San Cibrao e o valor estratéxico da produción primaria
O liderado galego susténtase, en primeiro lugar, no feito diferencial que reside en contar coa planta de San Cibrao (Lugo), o único complexo do Estado capaz de producir aluminio primario na actualidade. Esta singularidade sitúa a Galicia nunha posición estratéxica no marco dunha cadea de valor intensiva en enerxía e de elevada relevancia industrial. Nun contexto europeo condicionado por tensións xeopolíticas, a crecente demanda de autonomía produtiva e a necesidade de garantir a seguridade do subministro, a dispoñibilidade dunha base produtiva primaria representa unha vantaxe competitiva e, ao mesmo tempo, un activo de natureza xeoeconómica. Con todo, o aluminio galego non destaca unicamente pola súa capacidade produtiva, senón, especialmente, polo seu potencial transformador.
Empresas familiares que exportan un “modelo Galicia”
O segundo piar do liderado galego é a transformación avanzada, especialmente no aluminio extruído, ámbito no que Galicia concentra historicamente arredor da metade da produción estatal. Este dato revela algo máis profundo ca unha simple cota industrial, evidencia a existencia dun clúster de alto rendemento, baseado na empresa familiar, na innovación e nunha forte vocación internacional.
Neste ecosistema sobresaen empresas como Cortizo, con capacidade para integrar internamente todo o ciclo de produción do aluminio e que vén de inaugurar unha planta de reciclaxe no concello de Coirós, reforzando así a súa aposta pola sustentabilidade e a economía circular. Xunto a ela, destacan Exlabesa, con dez plantas en tres continentes, e Extrugasa, presente en máis de 60 países e con máis de 700 empregados. Todas forman parte dun núcleo empresarial orientado á produción, transformación e tratamento de metais, cun papel destacado en solucións arquitectónicas.
Este tecido empresarial, concentrado en boa medida no eixo Rois-Padrón-Valga, xera un modelo propio e recoñecible de empresas familiares que medran, se diversifican e globalizan sen perder o seu arraigo (como tamén ocorre noutros sectores como o téxtil, bebidas e alimentación, construción ou distribución).
O aluminio como columna vertebral do comercio exterior galego
Os datos do Instituto Galego de Estatística permiten dimensionar con maior rigor o peso real do sector dentro do tecido exportador galego. No período 2015-2024, as exportacións galegas de aluminio e das súas manufacturas amosan unha evolución marcada pola estabilidade estrutural e por ciclos de crecemento, con Europa como principal destino.
En termos cuantitativos, as vendas ao continente europeo incrementáronse desde os 535,4 millóns de euros en 2015 ata os 863 millóns en 2024, acadando o seu máximo no ano 2022, cando se rexistraron 902,8 millóns de euros. Este pico sitúa o sector próximo ao limiar dos mil millóns de euros anuais, o que reforza a súa consideración como un activo estratéxico dentro do perfil exportador de Galicia.
Cómpre sinalar, porén, que a evolución da serie non responde a un patrón lineal. En 2020, coincidindo coa pandemia e coas disrupcións loxísticas globais, as exportacións europeas reducíronse ata 456,7 millóns de euros. Con todo, a recuperación foi intensa, e en 2021 prodúcese un salto ata 742,7 millóns, un incremento interanual do 62,6%. Despois de acadar o máximo en 2022, o ano 2023 rexistra unha corrección (−29,1%), seguida dun forte rebote en 2024 (+34,9%), que permitiu regresar a niveis próximos ao récord histórico.
En conxunto, máis que unha sinal de volatilidade estrutural, esta dinámica apunta á existencia dunha capacidade exportadora resiliente, con aptitude para adaptarse ás oscilacións da demanda e recuperar posicionamento nos ciclos favorables.

Portugal, Francia e o corazón industrial europeo
A estrutura xeográfica das exportacións confirma que Galicia xoga, sobre todo, en Europa. Dentro dela, Portugal actúa como socio comercial prioritario. As exportacións cara ao país veciño pasan de 121 millóns en 2015 a 298,5 millóns en 2024, un crecemento acumulado do 146,7%. Só entre 2023 e 2024, o incremento é do 70,2%, o que revela unha intensificación clara do vínculo comercial e industrial.
Francia mantense como un mercado estable e de gran volume, mentres Alemaña representa un destino máis cíclico e vinculado á industria pesada. Paralelamente, rexístranse aumentos extraordinarios en destinos menos habituais, como Grecia, que en 2024 pasa de 0,3 millóns a 84,8 millóns de euros, o que suxire operacións puntuais ou contratos singulares de gran valor.
Fóra do espazo europeo, América mantén un papel secundario, aínda que cunha evolución moderadamente positiva, pasando de 29,6 millóns en 2015 a 37,9 millóns en 2024, con Estados Unidos como mercado recorrente (arredor de 11,5 millóns en 2024). Asia presenta valores reducidos e volátiles. Pola contra, África evidencia unha tendencia sostida á alza e as exportacións incrementan un 169% pasando de 13,6 millóns en 2015 a 36,6 millóns en 2024, con Marrocos como destino central (de 9,3 millóns a 29,7 millóns), o que suxire unha consolidación progresiva do eixo comercial Galicia-Magreb dentro dos fluxos industriais.

Internacionalización que crea territorio
Máis alá dunha lectura estritamente cuantitativa, o sector do aluminio ofrece unha achega relevante para a análise económica e industrial contemporánea, ao evidenciar que a internacionalización non debe entenderse unicamente como a capacidade de colocar produtos en mercados exteriores, senón tamén como a posibilidade de preservar e consolidar capacidades produtivas no territorio de orixe. No caso galego, ademais de bens manufacturados, o sector tamén exporta coñecemento industrial, calidade, deseño, integración produtiva e reputación empresarial, configurando un proceso de internacionalización de carácter estrutural e de alto valor engadido.
Este fenómeno presenta, ademais, efectos sociais e territoriais significativos. Iniciativas como o campus tecnolóxico de Cortizo, dotado de instalacións dedicadas a I+D+i, exemplifican un modelo no que a competitividade sectorial se sustenta tanto na xeración de emprego en contornos non urbanos como na capacidade de atraer perfís altamente cualificados. Nalgúns casos, esta dinámica pode contribuír incluso á migración de retorno ao habilitar oportunidades profesionais de carácter internacional desde Galicia e reforzar así o vínculo entre capital humano, territorio e industria.
Nun contexto marcado pola transición enerxética, o aumento dos custos industriais e a crecente reconfiguración xeoeconómica, o aluminio consolídase como un sector estratéxico. Galicia dispón xa de condicións favorables para afianzar esta posición, incluíndo empresas líderes, base industrial, capacidades tecnolóxicas e unha internacionalización contrastada, mais o desafío reside en determinar se será posible artellar unha política económica deliberada que permita fortalecer cadeas de valor, soster emprego cualificado e proxectar Galicia como unha economía industrial europea con vocación global. Neste marco, a consolidación dun liderado no ámbito do aluminio circular representaría unha oportunidade diferencial, ao posibilitar unha vantaxe reputacional e un acceso preferente a mercados nos que a sustentabilidade xa opera como criterio comercial determinante.

