Netanyahu

Ten, por fin, a guerra que buscaba e precisaba para desatascar a parálise política de Israel, tras catro eleccións frustradas e cun encoraxamento á alza dos ultranacionalistas xudeus. Netanyahu, o primeiro ministro que máis tempo leva no cargo, observaba con preocupación como os seus rivais, desta vez podían chegar a formar un goberno para desbancalo. A guerra é o balón de osixeno que lle permite coller aire cando esas negociacións esvaran. Que alegaron os que se retiraron da negociación alternativa? Os enfrontamentos. Todo vale para Netanyahu. As vítimas, palestinas ou israelitas, milicianos ou civís, pouco importan. Xa dixo que as operacións “levarán tempo”, o que precise para selar a súa permanencia no poder.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

Ten, por fin, a guerra que buscaba e precisaba para desatascar a parálise política de Israel, tras catro eleccións frustradas e cun encoraxamento á alza dos ultranacionalistas xudeus. Netanyahu, o primeiro ministro que máis tempo leva no cargo, observaba con preocupación como os seus rivais, desta vez podían chegar a formar un goberno para desbancalo. A guerra é o balón de osixeno que lle permite coller aire cando esas negociacións esvaran. Que alegaron os que se retiraron da negociación alternativa? Os enfrontamentos. Todo vale para Netanyahu. As vítimas, palestinas ou israelitas, milicianos ou civís, pouco importan. Xa dixo que as operacións “levarán tempo”, o que precise para selar a súa permanencia no poder.

Dende que en 2007, Hamás, organización considerada terrorista por 8 países (de 194), exerce o control de Gaza, as escaramuzas téñense reiterado con tres episodios graves, o último hai sete anos. Dende hai tres lustros sofre un bloqueo militar por parte de Israel e Exipto convertendo este territorio nunha auténtica  prisión a ceo aberto. A comunidade internacional considera a Gaza, xunto con Cisxordania, Xerusalén Este e os Altos do Golán, “territorio ocupado” por Israel dende 1967.

Os EUA, que a tantos afean as violacións dos dereitos humanos, non observan aquí nada estraño, unha vez máis. Os que reclaman a defensa “dunha orde baseada en regras” desprezan a legalidade internacional. Joe Biden, seguindo a estela do seu predecesor de abandono aberto de calquera neutralidade aparente (que foi daquela solución dos dous Estados?), ao santificar o dereito lexitimo de Israel a se defender, deulle carta branca a Netanyahu para facer o que lle pete, ata facerse con todo: casas, terras, vidas….. Os musulmáns palestinos non son uigures e aquí non hai xenocidio. Que ninguén espere anuncios de suspensión da axuda militar (3.800 millóns de dólares anuais), que sería o procedente como mínimo, nin tampouco a reversión do recoñecemento da capitalidade de Xerusalén. “Principios e valores”, di Biden que son a guía da política exterior estadounidense….

No Consello de Seguridade da ONU, Washington bloquea reiteradamente declaracións e iniciativas para arrefriar a situación. No entanto, a desesperación espalla as tensións a cidades como Lod, Acre ou Haifa, onde a porcentaxe de poboación árabe é relativamente alta. A UE nin está nin se lle espera; di que só os EUA poden facer algo. A autonomía transmutada en impotencia. Iso si, haberá axudas para a reconstrución. As condenas doutros países apenas se escoitan. O mesmo acontece coa prescindible Organización de Cooperación Islámica. Hai toque de silencio. Aos chamamentos á desescalada, Netanyahu responde coa preparación dunha campaña máis ampla.

Israel é o país ocupante e agresor que sistematicamente ven aplicando unha violenta política de apartheid e limpeza étnica contra os que defenden os seus fogares de toda a vida e padecen unha discriminación inhumana, como puidemos apreciar recentemente na súa exclusión de facto do “modélico” proceso de vacinación israelita contra a Covid-19.

Todo vomitivo e repugnante.  Todo Netanyahu.