Portugal é un dos mellores clientes de Galicia. No pasado ano, a evolución dos intercambios comerciais resultou moi positiva. Despois do francés, Portugal representa o noso segundo mercado en importancia, ocupando, sobre o total das exportacións e das importacións galegas, unha cuota do 17,49% e do 8,1%, respectivamente (datos de 1996). Tamén para Portugal, Galicia comeza a ser un punto de referencia inevitable. É o resultado de múltiples achegamentos, auspiciados de xeito plural por entidades diversas pero con especial protagonismo das dúas Administracións, que conseguiron dar a volta a esas "longas décadas de pedra" que diría Celso Emilio Ferreiro, e que, inevitablemente, dende a perspectiva actual, podemos contemplar cunha estraña sensación de incomprensión e incredulidade, por tanto tempo perdido. Esa mellora, en marcha, das comunicacións e doutras infraestructuras posibilitará sen dúbidas maiores e significativos avances nos próximos anos.
Atopámonos no momento ideal para imaxinar un novo xeito de relacionamento co país veciño. Cómpre ter en conta que se boa parte das relacións comúns artellaronse en igual medida sobre a base da suma e coordenación de esforzos perante as institucións comunitarias, este esceario comezou a esgotarse de maneira evidente. A ampliación da Unión Europea ó Leste significará, a curto prazo, unha merma considerable das oportunidades desenvolvidas ata hoxe neste sentido e esixirá a contemplación de novas coordenadas para favorecer os intercambios entre Galicia e Portugal e atopar un posicionamento idóneo no novo contexto comunitario e internacional.
Non se trata pois de impulsar soamente o comercio ou o investimento transfronteirizo, senón de explorar en serio a posibilidade de establecer alianzas, de empresas, en sectores, que nos permitan acceder a ambos, tanto a Galicia como a Portugal, en mellores condicións, a determinados mercados. Pensemos por exemplo, no interese común manifestado polo MERCOSUR e na posibilidade de establecer coincidencias en relación a Brasil; ou na oportunidade de utilizar conxuntamente a colonia portuguesa de Macao como porta de entrada no inmenso mercado chinés. É posible definir espacios de converxencia estratéxica no ámbito da internacionalización que solidifiquen aínda máis as relacións mutuas, comprometendonos nun salto prospectivo que nos ubique no próximo século.
Ese tronco histórico, lingüistico e cultural que orgullosamente compartimos, constitúe unha base excelente para seguir coñecendonos mellor, reconducir esas diverxencias que non se deben ocultar, e facer posible o establecemento dunha área de entendemento volcada para a acción. Cómpre reorientar algunhas das nosas institucións e actividades, insistindo máis na cooperación ca na competencia, e introducindo novos elementos de reflexión para respostar adecuadamente ós desafíos que nos presenta un contexto económico internacional extremadamente dinámico e voluble.
Lisboa 98, que será punto de destino obrigado para tantos galegos neste Ano Internacional do Océano, representa unha excelente ocasión para profundizar nos múltiples vencellos que ese Miño común ocúpase de regar día a día, e contemplar a evolución das relacións mutuas dende unha nova perspectiva, que teña en conta a positiva progresión do feito rexionalizador en Portugal, pero superadora á vez desa primeira etapa que situaba no Norte o límite das nosas expectativas.