Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 6 ao 12 de Marzo de 2017

Taiwan Hebdo 11-2017

1. Informe

As primarias no KMT aceleran o paso. Segundo algúns medios locais, Hau Lung-bin leva a dianteira na carreira pola presidencia da formación azul. Tanto os membros do KMT como o público en xeral parecen responder positivamente á súa campaña. Algunhas sondaxes atribúenlle un nivel de apoio público do 17 por cento fronte ao 16 da actual presidenta Hung Hsiu-chu e o 14 por cento do ex vicepresidente Wu Den-yih, os tres mellor situados. O balance entre os simpatizantes do KMT resulta lixeiramente máis favorable coas preferencias sinaladas, respectivamente do 24, 22 e 19 por cento para cada candidato.

Liñas de investigación Observatorio de la Política China
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

1. Informe

As primarias no KMT aceleran o paso. Segundo algúns medios locais, Hau Lung-bin leva a dianteira na carreira pola presidencia da formación azul. Tanto os membros do KMT como o público en xeral parecen responder positivamente á súa campaña. Algunhas sondaxes atribúenlle un nivel de apoio público do 17 por cento fronte ao 16 da actual presidenta Hung Hsiu-chu e o 14 por cento do ex vicepresidente Wu Den-yih, os tres mellor situados. O balance entre os simpatizantes do KMT resulta lixeiramente máis favorable coas preferencias sinaladas, respectivamente do 24, 22 e 19 por cento para cada candidato.


Algunhas informacións apuntan a que a presidenta Hung Hsiu-chu planea relanzar a súa campaña visitando o continente este mesmo mes atendendo unha visitación dos empresarios taiwaneses establecidos alén do Estreito. No marco desa visita, Hung podería reunirse con Yu Zhengsheng, presidente da Conferencia Consultiva Política do Pobo Chinés. É probable que aquel candidato que obteña o respaldo tácito de Beijing poida ter maiores posibilidades de asumir as rendas do partido durante os próximos catro anos. Con todo, ese mesmo apoio podería influír negativamente nas súas expectativas de cara ás presidenciais de 2020.

Segundo un informe publicado por Up Media, Hung cancelou unha visita prevista a EUA para non distraerse moito da campaña electoral. Fontes da súa contorna desmentiron que teña plans de visitar o continente no futuro próximo e cualificaron as informacións de “especulacións motivadas politicamente”. Nunha entrevista concedida por Hung a unha emisora local, recoñeceu cancelar os seus plans de viaxe para evitar malentendidos de que estaba tratando de aumentar as súas perspectivas de reelección a través de ditas visitas. 

En paralelo, tamén prosegue o debate sobre o censo de militantes ante unha nova proposta que pretende deixar votar nos comicios internos só aos militantes cunha antigüidade mínima superior ao ano -en lugar de catro meses-.

2. Observacións de contexto.

* Diversos actos tiveron lugar en Taiwán con motivo do Día Internacional da Muller. O primeiro ministro Lin Chuan asegurou que a igualdade é o valor máis importante nunha sociedade civilizada, e ninguén debe sufrir discriminación ou trato inxusto por razóns de xénero. A presidenta do KMT, Hung Hsiu-chu, acusou a Tsai Ing-wen de prestar pouca atención aos dereitos das mulleres, malia ser a primeira muller presidenta do país. 

* O portavoz do Yuan Executivo, Hsu Kuo-yung, asegurou que o Goberno persiste no seu plan de converter a Taiwán nun país sen enerxía nuclear e que o obxectivo para conseguilo é 2025. Máis de 1.000 persoas manifestáronse en Taipéi en contra da enerxía nuclear e esixindo un cronograma e pasos concretos ao goberno. Similares mobilizacións leváronse a cabo en Kaohsiung e o condado de Taitung. 

* Goberno e empresarios crearon un Comité de Cooperación Industrial de Asia-Pacífico para promover o comercio no marco da Nova Política cara ao Sur. O comité contará con seis equipos centrados en Vietnam, Malaisia, Tailandia, Indonesia, India e Filipinas. Os países da ASEAN prevén un crecemento económico medio do 4,9 por cento nos próximos cinco anos. Esta rexión é a segunda maior receptora das exportacións taiwanesas. 

