Por que a lusofonía importa: da Lei Paz Andrade ao papel estratéxico de Macau
O 11 de marzo de 2014, o Parlamento galego, co voto unánime de tódolos grupos parlamentarios, aprobou a Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía. A aprobación desta Lei, coñecida como Lei Paz Andrade en honra de Valentín Paz Andrade, e resultado dunha iniciativa lexislativa popular, outorga recoñecemento a un feito obxectivo: que o fortalecemento e o aproveitamento dos nexos históricos, culturais, económicos e, sinaladamente, lingüísticos entre a Galicia e o mundo lusófono deben ser unha área prioritaria da acción exterior galega.
Estes vínculos, tantas veces renegados, constitúen unha vantaxe competitiva que cómpre utilizarmos para avanzar na proxección internacional do país, non soamente no eido cultural, senón tamén no económico. Xa o expresou Xulio Ríos no 2010: “Galicia necesita diversificar mercados e configurar o seu propio espazo exterior. Non se entendería unha renuncia a algo tan presente, lóxico e natural e que nos abre posibilidades singulares para o noso desenvolvemento”(1). A Lei Paz Andrade recoñece esa realidade e ofrece o marco para afondar nunha proxección exterior propia, baseada na singularidade lingüística e cultural galega. Unha singularidade que, dito queda, tamén debería ser percibida –e aproveitada– polo propio Estado español como unha oportunidade para a súa política exterior.
Dito isto, dentro da lusofonía non só se atopan países socios obvios como Portugal, os Países Africanos de Lingua Portuguesa, ou o Brasil, senón tamén a Rexión Administrativa Especial de Macau, na República Popular da China. Este enclave, que ten o portugués como unha das súas linguas oficiais, desempeña un papel singular como ponte entre a China e a lusofonía. De ser aproveitado, abre tamén unha importante potencialidade para a sociedade e a economía galegas á hora de establecer e intensificar as relacións co país asiático. Un país que posúe un dos mercados máis relevantes do mundo e onde a presenza galega está a medrar, aínda que con ampla marxe de mellora(2). Polo tanto, Macau pode considerarse un potencial elemento estratéxico para mellorar a competitividade económica de Galicia, un dos eixes centrais da nova Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) 2025-2029.
Da Lei Paz Andrade á realidade: avances, límites e desafíos
Dende a aprobación da Lei Paz Andrade pasaron case doce anos. Malia o apoio explícito de todo o panorama político galego e a súa cualificación como un “paso de xigante”(3), a súa posta en práctica non resultou sempre doada. A falta de desenvolvemento da Lei, así como a lentitude na promoción dos seus obxectivos, foi denunciada en repetidas ocasións por asociacións da sociedade civil, actores políticos e mesmo pola Real Academia Galega(4).
Efectivamente, non se pode negar que aínda existe un amplo potencial de mellora na súa aplicación efectiva. Así, un dos seus obxectivos fundamentais é incorporar progresivamente a aprendizaxe da lingua portuguesa no ámbito das competencias en linguas estranxeiras nos centros de ensino de Galicia. En 2025, unhas 7.500 persoas estudan portugués nalgún dos centros educativos galegos(5). Se ben ese número constitúe un aumento significativo, fica aínda moi lonxe das máis de 25.000 persoas que estaban a aprender o idioma en 2023 en Extremadura, unha comunidade autónoma cuxa poboación apenas supera o millón de habitantes(6).
Tamén no relativo á promoción das relacións, a todos os niveis, cos países de lingua portuguesa, os avances tardaron en se materializar. Non foi até outubro de 2024 cando se constituíu o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade. Aínda que a Lei de 2014 non contempla explicitamente a creación dun órgano deste tipo, a Xunta entende a súa posta en marcha como un paso no desenvolvemento da propia lei, nomeadamente do seu artigo 3. Ademais, o Observatorio está previsto no artigo 28 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia. Este órgano colexiado de asesoramento, colaboración institucional e participación social en materia de lusofonía aprobou en 2025 o seu regulamento de funcionamento interno.
O camiño cara á lusofonía semella, por tanto, non só “lento”(7), senón tamén un tanto afanoso, máis froito de esforzos dispersos ca dunha estratexia continuada. E se isto é certo para a lusofonía en xeral, aínda o é máis no caso específico de Macau. De feito, se ollamos os informes de desenvolvemento da Lei Paz Andrade publicados na páxina web da Secretaría Xeral da Lingua, a Rexión Administrativa Especial apenas aparece mencionada (8). O que deixa claro que segue existindo un amplo espazo por explorar no que atinxe ás relacións de Galicia con Macau.
