Artigo orixinalmente publicado na Revista Luzes, febreiro 2026
15 de xaneiro de 2026, o presidente Donald Trump recibe como agasallo a medalla do Premio Nobel da Paz concedida a María Corina Machado no Despacho Oval da Casa Branca. Fonte: White House

Que paz premia o Nobel?

O 9 de xaneiro de 2026, o Instituto Nobel viuse obrigado a emitir unha aclaración pouco habitual: unha vez concedido, o Premio Nobel da Paz non pode ser revogado, compartido nin transferido. O comunicado chegou despois de que a galardoada política venezolana María Corina Machado suxerise publicamente que podería ofrecer o seu premio a Donald Trump trala intervención militar ilegal dos Estados Unidos en Venezuela o 3 de xaneiro de 2026. O episodio condensou a controversia que rodea o Nobel da Paz de 2025 desde o seu anuncio e puxo de manifesto, con especial nitidez, a tensión entre a autoridade simbólica do galardón e os usos políticos aos que se ve sometido.

Esa controversia non ficou confinada ao ámbito do debate político. O 17 de decembro, o xornalista Julian Assange deu un paso máis e presentou unha denuncia en Suecia contra a Fundación Nobel, transformando unha disputa política nun cuestionamento directo dos fundamentos morais e xurídicos do propio Premio da Paz. No núcleo da súa demanda hai unha afirmación sinxela: que avalar chamamentos á intervención militar é incompatible coa finalidade orixinal dun premio concibido para promover a paz entre as nacións.

O outorgamento de 2025 non constitúe unha excepción histórica. En 2009, o presidente dos Estados Unidos Barack Obama foi premiado polos seus “esforzos extraordinarios por fortalecer a diplomacia internacional”, malia que o seu mandato estivo marcado pola expansión da guerra con drons e por diversas intervencións militares. Máis flagrante foi o caso de 1973, cando o Nobel da Paz recaeu no secretario de Estado Henry Kissinger, un dos arquitectos da guerra de Vietnam. En 2019, o primeiro ministro etíope Abiy Ahmed foi distinguido pola súa iniciativa para resolver o conflito con Eritrea, antes de dirixir operacións militares na guerra de Tigray que deron lugar a atrocidades masivas.

Recoñecer esta continuidade histórica non debe, con todo, ocultar a gravidade específica do caso de 2025. O caso de María Corina Machado resulta particularmente preocupante, non só polo contexto no que se produce, senón pola coherencia explícita entre o recoñecemento recibido e a súa propia concepción da acción política. No seu discurso público, Machado defendeu en varias ocasións a intervención estranxeira en Venezuela, presentando a acción militar exterior como unha vía para impulsar o cambio político que persegue. Nese marco, apoiou a escalada militar dos Estados Unidos contra o país, celebrando tanto os ataques contra embarcacións venezolanas supostamente vinculadas ao narcotráfico no mar como a intervención militar de xaneiro, que deu lugar ao secuestro de Nicolás Maduro e da súa esposa. Tras recibir o Premio Nobel da, Machado avalou publicamente esa operación, amplamente considerada un acto de agresión e unha clara violación da prohibición do uso da forza recollida no artigo 2.4 da Carta das Nacións Unidas, pedra angular da orde xurídica internacional contemporánea. Non é preciso apoiar o goberno de Maduro para denunciar unha agresión estranxeira deste tipo contra a soberanía de Venezuela, nin para considerar profundamente problemático que unha persoa galardoada co Nobel da Paz lexitime publicamente actuacións dese carácter.

Á luz de todo isto, o problema non reside unicamente en que o Premio Nobel da Paz se vexa atravesado pola política, algo inevitábel en calquera institución deste tipo. O verdadeiramente inquietante é a noción de paz que está a consagrar: unha paz compatible coa intervención militar, coa violación da soberanía doutros Estados e coa lexitimación da forza como ferramenta de cambio político. Cando iso ocorre, o Nobel deixa de ser unha referencia moral e convértese nun mecanismo que non só describe a orde internacional existente, inherentemente imperialista, senón que contribúe activamente a consolidala. Neste contexto, non resultaría sorprendente que o Nobel de 2026 fose, xa sen disimulo, para Donald Trump.