A minoría rohingya, vítima dunha limpeza étnica

O polvorín birmano

O drama vivido pola minoría rohingya en Myanmar, vítima dunha limpeza étnica sen paliativos condenada polas Nacións Unidas, non é mais que a punta do iceberg da fráxil convivencia que caracteriza este país dende hai décadas. Ata preto de medio millón de integrantes desta minoría musulmá foron expulsados polo exército regular cara o Bangladesh veciño. Máis de duascentas aldeas desta minoría foron totalmente arrasadas e ducias de minas antipersoa foron colocadas no lado birmano da fronteira con Bangladesh, un país que a todas luces non dispón dos medios precisos para acoller tal volume de refuxiados, co claro propósito de evitar o seu retorno. Estamos ante o éxodo mais importante desta minoría en toda a súa historia.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Asia
Idiomas Galego

O drama vivido pola minoría rohingya en Myanmar, vítima dunha limpeza étnica sen paliativos condenada polas Nacións Unidas, non é mais que a punta do iceberg da fráxil convivencia que caracteriza este país dende hai décadas. Ata preto de medio millón de integrantes desta minoría musulmá foron expulsados polo exército regular cara o Bangladesh veciño. Máis de duascentas aldeas desta minoría foron totalmente arrasadas e ducias de minas antipersoa foron colocadas no lado birmano da fronteira con Bangladesh, un país que a todas luces non dispón dos medios precisos para acoller tal volume de refuxiados, co claro propósito de evitar o seu retorno. Estamos ante o éxodo mais importante desta minoría en toda a súa historia.

A primeira ministra birmana de facto e premio Nobel da Paz (1991), Aung San Sui Kyi, evitou comparecer en Nacións Unidas para dar explicacións. Nunha alocución televisiva invocou a defensa da lei e a xustiza tras semanas de silencio inexplicable. Nesa esperada intervención, en ningún momento pronunciou a palabra rohingya optando polo xenérico musulmáns.

Os rohingya padecen a marxinación dende a época da colonización británica pero a súa situación empeorou significativamente dende os anos sesenta, cos militares no poder. O resentimento derivou en enfrontamentos co exército ameazando con se converter nun conflito rexional por mor da crecente presenza de malaisios combatendo nas filas rebeldes. O Exército de Salvación dos Rohingya de Arakan é considerado un grupo islamo-terrorista.

Myanmar é un estado multiétnico que conta oficialmente con 135 grupos recoñecidos. Tan só 8 dos 21 colectivos étnicos armados e aínda activos no seu territorio subscribiron en 2015 un Acordo Nacional de Cese de Hostilidades. Boa parte de todas estas guerrillas son escépticas respecto á sinceridade de propósitos duns xenerais que din avogar pola reconciliación.

O poder efectivo de Aung San Sui Kyi está certamente limitado pola omnipresencia do exército. Trala autodisolución da xunta militar en 2010, as eleccións democráticas facilitaron un importante triunfo da súa Liga Nacional. Pero os militares deteñen resortes importantes. Os ministerios de defensa e de fronteiras, moi involucrados nesta crise, están baixo o seu mando. O 25 por cento dos escanos no parlamento representan unha cota castrense polo momento incuestionable.

A indiferenza, cando non a anuencia, de boa parte da sociedade birmana fronte ao drama dos rohingya, rexeitados por razóns históricas e territoriais que non relixiosas, completa o círculo. O estatuto dos rohingya remite a unha lei de 1982 que de facto marxínaos da cidadanía birmana.

Myanmar é un mosaico cultural. A convivencia dos grupos étnicos e relixiosos aconsellaría no político a adopción dun federalismo progresivo pero a modificación da Constitución é improbable polo veto dos militares.