O pequeno está de volta

Vivimos nuns tempos onde o discurso da unidade europea é repetido constantemente polos líderes políticos e onde se pon en valor o camiño percorrido mediante institucións como o euro. Mais tamén é agora cando isto mesmo semella un canto ao ceo por atoparnos nun contexto onde a fragmentación estase a pór en valor tanto dentro das fronteiras comunitarias – por exemplo cos nacionalismos como o británico ou, noutro senso, co catalán - como nas da veciñanza máis próxima, como o conflito ucraíno.
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego
Vivimos nuns tempos onde o discurso da unidade europea é repetido constantemente polos líderes políticos e onde se pon en valor o camiño percorrido mediante institucións como o euro. Mais tamén é agora cando isto mesmo semella un canto ao ceo por atoparnos nun contexto onde a fragmentación estase a pór en valor tanto dentro das fronteiras comunitarias – por exemplo cos nacionalismos como o británico ou, noutro senso, co catalán - como nas da veciñanza máis próxima, como o conflito ucraíno.O estudo da historia axuda  comprender mellor os tempos presentes e remitirse ao inicio da Europa dos nacionalismos pódenos axudar nesta meta.A comezos do século XIX, tralo Congreso de Viena, xa nos atopamos cunha Europa complexa formada por algún microestado, unha fragmentada Alemaña constituida por dúcias de reinos e principados e unha incipiente Prusia, así como unha fragmentada península itálica, e pola contra varios Estados e Imperios. Se xa era complexa a situación, o inicio da era dos nacionalismos fixo incrementar o número de países independentes: nos anos 20 e 30, Grecia escíndese dos Otománs e Bélxica de Holanda. Na segunda metade do século, Luxemburgo tamén se independiza de Holanda e comeza a desintegración dos turcos, co xurdimento nos Balcáns de Romanía, Bulgaria, Serbia e Montenegro. Certo é, pola contra, que Alemaña e Italia comezaran a súa reunificación.A comezos do séculos XX Noruega independizouse de Suecia e Albania dos otománs, e paralelamente á I Guerra Mundial Irlanda faino da Gran Bretaña. Mais a nova onda secesionista produciuse tralo fin da guerra coa sinatura dos tratados de Paz, iniciándose co fin do Imperio Austro-Húngaro mediante a creación da nova Austria e Checoslovaquia; mais tamén Finlandia, Polonia, a cidade libre de Danzig e as tres repúblicas bálticas. Pola contra, xurdiu Iugoslavia coa unión de Montenegro e Serbia cos restos austrohúngaros nos Balcáns. Tamén Islandia independizouse de Dinamarca.Asemade, co caos xurdido trala revolución rusa varios territorios declararon a súa independencia dun xeito efémero: Ucraína, a fútil Transcaucasia, Xeorxia, Acerbaixán e Armenia. Todas serían absorbidas pola URSS. Mais os “experimentos” tamén existiron no extinto Imperio Austro-Húngaro con Fiume, Lemko e Komancza. Cómpre sinalar, iso si, a creación en 1929 da Cidade do Vaticano, un microestado que buscou resolver o problema da anexión por Italia dos Estados Pontificios.O ascenso dos fascismos e o nacionalsocialismo acabaría con esta tendencia, pulando pola unificación territorial en grandes “imperios”; se ben é certo que nalgúns casos desintegraron territorios por intereses estratéxicos: Checoslovaquia foi dividida en dous e Iugoslavia en tres partes, non sobrevivindo tralo conflito reconstruíndose as antigas nacións. As repúblicas bálticas foron de novo anexionadas á URSS e Finlandia e Polonia retomaron a súa independencia con modificacións fronteirizas. Albania tamén retomaría a súa soberanía trala anexión italiana no 1939.Verdadeiramente, o único Estado novo que xurdiu trala guerra foi a RDA, e por tanto a RFA. De xeito anecdótico, creouse o microestado do Territorio Libre de Trieste, desaparecendo a mediados da década dos cincuenta. A Guerra Fría foi un período de pouco movemento fronteirizo en Europa, exceptuando as independencias de Chipre e Malta nos anos 60 como antigas colonias británicas.A caída do bloque soviético provocou entre 1990 e 1991 o xurdimento de seis novos Estados europeos sen contar cos do Cáucaso: os tres bálticos, Bielorrusia, Ucraína e Moldavia. Pola contra, produciuse a reunificación alemá. Tamén se produciu a escisión pactada de Checoslovaquia e a cruenta desintegración de Iugoslavia en varios territorios. Ademais, no 2006 Montenegro independizouse de Serbia. A todo isto hai que engadir as independencias sen un recoñecemento internacional consensuado da República Turca do Norte de Chipre (xa en 1983), Transnitria (1990) e Cosova (2008).Así, a día de hoxe Europa está dividida en 40 Estados, 6 microestados, 3 territorios independentes, a colonia británica de Xibraltar, varios territorios autónomos como Groenlandia e as Feroe (danesas), as illas Aland (finesas) ou as illas do Canal e a de Man (británicas). Se consideramos aos países caucásicos incorpóranse 3 Estados máis e os non recoñecidos de Abjasia, Nagorno Karabaj e Osetia do Sur, e practicamente un crebacabezas no Cáucaso ruso. Todo isto eleva ao redor de 50 o número de Estados, dúas veces e media os que existían hai dous séculos, sen contar os territorios independentes e a colonia, e varios casos especiais.Poñendo a vista no futuro, esta situación pode ir a máis. Por unha banda, temos os casos dos independentismos rexionais: no Reino Unido sobresae Escocia co referendo en 2014 e co novo desexo de independencia tralo Brexit en 2016; Francia conta co independentismo corso, se ben adormecido, e coa tensión dun posible contaxio no caso dunhas hipotéticas independencias no País Vasco e Cataluña nas súas fronteiras reivindicadas por estes últimos. Bélxica atópase na praxe divida en dúas partes, cunha cidade internacional como Bruxelas, entre os flamencos que desexan a secesión e os valóns que pulan pola unidade. Na Italia, o norte conta cun movemento contestatario ao sur "pobre”.Ademais, moitos outros territorios pulan se non pola independencia si por una maior autonomía, como son Baviera, Bretaña, Gales, Irlanda do Norte, Srpska, Cerdeña, Trentino, Silesia, Groenlandia ou as Illas Feroe. Cómpre destacar que moitos deles atópanse no seo da Unión Europea.Neste senso, a Unión como proxecto unificador nado trala II Guerra Mundial estase a ver ameazado por estes fenómenos[1]. Mais a súa principal ameaza son as forzas que xorden no seu seo e que pulan pola saída dos seus Estados de territorio comunitario, como xa sucedeu co voto pola saída do Reino Unido da UE.Así, poderíase concluír que semella evidente a existencia dunha gran fragmentación europea tanto no seo da UE como fóra dela. E a tendencia é mais ben un afondamento nesta senda aínda maior, cousa que non debe preocupar xa que a unidade política non resulta imprescindible para a prosperidade dunha sociedade, como puido exemplificar historicamente a Grecia clásica ou a Italia renacentista.   


[1] Para entender mellor as causas, ver: “A cuarta onda nacionalista” deste mesmo autor en http://www.igadi.org/web/publicacions/nos-no-mundo/nos-no-mundo-2017