20041210ariel sharon e george bush

Gaza e a recomposición política israelí

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Sharon e Bush, clic para aumentar
As presións internacionais non deben ser alleas a semellante metamorfose e Sharon acabou asumindo que a vía militar pódese esgotar en si mesma e que precisaba dun espaldarazo diplomático que limpase a súa imaxe ante o mundo. Neste senso, acudiu a EEUU a negociar o seu plan de desconexión e asegurouse o apoio da administración Bush que, pola súa banda, gañaba tamén a súa parte de boa imaxe por contribuír á "pacificación" en Oriente Próximo. A UE tamén amosouse disposta a mellorar o seu concepto do dirixente israelí, así como os veciños árabes rexionais, que atoparon unha escusa máis para seguir normalizando as súas relacións co histórico inimigo. Todo un éxito diplomático internacional, pois.
 

O mapa político israelí que se debuxa trala retirada das colonias do vulnerable territorio da Franxa de Gaza e dunha pequena parte de Cisxordania está cheo de interrogantes. Quizáis o primeiro a resolver sexa o panorama xeral que fai das contradiccións, cando menos aparentes, as protagonistas da axenda política israelí.

En primeiro lugar, é un goberno dirixido polo Likud, dereita tradicional israelí, remisa desde sempre a recoñecer a identidade palestina e moito menos a recoñecerlle territorio, quen está levando a cabo a polémica retirada de Gaza. Isto provoca estrañeza que se agranda se temos en conta que á cabeza do goberno atópase o grande promotor da construción de asentamentos en territorio xa considerado palestiniano dende 1967 por Nacións Unidas (NNUU).

Ariel Sharon, con causas pendentes nos tribunais internacionais por matanzas sobre poboación palestiniana como a de Sabra e Shatila ou pola construción do muro de separación que desgarra ilegalmente Cisxordania, é o símbolo da política de ferro israelí, da man dura contra o inimigo árabe, da seguridade e da defensa como paradigmas internos e externos. É o mesmo que nas eleccións que o asentan no poder no 2001, fai fincapé na oposición á proposta de retirada de Gaza feita polo seu contrincante laboralista, Amram Mitzna, e que agora dulcifica as formas e deseña o Plan de Desconexión de Gaza como un paso en camiño de acollerse á Folla de Ruta, último plano de paz auspiciado polo Cuarteto (EEUU, UE, Federación Rusa e NNUU), e como contribución á construción dun estado veciño de base palestiniana.

As presións internacionais non deben ser alleas a semellante metamorfose e Sharon acabou asumindo que a vía militar pódese esgotar en si mesma e que precisaba dun espaldarazo diplomático que limpase a súa imaxe ante o mundo. Neste senso, acudiu a EEUU a negociar o seu plan de desconexión e asegurouse o apoio da administración Bush que, pola súa banda, gañaba tamén a súa parte de boa imaxe por contribuír á "pacificación" en Oriente Próximo. A UE tamén amosouse disposta a mellorar o seu concepto do dirixente israelí, así como os veciños árabes rexionais, que atoparon unha escusa máis para seguir normalizando as súas relacións co histórico inimigo. Todo un éxito diplomático internacional, pois.

Sen embargo, Sharon non se coida moito de disfrazar as súas intencións de fondo que pouco teñen que ver coa creación dun estado palestiniano e, á par que se leva a cabo o desaloxo de Gaza e duns poucos asentamentos de Cisxordania, amplíanse as colonias por outros lados, en Cisxordania e Xerusalén Este, asegurándose a súa futura anexión a Israel. En marzo deste ano deuse a coñecer o informe realizado pola avogada israelí Talia Sasón (coñecido polo seu apelido), que acusa a Sharon de desviar fondos públicos para o establecemento de colonias en terreos privados palestinianos non autorizadas oficialmente polo goberno israelí. Todo isto en pleno debate nacional polo desmantelamento de Gaza. A mensaxe parece clara: cédese parcialmente en Gaza, territorio pequeno, moi empobrecido e con poucos colonos en relación a Cisxordania, preséntase como un grande sacrificio e garantese a continuidade nunha importante porción de Cisxordania e en Xerusalén Este, un obstáculo máis para a volta ás fronteiras marcadas pola ONU en 1967. ¿Contradición ou sabia aplicación das premisas gatopardianas de que todo mude para que non mude nada?

Mentres tanto, de portas adentro, o enramado político israelí complicase dando voltas arredor do Plan de Desconexión de Sharon e ábrense incertezas políticas cara o día despois, cun horizonte a curto prazo delimitado pola suposta convocatoria de eleccións que pode seguir á desconexión.

A polémica posta en marcha do seu plan para Gaza, anunciado en novembro do 2003, levou a Sharon a facer malabares políticos para suxeitar equilibrios gobernamentais que lle permitisen levalo adiante e sortear as trampas que lle ía pondo a oposición ao plan, boa parte afincada no seu propio partido. Deste xeito, a finais do 2004, ante a negativa do Shinui (partido laico e de corte centrista que formaba parte da coalición gobernamental do momento) de aprobar os orzamentos para o ano seguinte por incluíren fortes subvencións a grupos ultraortodoxos, Sharon esquiva o perigo de ter que adiantar as eleccións e paralizar o seu plan de desconexión buscando unha nova coalición gobernamental, esta vez co Partido Laborista.

