Artigo publicado orixinalmente na Revista ECO do mes de xullo do 2023
gzlusofonie

Lula e Galicia na construción da lusofonía

No estudo“La Lusofonía impulsada por Brasil: un análisis de los procesos de regionalización en el corredor de Nacala 2010-2016” (2018, Lucía Viceconte, IUDC-UCM) a autora fundamenta ao longo da obra que os gobernos de Lula da Silva e Dilma Roussef autoconstruíron a Lusofonía como ferramenta de poder brando do Brasil no escenario internacional do S.XXI. A autora significa o proceso lusófono da década dos 10 como un dos resultados notables en política exterior do Goberno Lula-Dilma: “Procuraron fortalecer non só as relacións culturais senón tamén os lazos económicos e políticos co obxectivo de promover a construción dunha Comunidade e identidade Lusófona, onde son líderes”.

En contraste, o Goberno Bolsonaro 2018-2023 mantivo unha relación irregular co conxunto da lusofonía. A súa relación oscilou entre as malas relacións con Portugal e a indiferenza na construción da comunidade lusófona e a CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa). Como dato, Bolsonaro non visitou durante o seu mandato nin un só país africano. Con estes vimbios compréndese a ilusión coa que os Presidentes de Estados de lingua oficial protuguesa recibiron a vitoria electoral de Lula en decembro do 2022. O máis entusiasta foi o José Ramos-Horta (recentemente escollido presidente de Timor-Leste), que chiou no twitter “A xustiza restaurou a vibrante democracia brasileira, corrixindo así as graves violacións do Estado de Dereito, as inxustizas e a manipulación do poder xudicial”. Desde Mozambique, a mensaxe do presidente Filipe Nyusi afirmou “ábrese unha nova viaxe de esperanza cara a unha nova era de cooperación e fortalecemento da nosa irmandade”. Na mesma corrente, José Maria Neves, presidente da República de Cabo Verde (e bo coñecedor de Galicia e do fenómeno Burela), utilizou as redes sociais para desexar que “cómpre reforzar aínda máis as relacións de cooperación e amizade”. Pola súa banda, João Lourenço, Presidente de Angola indicou “precisamos rescatar as ricos lembranzass das relacións bilaterais que se acumularon no pasado recente”.

A visita de Lula a Portugal, na 13ª cimeira luso-brasileira, que coincidiu co 25 de abril deste 2023, non destacou por ter unha axenda lusófona forte, se non por poñer un punto e a parte ás relacións bilaterais tralo goberno Bolsonaro. Sen embargo, os seguintes pasos a dar na mobilidade humana dentro do espazo da CPLP, así como o trato preferente desde o Ministerio de Exteriores brasileiro aos países africanos de lingua portuguesa, volverán ser centro das posibilidades nun novo encantamento, que a vista de todas precisa descolonizar o peor do seu pasado e construír co mellor do seu legado.

Haberá que andar atentas ao 27 de agosto, cando se celebre en Sao Tomé e Príncipe (que acollerá a Presidencia da CPLP por dous anos logo da Presidencia angolana) a próxima Cimeira de Xefes de Estado da CPLP baixo o título “Juventude e Sustentabilidade”. A posibilidade dun punto de inflexión na dinámica da CPLP, un impulso cara diante e un novo namoro entre o Brasil e África será relevante para Galicia. Próximos a cumprir o décimo aniversario da aprobación por unanimidade no Parlamento de Galicia da coñecida como Lei Paz Andrade (Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía), a nova etapa que agora abrirá a maior organización lusófona pode ser un novo escenario idóneo para desenvolver a Lei en Galicia con máis intensidade.

Grandes proxectos dos que se fala desde hai anos, como a Casa da Lusofonía, o Observatorio da Lusofonía Paz Andrade (no que traballa a Xunta, derivada da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento), ou os mecanismos de participación de Galicia na CPLP, (agora que España é observador asociado recoñecendo o peso de Galicia neste proceso), poden ter unha nova onda de oportunidades para maximizar as posibilidades do retorno das nosas accións en todos estos países, que suman os 250 millóns de habitantes…

Non obstante, o prioritario (como no conxunto da prolífica acción exterior de Galicia) é ordear e poñer en común todo o que xa se está facer desde a Xunta, as cidades, as Deputacións. Sumar forzas coa sociedade e trazar unha folla de ruta que máis alá das palabras e os titulares traia novas enerxías ao noso modelo de desenvolvemento do futuro. Poucas cousas darían máis sentido a caracterización de nacionalidade histórica no Estatuto, pase o que pase o 23 de xullo.