Especial Irán 2026: Nota de coxuntura Internacional 4
iran

Irán non é o que Occidente cre: identidade, guerra e os límites dunha lectura simplificadora

A guerra contra Irán volveu evidenciar unha carencia recorrente na análise internacional: a dificultade de comprender unha sociedade complexa a través de categorías simplificadoras. Máis aló da linguaxe habitual —que reduce o país a un "réxime" enfrontado á súa poboación—, diversas análises producidas por académicos iranianos apuntan a unha realidade moito máis fragmentada, atravesada por disputas históricas, identitarias e políticas que condicionan tanto o comportamento interno como a evolución do conflito.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Oriente Medio
Palabras chave Irán Israel Guerras Guerra EEUU

O problema non é só político: é interpretativo

Bo parte das análises occidentais sobre Irán continúan operando baixo unha lóxica lineal: presión externa xera debilitamento interno; oposición ao goberno implica aliñamento con actores occidentais; a guerra pode acelerar unha transición política. Este esquema, herdeiro dunha racionalidade política de corte cartesiano, resulta insuficiente para comprender dinámicas que non responden a relacións simples de causa-efecto nin a horizontes temporais de curto prazo.

O uso reiterado do termo “réxime” para referirse ás autoridades iranianas é sintomático desta limitación. Máis que unha categoría descritiva, funciona como un marco interpretativo que deslexitima ao actor e preconfigura a súa lectura como irracional ou puramente coercitiva. Porén, como subliñan diversas análises contemporáneas, interpretar a Irán nestes termos non só empobrece a análise, senón que pode conducir a erros de cálculo con consecuencias estratéxicas.

O nacionalismo dislocado: unha clave para entender o que parece contradictorio

Para comprender comportamentos percibidos desde fóra como incoherentes —como o apoio de certos iranianos a actores externos que atacan o seu propio país— resulta fundamental atender a procesos históricos de longa duración.

Nesta liña, o historiador iraniano Reza Zia-Ebrahimi, profesor no King’s College London e especialista en nacionalismo iraniano, propón o concepto de “nacionalismo dislocado” (dislocative nationalism). Segundo a súa análise, este tipo de nacionalismo emerxe no século XIX, tralas derrotas do Imperio persa fronte a Rusia e o Reino Unido, cando certos sectores da elite iraniana, en lugar de rexeitar a hexemonía europea, interiorizan as súas xerarquías culturais e raciais.

O resultado é unha reconfiguración identitaria na que Irán se imaxina como parte dunha civilización “aria”, diferenciada do mundo árabe-musulmán. Neste marco, o islam pode ser reinterpretado como un elemento externo, asociado a unha suposta “invasión árabe”, o que permite proxectar sobre ese “outro” as causas dos fracasos históricos.

Esta lóxica axuda a explicar por que determinados sectores non perciben ao Estado actual como representación lexítima de Irán, senón como unha desviación dunha identidade nacional idealizada. Nese contexto, o apoio a actores externos —incluído Israel— non é unicamente xeopolítico: pode funcionar como unha forma de aliñamento simbólico con Occidente e de procura de recoñecemento dentro dunha orde internacional percibida como xerárquica.

Occidentose e subxectividade: a internalización do marco occidental

Esta análise atopa un eco contemporáneo na recuperación do concepto de gharbzadegi (“occidentose”), formulado polo intelectual Jalal Al-e Ahmad e retomado en traballos recentes sobre sociedade iraniana e diáspora por autores como Omeed Askary.

Nestas análises, a “nova gharbzadegi” describe non só a influencia de Occidente, senón a súa interiorización como marco de referencia dominante. Parte da sociedade iraniana adopta categorías externas para interpretar a súa propia realidade, o que pode traducirse nunha desvalorización do propio e unha idealización do occidental.

Desde esta perspectiva, o apoio á intervención externa ou a actores como Estados Unidos ou Israel non pode entenderse unicamente como unha estratexia política, senón tamén como unha manifestación de procesos culturais e psicolóxicos máis profundos. A guerra, neste senso, non crea estas tensións, pero si as fai visibles.

Unha sociedade fragmentada: dilemas reais, non aliñamentos automáticos

Lonxe da imaxe binaria que adoita dominar no debate internacional, a sociedade iraniana atópase profundamente dividida. Como mostran diversas análises recentes sobre o debate interno iraniano, amplos sectores críticos co goberno rexeitan simultaneamente a intervención estranxeira, enfrontándose a un dilema moral que non encaixa nos esquemas habituais.

Esta tensión revela un punto clave: a crítica interna non implica necesariamente apoio a actores externos. Pola contra, a agresión externa pode activar dinámicas de nacionalismo reactivo, reforzando temporalmente a cohesión fronte á ameaza, mesmo entre sectores descontentos co sistema político.

A iso súmase a existencia do que algúns autores contemporáneos, como Askary, conceptualizaron como unha “maioría silenciosa”: amplos sectores da poboación que non se identifican plenamente nin co discurso oficial nin coas posicións máis visibles da oposición, especialmente na diáspora. Esta maioría, marcada polo canseiro político, o pragmatismo e a preocupación pola estabilidade cotiá, permanece en gran medida ausente do debate internacional dominante, contribuíndo a diagnósticos distorsionados.

