Tense falado moito nas últimas semanas do artigo publicado no WSJ polo ex secretario de Estado Henry Kissinger a propósito da orde mundial post-pandemia. Menos atención se ten prestado ao publicado polo derradeiro líder soviético, Mijail Gorbachov, en Time o pasado 15 de abril.
Tense falado moito nas últimas semanas do artigo publicado no WSJ polo ex secretario de Estado Henry Kissinger a propósito da orde mundial post-pandemia. Menos atención se ten prestado ao publicado polo derradeiro líder soviético, Mijail Gorbachov, en Time o pasado 15 de abril.
Mentres a esencia do artigo de Kissinger é a reivindicación dos principios e valores da Ilustración liberal como dique de contención de riscos maiores na mutación do paradigma global, Gorbachov apunta á necesidade de evolucionar cara “unha nova conciencia”. Kissinger urxe definir prioridades atendendo primeiro á superación da pandemia, mentres Gorbachov volta a aquel “novo pensamento” que acompañara a perestroika para demandar unha revisión a fondo da axenda global.
Se ambos os dous coinciden en defender a concertación mundial fronte as ameazas comúns recoñecendo que ninguén por si só é quen de afrontalas con éxito, para Gorbachov a clave reside no concepto de seguridade humana, que vai máis aló do de seguridade a secas. A seguridade humana é hoxe a que importa, e iso significa que os gobernos e as institucións globais deben desmilitarizar as súas concepcións deixando de desperdiciar o diñeiro alimentando a industria armamentística. Ao tempo que propón que se reduza o gasto militar nun 10-15 por cento, Gorbachov convida a pasar a primeiro plano a seguridade alimentaria, o cambio climático ou a saúde, moi por diante da sacralización dos factores estritamente militares.
Se para Kissinger as esperanzas inmediatas pasan por sandar as feridas da economía, que serán maiores e de maior complexidade que as desatadas pola crise financeira de 2008, Gorbachov alerta sobre os efectos sociais e, en particular, sobre unha nova espiral de exacerbación das desigualdades.
As estratexias e obxectivos comúns a toda a humanidade, penden aínda dun fío. Os Obxectivos do Milenio, adoptados pola ONU no 2000, fóronse implementando de maneira moi desigual e deberan pasar a primeiro plano. É aí onde se xoga a recuperación da confianza institucional, di Gorbachov, mentres para Kissinger, a eficiencia pública pasa pola preservación da solidariedade social.
A ansiedade estratéxica estadounidense é invocada por Kissinger ao urxir un exercicio de contención que estableza claras prioridades: ante todo, superar a pandemia; despois, preservar a primacía liberal na orde mundial. Sensación de perigo incipiente.