ucraina

O segundo ano de guerra non traerá vitoria a ninguén, aínda que Rusia está a levar máis fracasos

O segundo ano da guerra en Ucraína vai rematando sen que se vexan avances convincentes a favor de ningún dos dous adversarios. O desembarco dos ucraínos na orilla esquerda do río Dnipró, na rexión de Khersón, así como a ruptura das liñas defensivas rusas preto de Robótine, na província de Zaporízhzhia, foron éxitos significativos, aínda que os obxectivos da contraofensiva, que durou meses, realmente quedaron moi lonxe de ser alcanzados.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa

Os ataques de avións non tripulados, supostamente ucraínos, a instalacións militares e doutro tipo en Crimea e no interior de Rusia son admirables pola súa audacia e desprestixian a defensa antiaérea rusa como miserablemente incapaz, con todo, non producen un impacto de peso no potencial agresivo do inimigo. Os rusos seguen bombardeando con intensidade e sen piedade todo o territorio de Ucraína e intentan persistentemente apoderarse de Avdíivka, o último satélite da cidade de Donetsk baixo control ucraíno, pero se conseguen facelo, será coa táctica de terra queimada, como ocorrera en Bakhmut.

Pasados vinte e dous meses da invasión rusa, é real o perigo de que se converta nunha guerra de esgotamento, o que dará certa vantaxe ao inimigo terrorista na súa táctica de crear ameaza e agardar ata que a súa vítima rse renda, non só porque posúe máis recursos, senón porque non lle importan as vidas humanas. Porén, a estas alturas queda evidente que Rusia non consegue gañar. O que comezou como unha operación militar especial de pouca duración claramente fracasou: non se logrou cambiar o réxime de goberno de Ucraína, “desmilitarizándoa” e “desnazificándoa” nin defender a integridade das pseudorrepúblicas de Donetsk e Luhansk, non se ten control total do seu territorio, ao igual que do das outras dúas provincias anexionadas, Khersón e Zaporizhzhia, malia que a súa anexión quedou consagrada na constitución da Federación de Rusia, non son defendidos como Rusia promete no caso do territorio nacional de verdade, o recoñecido internacionalmente.

Máis importante é que Rusia non atopou no mundo apoio directo para a súa chamada operación militar especial. Só países impresentables como o é por exemplo, Corea do norte, abertamente apoian e colaboran militarmente co agresor. Outros, que por algunha razón económica ou política se senten próximos a Rusia, manifestan a súa neutralidade, fano incluso os poucos estados postsoviéticos aínda afiliados á alianza de seguridade colectiva comandada por Rusia, que formalmente deberían acudir en defensa de Rusia, que de acordo coa interpretación oficial do Kremlin foi atacada por Ucraína seguindo as ordes dos seus patróns occidentais.

Neste mesmo sentido Putin aproveitou a súa aparición na cume virtual de G20, pensando que a ausencia no evento dos dous primeiros xigantes, EEUU e China, converteríalle no máis influente. Tratou de sensibilizar aos restantes ‘grandes’ co seu suposto compromiso coa paz, falou da necesidade de pór fin á “traxedia en Ucraína”, ata recoñeceu que se trataba dunha guerra e “cada guerra trae moitas vítimas”. Con esta demagoxia non deixou de ser terrorista, porque especulaba coa morte de inocentes para conseguir os seus obxectivos. A súa intención non é restablecer a paz, a condición sine qua non para o seu alto o fogo é o recoñecemento por Ucraína e os seus partidarios das “novas realidades”, ou sexa, das anexións xa realizadas. En seguida recibiu unha resposta, máis firme que nunca antes, de Alemaña e Italia: só a retirada completa das tropas rusas de Ucraína dará lugar a negociacións.