Construír pontes con Macau: primeiros pasos para unha nova estratexia galega-lusófona
Cómpre preguntármonos, polo tanto, que pasos deberiamos dar para aproveitar mellor este potencial e avanzar no desenvolvemento da Lei Paz Andrade, especialmente no relativo ás relacións con Macau? Unha oportunidade brinda a recente visita, a finais de outubro deste ano, do Centre Científico e Cultural de Macau (CCCM) á Galicia. Durante unha semana o CCCM —instituto público portugués dedicado ao estudo e difusión das relacións histórico-culturais con Macau— en colaboración co IGADI, percorreu cinco cidades galegas e mantivo encontros con representantes da Xunta, das tres universidades galegas e de diversos concellos. Tamén se levaron a cabo unha serie de obradoiros, coa participación de persoas empresarias, investigadoras, xornalistas e da sociedade civil, sobre as relacións históricas e contemporáneas entre Galicia, Portugal e a lusofonía, o papel da China e o desafío de artellar redes euro-asiáticas.
Durante os encontros amosouse un claro interese por parte de tódalas participantes, así como o recoñecemento da importancia de consolidar e intensificar as relacións. Asemade, fíxose evidente a necesidade de avanzar na concienciación da sociedade e da economía galegas sobre o potencial, cultural e económico, que ofrece tender pontes con Macau e China. É aí onde, ao noso ver, o novo Observatorio da Lusofonía pode xogar un papel relevante, aproveitando os nexos xa estabelecidos. Un primeiro paso concreto podería consistir en artellar accións divulgativas e formativas arredor dunha xornada anual —un verdadeiro “Día de Macau”—, ou que menos, unha década despois da aprobación da Lei Paz Andrade, un “Día de Galicia na lusofonía”…
Trataríase de proxectos que, sen dúbida, poderían dar un novo impulso ao desenvolvemento da Lei Paz Andrade e contribuír a situar a lusofonía e a Macau no lugar estratéxico que merece dentro da acción exterior galega no ano 2025. O IGADI continuará dinamizando o desenvolvemento da Lei Paz Andrade a Lei de Acción Exterior, mais precísase que a administración pública tome medidas operativas para converter as oportunidades en posibilidades reais.
Descarrega desde aquí o Informe anual Nós No Mundo 2024-2025
Podes coñecer as 16 edicións do Informe Nós No Mundo aquí.
Referencias
- RÍOS, Xulio, Nós no mundo: Unha política exterior para Galicia, Galaxia, Vigo, 2010, p. 159.
- Véxase SANDE VEIGA, Diego, “Comprender as relacións económicas Galicia-China na actualidade”, Nós Diario, 30 de xaneiro de 2025, https://www.nosdiario.gal/articulo/economia/comprender-relacions-economicas-galicia-china-actualidade/20250130212610215567.html.
- Parlamento de Galicia, “Santalices reivindica a Lei Paz Andrade como un “paso de xigante” para fortalecer as relacións de Galicia coa lusofonía”, 29 de xuño de 2019, https://www.parlamentodegalicia.gal/Actualidade/2942/santalices-reivindica-a-lei-paz-andrade-como-un-paso-de-xigante-para-fortalecer-as-relacions-de-galicia-coa-lusofonia/.
- “Denuncian o “nulo desenvolvemento” da Lei Paz Andrade catro anos despois da súa aprobación”, Praza.gal, 5 de xuño de 2018, https://praza.gal/cultura/denuncian-o-nulo-desenvolvemento-da-lei-paz-andrade-catro-anos-despois-da-sua-aprobacion; “A RAG reclama o ensino do portugués nas escolas galegas para gañar “proxección exterior”, Praza.gal, 6 de xuño de 2019, https://praza.gal/cultura/a-rag-reclama-o-ensino-do-portugues-nas-escolas-galegas-para-ganar-proxeccion-exterior; CASAL, Borja, “A Lei Paz Andrade, unha oportunidade para o galego que fica aínda no caixón”, La Voz de Galicia, 22 de marzo de 2022, https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2022/03/11/span-langgl-lei-paz-andrade-unha-oportunidade-galego-fica-ainda-caixonspan/00031647023680233396763.htm.
- PARDO, Miguel, “O portugués medra no ensino pero aínda é escaso: 100 centros e 6.400 estudantes en só 60 concellos”, Praza.gal, 14 de outubro de 2025, https://praza.gal/acontece/o-portugues-medra-no-ensino-pero-ainda-e-escaso-100-centros-e-6400-estudantes-en-so-60-concellos.
- Junta de Extremadura, “La Junta de Extremadura impulsa el aprendizaje del portugués en la región”, 9 de xuño de 2023, https://www.juntaex.es/w/aprendizaje-portugues-escuelas.
- REINERO, David, “O lento camiño á Lusofonía: bota a andar un observatorio dez anos despois da Lei Paz Andrade”, Praza.gal, 29 de outubro de 2024, https://praza.gal/mundo/o-lento-camino-a-lusofonia-bota-a-andar-un-observatorio-dez-anos-despois-da-lei-paz-andrade.
- Xunta de Galicia, “Informes de desenvolvemento da Lei Valentín Paz Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía”, https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/lexislacion/_/lexislacion_0089/informes-desenvolvemento-dalei-valentin-paz-andrade-para-aproveitamento-ensino. No momento da pesquisa estaban volcados na páxina web soamente os informes dos anos 2018, 2019 e 2021.