* Ata un 30 por cento ou máis das universidades taiwanesas asinaron acordos de compromiso con China continental. Estes acordos inclúen cláusulas polas que os estudantes do continente non podían estar expostos a certos temas políticos. Algúns dos acordos subscritos violan o artigo 33.3 da Lei de Relacións entre as persoas do área de Taiwán e a área continental. Unha investigación púxose en marcha. 

* En EUA, o ex presidente Ma Ying-jeou declarou que non ten intención de visitar China no futuro próximo. Ma cualificou a Hu Jintao como o secretario xeral do PCCh máis amigable con Taiwán e destacou que o desafío da política de “unha soa China” tería un efecto maior nas relacións entre EUA e China que non beneficiaría a Taiwán. 

* O Yuan Executivo iniciou a revisión da proposta de cambiar o nome da Asociación para as Relacións con Asia Oriental a Asociación para as Relacións Taiwán-Xapón, unha entidade que xestiona os lazos con Xapón en ausencia de relacións diplomáticas formais. Os cambios requiren o consentimento de ambas partes. Polo momento non é unha prioridade o cambio do nome do Consello de Coordinación de Asuntos Norteamericanos, o parceiro do Instituto Americano en Taiwán. 

* Proseguen as especulacións en torno á participación na Asemblea Mundial da Saúde que terá lugar entre o 22 e o 31 de maio. O ministro de Exteriores David Lee apuntou a dúas posibilidades: non recibir a invitación ou recibir unha invitación de compromiso. O ano pasado, o representante taiwanés eludiu facer mención no seu discurso á palabra “Taiwán”. Nos últimos 8 anos, Taiwán participou como observador. En 2016, a invitación foi tardía e contiña unha referencia inesperada á Resolución número 2758 de Nacións Unidas. 

* Tras darse a coñecer o informe de Dereitos Humanos do Departamento de Estado de EUA, Taiwán recoñeceu que a explotación de traballadores estranxeiros é un dos principais problemas enumerados. Outras preocupacións que destaca o documento son a autocensura nalgúns medios de comunicación con respecto a China continental, a compra de votos, violacións da xornada laboral, aumento do abuso infantil, entre outros. 

* A presidenta Tsai planea realizar unha visita aos aliados diplomáticos no segundo semestre do ano. Non hai ningún aliado onde as relacións oficiais con Taiwán estean en luz vermella, dixo David Lee. Tsai pretende visitar os 21 aliados diplomáticos durante o seu mandato. Os rumores de inestabilidade nos países do Caribe foron desmentidos, en especial Santa Lucía, con quen os lazos restauráronse en 2007. 

3. Datos relevantes

* As reservas de divisas de Taiwán alcanzaron a finais de febreiro unha cifra récord de 437.651 millóns de dólares estadounidenses. 

* O índice de envellecemento de Taiwán rompeu en febreiro a barreira de 100. Foi de 100,18, cun aumento de 6,68 en comparación co mesmo período do ano pasado. Isto significa que Taiwán ten xa máis persoas anciás que mozas. 

* Un informe de Transparencia Internacional sinala que os niveis de suborno en Taiwán, Australia e Sri Lanka eran moi ou bastante baixas. Malaisia e Vietnam obtiveron as peores notas.

* Segundo un informe de 1111 Job Bank, un 47 por cento das mulleres taiwanesas séntense inxustamente tratadas no lugar de traballo, especialmente logo de casarse ou quedarse embarazadas. 

* O pasaporte da República de China foi clasificado na 59ª posición a nivel mundial segundo o Índice de Pasaporte Nomad. 

* Taiwán sitúase en 11ª lugar en canto a velocidade de datos móbiles, segundo un informe de OpenSignal. Un total de 87 países foron avaliados. 

4. Nomes relevantes

* Deamos Chiang, bisneto de Chiang Kai-shek, foi criticado polo KMT en razón dunhas declaracións nas que mostraba a súa desconformidade con “erixir unha estatua ou construír unha sala conmemorativa para un líder inmediatamente logo da súa morte”, comparándoo con Lenin, Stalin ou Mao. 

* Le Yuan-tsu, vicepresidente da República de China entre 1990 e 1996, natural de Hunan, faleceu en Taipéi á idade de 93 anos. 

* Kim Han-Sol, fillo do asasinado Kim Jong-nam, irmán do actual presidente norcoreano, podería atoparse en Taiwán baixo protección das autoridades, segundo fontes niponas.

* O estudante de China continental Zhou Hongxu foi acusado de espionaxe e ingresado en prisión.