moito máis (III) “Temos que facer militancia artística, rexeitar as dicotomías. Que ninguén nos diga que se somos unha cousa non podemos ser outra”

Para pensar as novas cidadanías desde outras cosmovisións achegámonos ás artes. Entrevistamos a Alejandro Iglesias Rossi que é músico, investigador, compositor, educador, creador e director da Orquestra de Instrumentos Autóctonos e Novas Tecnoloxías da Universidade de Tres de Febreiro (Arxentina). Formouse nos conservatorios de Boston e París. Foi dúas veces premiado pola UNESCO. Tamén é membro fundador da Rede de Investigación e Creación Musical de América, presidente do Consello Arxentino da Música e vicepresidente do Consello da Música das Tres Américas do Consello Internacional da Música da UNESCO. De orixes galegas, este arxentino traballa incansablemente a favor da cultura musical americana e reivindica a descolonización do pensamento cultural e identitario. Na carreira de Música desa universidade das aforas de Buenos Aires teñen construído os instrumentos representados no pórtico da Gloria para interpretar as cantigas medievais de Martín Códax.

P: Por que unha orquestra arxentina estuda e interpreta música galega?

Nós manexámonos no marco conceptual da descolonización no que é fundamental rexeitar as dicotomías. Entón, nós, que somos fillos de indíxenas, e fillos de galegos, e de xudeus e de africanos, etc., somos a mestura que se da en Latino América, temos que evitar esa lóxica de isto ou o outro. Recuperamos instrumentos autóctonos de América ¿e por iso temos que ser indixenistas e non podemos ser outra cousa? Para entender o que é a alma do latinoamericano contemporáneo, neste caso arxentino contemporáneo, temos que mergullarnos en todos os vectores que nos fan ser o que somos. Galicia é un mundo dentro doutro mundo que é Arxentina. E a afinidade de manifestacións danse desde o charango, que un cre que é un invento latinoamericano e vén desde África. O mesmo coa gaita colombiana, que é unha das múltiples manifestacións. É aí onde eu falo da antinomía teolóxica: Xesús é home e é Deus, pero se é home non é deus. María e virxe e nai, pero se é virxe non é nai e se é nai non é virxe, que sería a lóxica coa que nos manexamos nós, que suspende o xuízo, aínda que hai algo de misterio no que un pensa que racionalmente non pode ser. Nós estamos nese sitio, onde todo o que somos sexa vehiculizado desde o punto de vista artístico para que nos despoxemos de todos os a prioris que opoñen a Europa cos indíxenas. A licenciatura e a mestría, a orquestra e o centro de investigación son proxectos que se basean nunha epistemoloxía des colonial. Iso é o que buscamos. O colonialismo pensado como algo que te pon a prioris para pensar e para facer.

P: Como pensamos esta nova realidade dos novos españois ,en Arxentina e no resto do mundo, que teñen, ademais, outra identidade?

Son bisneto de suízos italianos e de galegos. Miña familia tiña unha canteira en Suíza de mármores roxos aos que chamaban mestres do mar, da montaña, hoxe é monumento nacional. O mesmo con Galicia, hai unha cuestión de reivindicación desa identidade. Aínda que non pareza, hai infinidade de familias que gardan ese orgullo de pertenza a unha linaxe, non só no que refire ao físico-xeográfico, senón como unha cultura que está imbricada na alma ata o día de hoxe.

A primeira vez que interpretamos “Ondas do mar de Vigo” para Carlos Núñez quedou moi emocionado e preguntoume ¿como é que vostede entende o galego máis que os galegos? É que hai algo nun. Cando un compón unha obra ten que ir ás forzas telúricas que se manifestaron en certo tempo, en certas xeografías. Non hai que copiar, hai que recuperar esas enerxías que se xeraron en Martín Códax, na tradición mística das cantigas, a gaita. Trátase non só de continuar unha tradición, senón de renovala.

Fai tempo un gran curandeiro peruano díxome sobre outro famoso curandeiro que non servía, porque aínda que tiña todo o coñecemento do pai, só repetía o que recibira, e que se un curandeiro non xera novo coñecemento, non serve para nada. Nós, na orquestra temos esa lóxica, tanto os instrumentos autóctonos coma as novas tecnoloxías. Nunha sala centos de instrumentos de América e ao lado, instrumentos galegos.

A directora de artes escénicas, Susana Ferreres, di que as culturas non saben de enemistades. Que as enemistades son políticas ou ideolóxicas, pero non cando vas ao cerne profundo, espiritual, que é onde hai que ir e non quedarse co que está fóra.

P: Que proxecto te gustaría realizar neste contexto?

Paréceme fundamental colaborar neste momento no que América do Norte quere levarse todo por diante. Vimos de estar en Estados Unidos colaborando coa American Composers Forum que para a celebración dos 250 anos do país traballa nun proxecto chamado Recomposing America coas reservas indíxenas. Faláronnos da profecía de que a partires deste ano a águia e o cóndor teñen que volver a voar xuntos. É dicir, norte e Sudamérica. E algo así ten que pasar entre España e Latinoamérica.

Neste momento no que Trump quere comerse toda América, paréceme importante reivindicar esta pertenza a unha cultura que chega ata a cultura hispana de Alfonso X o Sabio. Esas culturas que de verdade teñen un substrato espiritual e non só unhas finanzas que manexan todo. Sabios precolombinos e sabios da península ibérica.

P: ¿Como pensas que podemos colaborar?

Temos que facer “militancia artística” ou cada un no que sexa e que ninguén veña dicindo, se non es isto non podes ser o outro. Se usas instrumentos autóctonos non podes utilizar ordenadores ou recuperar os organistrums medievais. Temos que dar unha mensaxe de absoluta liberdade que ten como núcleo a espiritualidade que une todo isto.

Alejandro Tambor