Os dilemas de Sampaio

Dende finais de xuño Portugal viviu unha importante crise política como consecuencia da dimisión do primeiro ministro Durão Barroso, paso previo obrigado para candidatarse á Presidencia da Comisión Europea. Aínda que non é a primeira vez que o país luso se atopa nunha situación similar (a última propiciada por Guterres en 2001), o certo é que, a diferencia da ocasión anterior, non existiu agora o mínimo consenso na comunidade política sobre cal debía ser a mellor forma para acabar coa crise.

Segundo as previsións constitucionais, as opcións do Presidente da República, o socialista Jorge Sampaio, redúcense a dúas: disolve-lo parlamento e convocar eleccións anticipadas, ou ben nomear a un novo primeiro.ministro que conte co apoio da maioría da Asemblea Nacional. Dende o primeiro momento, o Presidente da Cámara Municipal de Lisboa, Santana Lopes, emerxeu como principal alternativa para substituír a Barroso.

A convocatoria de novas eleccións foi defendida polos partidos políticos contrarios ó actual goberno, o Partido Socialista, o Partido Comunista Portugués e o Bloco de Esquerda. Segundo eles, aínda sendo o de Portugal un sistema parlamentario, en realidade a cidadanía vota en función do líder dun determinado partido, debido ao carácter cada vez máis personalizado das campañas electorais. En consecuencia, aínda que o novo primeiro-ministro sexa do mesmo grupo que conseguiu a maioría nas eleccións pasadas o certo é que non foi esa persoa que a cidadanía votou. A oposición ao continuísmo da actual maioría gobernamental tamén se apoia nos resultados das eleccións europeas do mes pasado, onde a coalición de goberno a penas obtivo o 32% dos votos, o que revelaría un evidente cambio da vontade popular que deslexitima o actual Parlamento.

A coalición de goberno formada polo Partido Social Demócrata e o Partido Popular opta en cambio por unha solución de continuidade que se argumenta na defensa da estabilidade.

Tendo en conta ambas alternativas, o Presidente Sampaio finalmente se decantou por esta última opción, preferindo un novo executivo saído da coalición existente ante o risco dun resultado electoral que dera paso a gobernos máis inestables, co compromiso de vixiar a súa acción gobernativa para garantir a continuidade das mesmas políticas.

A pacífica resolución desta crise, deixa entrever, sen embargo, numerosos interrogantes, algúns de fondo, que afectan á vitalidade do pulso democrático, outros máis epidérmicos, relacionados coa idoneidade da alternativa adoptada para garantir a sacrosanta estabilidade. ¿Considera boa parte da elite política portuguesa que a cidadanía non está preparada para solucionar este tipo de conflictos e por iso é mellor non chama-la ás urnas?. E se isto é así, ¿debería ter dimitido entón Durão Barroso para ocupar a presidencia da Comisión Europea, tendo en conta que foi elixido ata o 2006? A falla de confianza na responsabilidade dos propios cidadás non é precedida da irresponsabilidade dos propios dirixentes? ¿ Debe primar a estabilidade sobre o valor democrático da lexitimidade en situacións de crise? É mais, ¿non se estaría favorecendo a soberanía dos partidos fronte a soberanía popular? Obviamente, o mesmo resultado estaría sempre garantido, os portugueses terían o seu goberno, pero coa diferencia de que un sería elixido polos cidadáns e o outro por un parlamento sobre o que sobrevoa a idea da perda de lexitimidade.

Resulta igualmente chamativa a limitación imposta polo Presidente da República, apelando ao candidato alternativo á continuidade das políticas emprendidas nestes dous anos de lexislatura, hipoteca que pode condicionar a acción do novo goberno ao dificultar a capacidade de cambio ou de adaptación ante a aparición de novas circunstancias. Sabido é que a Constitución lle outorga ó xefe de estado poderes para vetar unha lei, soamente salvable cunha segunda votación a favor na Cámara. Nese suposto, o Presidente soamente podería responder coa disolución da Asemblea Nacional.

A elección-designación de Santana Lopes, esperta escepticismo na oposición e nalgúns segmentos de apoio á propia coalición gobernamental, por mor do seu perfil claramente populista. As primeiras palabras do ex presidente da Cámara Municipal de Lisboa calmaron a poucos non presaxiando precisamente continuidade na política orzamentaria. ¿Como se pode defender a estabilidade política poñendo boa parte da Administración patas arriba ao postular a deslocalización de varios Ministerios que se distribuirían pola xeografía portuguesa? De norte a sur, a previsible guerra por acaparar ministerios pode mellorar aínda as expectativas da oposición lusa e converter a actual decisión presidencial, desfavorable a primeira vista, na mellor opción para os seus intereses electorais futuros.