Nagorni-Karabaj

Na segunda metade dos oitenta, foi un daqueles primeiros conflitos que deixaron entrever as fendas da problemática nacional na extinta Unión Soviética. Agora, máis de trinta anos despois, Nagorni-Karabaj asoma de novo, esta vez como expresión non só da eterna disputa entre armenios e azerís, senón entre Moscova e Ankara e ata como un expoñente máis das idénticas tensións estratéxicas que sacoden os escenarios sirio ou libio. A mediados de xullo, varias ducias de persoas faleceron en enfrontamentos na rexión de Tovuz, na fronteira entre os dous países, en pleno corazón da rexión do Cáucaso, facendo temer o rebrote dunha nova escalada.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

Na segunda metade dos oitenta, foi un daqueles primeiros conflitos que deixaron entrever as fendas da problemática nacional na extinta Unión Soviética. Agora, máis de trinta anos despois, Nagorni-Karabaj asoma de novo, esta vez como expresión non só da eterna disputa entre armenios e azerís, senón entre Moscova e Ankara e ata como un expoñente máis das idénticas tensións estratéxicas que sacoden os escenarios sirio ou libio. A mediados de xullo, varias ducias de persoas faleceron en enfrontamentos na rexión de Tovuz, na fronteira entre os dous países, en pleno corazón da rexión do Cáucaso, facendo temer o rebrote dunha nova escalada.

O contencioso representa todo un paradigma dos conflitos conxelados e sen solución á vista. Unha das costuras rebentadas da vella URSS, o territorio do Alto Karabaj, poboado na súa maioría por armenios pero pertencente ao Acerbaixán que Castelao visitara nos anos trinta, desembocou nunha violencia continuada que obrigou a crear en 1992 o Grupo de Minsk, no marco da OSCE (Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa), que a día de hoxe só serviu para manter baixo control a violencia pero sen albiscar unha solución de fondo. Mentres, Nagorni-Karabaj mantense como un estado de feito que ningún membro da ONU recoñece, unha situación case semellante á doutros suxeitos do espazo ex-soviético como Abxasia, Osetia do Sur ou mesmo a Transnistria moldova.

Se naquel entón os EUA ou Francia xa amosaran a súa indiferenza a pesar de co-presidir aquela troika con Rusia, só Moscova mantén o seu acompañamento activo a través dunha recoñecida influencia sobre Ereván. Turquía, por contra, apoia a Bakú. E se Putin xoga na Libia post-Gadafi a carta do mariscal Haftar, ou en Siria a de Bachar el-Asad, Erdogan ofrece conselleiros militares ao Goberno de Unidade Nacional en Trípoli –recoñecido pola ONU- ou implícase na guerra siria para estender a súa influencia no mundo árabe. Turquía e Rusia, a pesar do seu acercamento nos últimos anos, apoian a partes opostas nestes contenciosos.

O rexurdir das tensións é explicado por algúns en razón do desastre económico armenio e da necesidade do novo presidente, Armén Sarkissian, de manobrar para desviar a atención desta grave crise. Pero podería gardar tamén relación coa evolución das fendas xeopolíticas do Oriente Medio e ata coas diverxencias no seo da propia OTAN. A ONU clamaba no deserto estes días a prol do cese das hostilidades ao tempo que tamén denunciaba as violacións permanentes ao embargo de armas.

As grandes potencias son quen de aliarse e mobilizarse rápidamente para emprender accións militares como aconteceu en 2011 da man dos  EUA, Francia e Reino Unido, co amparo da OTAN, para derrubar a Gadafi e converter Libia nun Estado fallado e a mercé de milicias tribais, xihadistas e mercenarios teleguiados por uns e por outros (pero só Gadafi foi encausado polo Tribunal Penal Internacional da Haia). Nunca veremos igual empeño na construción da paz