O contraste coa narrativa dominante

Fronte a esta complexidade, boa parte da narrativa mediática occidental continúa estrutuándose arredor dunha visión centrada na represión interna, o autoritarismo e a falta de lexitimidade do sistema político iraniano. Sen negar estes elementos, esta lectura tende a simplificar o campo social e a reducir a diversidade de posicións existentes dentro do país.

Un dos exemplos máis claros desta simplificación é a maneira en que se representa á diáspora iraniana. Con frecuencia, esta aparece no discurso público occidental como un actor relativamente homoxéneo, aliñado coa idea dun cambio político impulsado desde o exterior ou, polo menos, favorable á presión internacional sobre Irán. Porén, esta imaxe dista moito da realidade.

A diáspora iraniana constitúe un espazo profundamente fragmentado, atravesado por diferenzas de clase, xénero, xeración e ideoloxía, no que coexisten posicionamentos diverxentes respecto ao presente e ao futuro do país. Nalgúns sectores —particularmente vinculados a correntes monárquicas no exilio— a oposición ao sistema político iraniano se articula tamén en termos identitarios, mediante unha reivindicación dun pasado persa preislámico e un distanciamento de elementos asociados ao islam ou ao mundo árabe.

Este tipo de posicionamentos pode lerse á luz do concepto antes mencionado de “nacionalismo dislocado” formulado por Reza Zia-Ebrahimi, na medida en que reflicte unha reconfiguración identitaria que privilexia a pertenza simbólica a Occidente e reproduce xerarquías culturais interiorizadas. Neste marco, o apoio a actores externos ou a políticas de presión internacional non responde unicamente a cálculos estratéxicos, senón tamén a formas de identificación con ser “branco” e occidental e a busca de recoñecemento dentro dunha orde internacional percibida como xerárquica. Así, por exemplo, figuras como Shirin Ebadi, Premio Nobel da Paz 2003, participaron en iniciativas de transición política impulsadas por actores como Reza Pahlavi —quen recentemente a designou para encabezar un comité encargado de deseñar mecanismos de xustiza transicional—, ao tempo que advirten sobre o risco dunha deriva aínda máis autoritaria do sistema iraniano se non se producen cambios internos.

Non obstante, estas posicións conviven con outras de activistas iranianos e mozos activos en redes sociais, que cuestionan abertamente tanto a intervención externa como a lexitimidade de celebrar accións militares que afectan á poboación civil iraniana. Como reflicten testemuños recentes de comunidades iranianas en Europa e Estados Unidos, a reacción ante a guerra oscila entre a esperanza de cambio político e o rexeitamento frontal á violencia, en moitos casos dentro das mesmas familias ou comunidades.

Este debate dentro da diáspora reflicte tensións que non poden reducirse a un apoio acrítico á intervención exterior. Neste senso, tanto a sociedade iraniana como a súa diáspora preséntanse como campos profundamente heteroxéneos, atravesados por disputas sobre identidade, lexitimidade e futuro político. A representación dominante, ao reducir esta complexidade a esquemas binarios, non só empobrece a análise, senón que contribúe a construír diagnósticos incompletos ou erróneos sobre a evolución do conflito.

Irán como actor racional: a advertencia de Vali Nasr

Este desaxuste non é só teórico. Ten implicacións directas na interpretación do conflito.

Como sinalou o académico iraniano-estadounidense Vali Nasr, profesor na Johns Hopkins University e especialista en política de Oriente Medio, un dos erros máis persistentes na análise occidental é interpretar a Irán como un actor irracional. Pola contra, o seu comportamento responde a unha lóxica estratéxica de resistencia, supervivencia e adaptación a longo prazo.

Desde esta perspectiva, a guerra actual non necesariamente debilita o sistema iraniano. En determinados contextos, pode reforzar dinámicas de cohesión interna e consolidar posicións de poder. Ao mesmo tempo, a capacidade de Irán para impor custos e xestionar a escalada suxire unha lectura máis axustada da lóxica do conflito que a mostrada polos seus adversarios.

Conclusión: os custos de non entender Irán

A guerra contra Irán non é só un conflito militar ou xeopolítico. É tamén un campo de disputa interpretativa no que se enfrontan marcos analíticos distintos. Mentres as lecturas dominantes tenden a simplificar a realidade iraniana en termos binarios, as voces académicas e analíticas provenientes do propio país apuntan a unha complexidade moito maior, onde a historia, a identidade e a subxectividade política desempeñan un papel central.

Ignorar estas dimensións non é só un problema analítico. Pode traducirse en erros estratéxicos, como a subestimación da capacidade de resistencia iraniana ou a sobreestimación do impacto da presión externa.

Neste senso, máis aló das análises militares ou de intelixencia, os responsables políticos farían ben en incorporar tamén perspectivas académicas capaces de desentrañar as claves culturais, históricas e sociais dunha sociedade cuxa traxectoria —desde os imperios aqueménidas ata o presente— segue influíndo na súa maneira de entender o poder, a soberanía e a resistencia. Incorporar estas perspectivas non é só unha cuestión de equilibrio analítico. É unha condición imprescindible para evitar erros de interpretación que, como demostra a experiencia recente, poden ter consecuencias políticas e estratéxicas de longo alcance.