20080123 madrid alvaro uribe rodriguez zapatero

Moita FARC e pouco Uribe

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Ãlvaro Uribe e José Luís Rodrínguez Zapatero; clic para aumentar
Malia isto, o colombiano conta con amigos como Zapatero, que amais de venderlle armas aseguroulle na súa visita a España en xaneiro que axudaría sempre a defender a soberanía do seu territorio, en clara alusión a Venezuela. Ora ben, cando é Colombia a que profana outras terras, Zapatero limítase a "seguir o tema con preocupación". (Foto: Álvaro Uribe (esquerda) e José Luís Rodrínguez Zapatero, en Madrid o 23 de xaneiro de 2008).
 

A obsesiva carraxe que os poderes político-financeiros teñen pola alternativa bolivariana de Hugo Chávez é a única razón de que os mass media leven semanas a voltas coas FARC, Íngrid Betancourt e Colombia. Temen que co éxito diplomático de Chávez na liberación de reféns medre aínda máis a súa popularidade, por iso teiman en reproducir as sempre excéntricas formas do venezolano. Porén, tenden cínicas sombras mediáticas sobre a realidade da eterna guerra de Colombia e o sufrimento da súa poboación.

Que esta é a única razón é obvio, pois o conflito armado figura ano tras ano na listaxe dos dez máis esquecidos do planeta "segundo Médicos do Mundo" xunto a outros como o da R. D. do Congo, Cimbabue ou Chechenia.

E o certo é que esa guerra, que xa ten 40 anos, provocou o desprazamento de 3,8 millóns de persoas, na súa meirande parte non por mor das FARC, senón pola violencia dos grupos paramilitares en sanguenta irmandade coas forzas gobernamentais, empresas e membros da oligarquía. Estes grupos, que chegaron a controlar o 35% dos deputados do Parlamento, fixeron desaparecer a máis de 15.000 persoas, soterrándoas en 3.000 fosas comúns, cometeron 3.500 masacres entre 1982 e 2005 e roubaron 6 millóns de hectáreas de terra. Hoxe posúen a metade das ricas zonas rurais do país. Dende 2002 "comezo da era Uribe" o exército cometeu máis de 950 execucións extraxudiciais e os paramilitares asasinaron a 600 persoas cada ano. Vaia, que Uribe Vélez goberna unha especie de sucursal ianqui, practicando o terrorismo de Estado que dá xenio.

Hai uns días o exército de Uribe violaba o espazo aéreo de Ecuador para "cazar" o número dous das FARC, Raúl Reyes. Logo entrou por terra a recoller o "trofeo", abandonando os demais mortos e feridos. Disque coa dita operación, que desbota a vía diplomática para solucionar a contenda e insiste na militar, Uribe pretende recuperar a popularidade no seu país, para así cambiar a Constitución e acceder a un terceiro mandato.

Malia isto, o colombiano conta con amigos como Zapatero, que amais de venderlle armas aseguroulle na súa visita a España en xaneiro que axudaría sempre a defender a soberanía do seu territorio, en clara alusión a Venezuela. Ora ben, cando é Colombia a que profana outras terras, Zapatero limítase a "seguir o tema con preocupación".