A chantaxe mal disimulada por Putin foi seguida por unha chantaxe abertamente agresiva. Practicouna o último xoves o xefe da diplomacia rusa, Sergéi Lavrov, que fai tempo que se dedica máis que nada a xustificar o rumbo agresivo de Rusia. No seu insólito discurso na cume da Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa celebrada en Skopje e boicoteada por Polonia xunto con Ucraína, Estonia, Letonia e Lituania, culpou á OTAN de intentar insidiosamente debilitar o seu país. Segundo el, foi o apoio da OTAN ás protestas populares en Xeorxia 2008 e Ucraína 2014 o que “obrigou” a Rusia a intervir e desatar dúas guerras. A parte de que parece impropio xustificar invasións militares con protestas populares noutros países, é deshonesto calar sobre o feito de que todos estes acontecementos foron precedidos por actividades de desestabilización que realizaran axentes rusos en Osetia de Sur e Abkhasia, Crimea e Donbás. O mesmo escenario funcionou na rexión moldava de Transnistria, na que desde a época soviética seguen estacionadas tropas rusas, ameazando tanto a Moldova como a Ucraí. Pois, o ministro ruso, seguindo a súa lóxica inversa e mentireira, avisou na reunión da organización de seguridade, que Moldova sería outra vítima da guerra híbrida contra Rusia desatada por Occidente. Rusia invade aos seus veciños, pero a culpa diso tena Occidente.

Nesta situación é imposible esperar de Rusia un arrepentimento e unha retirada dos territorios ocupados. O estado que quedou en mans de Vladimir Putin e a súa camarilla é un imperio mutilado que necesita recuperar as súas partes perdidas, como Ucraína, que son de importancia vital para a súa persistencia. O imperio ruso e logo a Rusia soviética, disfrazada de repúblicas socialistas supostamente soberanas, durante máis de dous séculos fixeron moito para asimilar a Ucraína como parte integral e “inalienable” do estado ruso. Pero houbo que chegar á invasión directa contra o estado ucraíno para que se fixese patente, tamén para os ucraínos mesmos, que Ucraína como nación si existe e prefire ser soberana. O que estamos vivindo agora é o renacemento, a reconcienciación, a reconsolidación dunha nación que quere decidir soberanamente os seus destinos e non ser parte dun estado que a trate como un compoñente seu, incapaz de subsistir só, e a desesperada loita dun vestixio de imperio, que non quere entender que, para sobrevivir, se debe reinventar, abandonando as súas visións imperiais.

Un bo exemplo neste sentido é Austria: conformouse con ser un estado de Europa como outros, e agora é difícil de imaxinar que alguén trate de reavivar en serio a idea do imperio dos Habsburgos ou presentar pretensións territoriais aos seus veciños por algún dereito histórico. De feito, recoñécese o dereito dos croatas e eslovenos a vivir na República de Austria como no seu propio estado. A Rusia de hoxe está o máis lonxe posible de abandonar a súa idea imperial, e o máis triste é que con esa idea está envelenada a maioría da súa poboación. Está disposta a soportar as enormes baixas na fronte, que chegaron ao nivel da primeira guerra mundial (que, por certo, deu lugar a dúas revolucións e puxo fin ao imperio), e non ten vergoña de alegrarse polo miserable coche “Lada” que o estado lle regala como compensación polo familiar caído no combate.

Está claro que o terrorismo de Rusia non gañou, non conseguiu ningún dos seus obxectivos (e o principal era “repeler o avance de Occidente”, o que significa recuperar a esfera de influencia que tiña a URSS, o que é imposible polo simple feito de que a Rusia de Putin non é nin pode ser a Unión Soviética, que morreu pola súa propia inviabilidade). Xa se viu que non é capaz de vencer a Ucraína, que se consolidou como nación, pero si ten bastante recursos para aguantar ata que os occidentais se cansen de prestar axuda, ata que en EEUU cambie a administración, reducíndose drasticamente a axuda a Ucraína, ata que os actuais políticos ucraínos, que fixeron sabotaxe á defensa do país, boten toda a culpa aos militares… Ata que se perda de vista o sentido fundamental desta contenda: que no mundo actual debe ser inaceptable que alguén se atreva a impedir por forza militar que un pobo decida o seu propio destino.