O paradoxo está servido, os dous eixes do bipartidismo político tradicional, que se veñen turnando no poder nas últimas décadas, xúntanse para levar a cabo algo ao que sempre estiveron enfrontados: as concesións territoriais aos palestinianos. Simón Peres, imaxe da centro-esquerda israelí, convértese agora no viceministro do seu opoñente. Os polos desdebúxanse e parecen perder os seus arraigos típicos, ante o pasmo dunha ultradereita que pasa de ver a Sharon como un heroe a consideralo un traidor, e ao desnorte dunha esquerda que empeza a ver invadido o seu campo habitual de batalla.

Grazas a esta nova coalición e despois de enfrontarse a múltiples trabas tanto no Knesset (Parlamento israelí) como no consello do propio Likud, Sharon conseguiu sacar adiante o seu plan e a retirada de Gaza e parte de Cisxordania xa é case un feito. Sen embargo, o seu custo político aínda está por ver e, de momento o panorama político permanece revolto.

Dunha banda, o Likud está sumido nunha división interna que se manifestou claramente coa dimisión de Benjamín Netanyahu como ministro de Finanzas a principios de agosto, argumentada coa súa oposición á retirada de Gaza. Quen fora xefe de goberno entre 1996 e 1999, con Sharon como ministro de Exteriores, e despois "ministro estrela" do actual gabinete de Sharon, xoga así as súas cartas políticas cunha dimisión a última hora, no momento máis tenso, a poucos días do inicio da retirada, que responde máis a unha manobra para disputarlle a Sharon o liderato no Likud que á vontade de frear o Plan de Desconexión.

Nun primeiro momento, os sectores máis radicais do movemento dos colonos (aqueles que se vestiron de laranxa), a ultradereita e, incluso, algúns sectores do Likud, viron nel a posibilidade de encher o baleiro dun líder único ao que se enfrontaban e formar unha grande dereita forte, capaz de provocar a caída de Sharon, paralizar a retirada de Gaza e facer fronte ás presións de EEUU. Pero Netanyahu negouse a presidir unha importante concentración que a extrema dereita e o movemento colono celebrou en Tel Aviv o 11 de agosto en contra do Plan de Retirada e optou por realizar unha viaxe a EEUU, co obxectivo de recadar fondos para a súa campaña electoral. Semellan claras, polo tanto, as intencións do exministro de dar a batalla no seo interno do Likud para derrocar a Sharon e optar ao goberno nunhas probables próximas eleccións.

Netanyahu conta como baza cunhas cifras macroeconómicas moi favorables para Israel durante o seu período de ministro de Finanzas, produto dos paquetes de medidas neoliberais por el auspiciadas, que levaron á privatización de entes públicos, á baixada de impostos, a reformas estruturais e, en resumo, ao recorte do peso do sector público israelí; ao seu favor ten tamén os apoios da oposición interna no Likud ao Plan de Desconexión. Poderíamos estar ante unha situación semellante á dos anos noventa, cando Netanyahu fixolle fronte a Issac Rabin pola súa implicación no proceso de paz de Oslo, e consegue o poder no 1996 (un ano despois do asasinato do seu contrincante). Sen embargo, Sharon segue mantendo un importante poder político no propio Likud e ten gañado certo "e controvertido- prestixio internacional e, se o Plan de Retirada acaba supoñendo unha mellora en materia de seguridade, será difícil de reducilo a cinzas. As enquisas, polo de agora, vacilan entre un e outro.

Pero non só o Likud está en crise, senón que o Partido Laborista sofre un serio problema de identidade ao atoparse demasiado cerca de Sharon, o seu rival político principal. Cabe a posibilidade de que, unha vez remate a retirada de Gaza por completo, opte por marcharse do goberno para tomar forzas como oposición buscando o seu diferencial no eido social, que foi moi afectado polo neoliberalismo de Netanyahu.

Ante o actual escenario político israelí en reestruturación, onde cada facción deberá ir reubicándose, hai quen prognostica dous posibles cambios: un de amplo alcanc,e que levaría a Sharon a formar un novo partido alternativo ao Likud, menos á dereita, que aglutinase a parte do Shinui e parte do Laborista, o que suporía unha transformación cualitativa importante da estrutura política e ideolóxica israelí. Outro, de menos alcance, suporía a escisión do Likud, sen coalición cos afíns doutros partidos.

Dun xeito ou doutro, a evolución da situación en Gaza vai ser fundamental, o que nos dá unha idea do peso que ten a cuestión palestiniana na política interna israelí e do fráxil que resultan o resto das premisas ideolóxicas das diferentes frontes políticos. Máis que ante unha confrontación entre diferentes programas, parece que estamos asistindo a unha loita entre líderes, tanto a nivel interno dos partidos como externo, e que a alternancia que ven caracterizando ao sistema político israelí entre o Likud e o Partido Laborista, alcanza tamén aos seus dirixentes.