No ano 2024, Marrocos consolidouse como unha das economías máis dinámicas do norte de África. Cun PIB nominal próximo aos 150.000 millóns de dólares, segundo datos do Banco Mundial, e cun crecemento real do 3,2 %, lixeiramente inferior ao 3,4 % rexistrado en 2023, a economía marroquí amosa unha notable resiliencia, mesmo fronte ás persistentes secas que afectan seriamente o sector agrícola, clave para o emprego rural. A inflación mantense controlada arredor do 1 %, tamén segundo o Banco Mundial, e a taxa de desemprego sitúase en torno ao 13 %, cunha incidencia especialmente alta entre a mocidade.
O produto interior bruto per cápita nominal acada os 4.200 dólares, situando a Marrocos como a quinta economía africana en termos absolutos, mais probablemente entre as tres máis estables e diversificadas. A diferenza doutros países africanos cunha forte dependencia das materias primas, Marrocos apostou por unha economía máis aberta, con atención preferente a sectores como a automoción, as enerxías renovables ou a agroindustria.
Marrocos e a UE
No plano comercial, Marrocos mantén acordos privilexiados coa Unión Europea, entre os que destaca o Acordo Euromediterráneo de Asociación, que facilita o intercambio de bens e servizos. España é actualmente o seu principal cliente, absorbendo entre o 22 % e o 23 % das súas exportacións, seguida de preto por Francia. Galicia, pola súa banda, mantén dende hai máis dunha década unha balanza comercial positiva con Marrocos, e conta cunha comunidade marroquí en crecemento (máis de 9.400 persoas empadroadas, segundo o INE), o que reforza os lazos sociais e abre a porta a redes comerciais de confianza.
Unha interdependencia crecente con Galicia
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), as exportacións galegas a Marrocos pasaron de 398,7 millóns de euros en 2010 a 1.340,7 millóns en 2024, máis que triplicadas en catorce anos. Tamén as importacións se multiplicaron, pasando de 423,6 a 1.292,1 millóns no mesmo período. Esta interdependencia crecente evidencia non só o dinamismo da relación bilateral, senón tamén o papel de Marrocos como socio estratéxico para Galicia.
Máis alá das cifras, resultan especialmente relevantes as tendencias de modernización, industrialización e urbanización que Marrocos está a experimentar. Estas transformacións están a xerar unha demanda crecente en sectores nos que Galicia pode achegar experiencia e valor engadido:
Maquinaria e bens de equipo
As exportacións galegas neste sector case se triplicaron nos últimos catro anos, pasando de 18,9 millóns de euros a 52,5 millóns de euros. A industria marroquí busca modernizarse e require tecnoloxía europea. Empresas galegas de automatización, enerxía, loxística ou procesado de alimentos atopan aquí un mercado en expansión con necesidades moi concretas.
Solucións de eficiencia enerxética, tratamento de augas e xestión de residuos
Marrocos lanzou ambiciosos plans de investimento en infraestruturas hídricas e plantas de tratamento, nun contexto de crecente estrés hídrico. Informes do ICEX subliñan as oportunidades en equipamentos de eficiencia enerxética, membranas, bombas e tecnoloxías de ciclo integral da auga. Galicia, co seu coñecemento en xestión ambiental e sector hidráulico, e empresas galegas deste sector xa presentes no continente africano, pode posicionarse como provedor de confianza.
Formación técnica e servizos educativos
O país aposta por unha Formación Profesional conectada co tecido produtivo. Modelos de “formación á carta” para empresas, ciclos curtos e unha alta inserción laboral xa son unha realidade, como por exemplo o Instituto Juan de la Cierva en Tetuán, no que se imparten os Grados Medio de Electricidade e Automáticas, Instalacións de Telecomunicacións, Mecanizado e Cuidados Auxiliares de Enfermería; e os Grados Superiores de Automatización e Robótica Industrial e Programación da Produción en Moldeo de Metais e Polímeros. A experiencia galega na FP dual e na cooperación educativa pode atopar aquí un terreo fértil para alianzas público-privadas.
Produtos agroalimentarios e moda rápida con deseño europeo
Galicia importa máis produtos do mar de Marrocos dos que exporta (47,3 millóns de euros fronte a 237,9 millóns de euros, segundo datos do IGE), mais as vendas galegas a este mercado duplicáronse desde 2020. Existe unha oportunidade para posicionar a conserva galega e outros alimentos transformados como produtos premium para os consumidores urbanos marroquís. Ao mesmo tempo, Galicia exporta alimentos por máis de 14 millóns de euros anuais, mentres que as importacións alimentarias marroquís diminuíron, abrindo espazo para marcas galegas con selo de calidade.
Textil
Este sector amosa unha alta complementariedade. Moitas das importacións están vencelladas a procesos de externalización de empresas galegas, o que converte a Marrocos nunha peza esencial da súa cadea de valor. A proximidade xeográfica, os acordos arancelarios e a profesionalización da man de obra permiten que pequenas e medianas empresas galegas poidan seguir os pasos dos grandes grupos.
Oportunidades e contexto actual
Marrocos non é só un mercado próximo, a menos de 48 horas por vía marítima desde Vigo, senón tamén unha plataforma de acceso a África Occidental e Central. A súa crecente rede de acordos comerciais, a estabilidade macroeconómica e a aposta pola industria e a sustentabilidade consolidan ao país como un hub económico en expansión. Para Galicia, aproveitar este contexto significa diversificar destinos comerciais, xerar emprego en sectores exportadores e reforzar a súa proxección internacional. Nun momento no que a integración da poboación migrante e a convivencia intercultural ocupan un lugar central no debate público, como evidencia o caso recente de Torre Pacheco, cómpre lembrar que o fortalecemento das relacións bilaterais tamén contribúe a previr situacións de conflito social. A cooperación entre Galicia e Marrocos, máis alá do económico, pode concretarse en programas de formación profesional dual, iniciativas culturais compartidas ou convenios institucionais que reforcen o diálogo e o desenvolvemento conxunto.

