Unha análise de Miguel Ángel Martínez Pellitero, estudante en prácticas do Máster en Economía internacional e desenvolvemento da Universidade Complutense de Madrid
O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, co seu homólogo mexicano Enrique Peña Nieto, durante unha xuntanza en abril de 2013. Fonte: Libertad Digital.

Realidades e contrastes na relación México-Galicia

A forte promoción das relacións político institucionais entre Galicia e México nos últimos anos teñen rematado cun notable aumento dos lazos comerciais entre ambos países. E é que dende as altas esferas galegas, personificadas en nomes como Javier Aguilera (director do IGAPE), Gonzalo Ortiz Amor (director xeral da Cámara de Comercio da Coruña) ou a propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo([1]), non teñen dubidado en sinalar a México como un dos máis interesantes socios para as nosas empresas, amosando unha poderosa vontade de achegamento a todos os niveis. E aínda que moitas veces este chamamento se fai apelando aos históricos vínculos que, emigración mediante, tecen milleiros de redes familiares entre ambos pobos, os mesmos responden a potentes incentivos económicos que son, en última instancia, o motor de todo achegamento ou afastamento entre nacións.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

A forte promoción das relacións político institucionais entre Galicia e México nos últimos anos teñen rematado cun notable aumento dos lazos comerciais entre ambos países. E é que dende as altas esferas galegas, personificadas en nomes como Javier Aguilera (director do IGAPE), Gonzalo Ortiz Amor (director xeral da Cámara de Comercio da Coruña) ou a propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo([1]), non teñen dubidado en sinalar a México como un dos máis interesantes socios para as nosas empresas, amosando unha poderosa vontade de achegamento a todos os niveis. E aínda que moitas veces este chamamento se fai apelando aos históricos vínculos que, emigración mediante, tecen milleiros de redes familiares entre ambos pobos, os mesmos responden a potentes incentivos económicos que son, en última instancia, o motor de todo achegamento ou afastamento entre nacións.

O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijoo, co seu homólogo mexicano Enrique Peña Nieto, durante unha xuntanza en abril de 2013. Fonte: Libertad Digital.

Xeograficamente, ambas nacións comparten unha localización clave, pudendo exercer de canle de entrada aos seus respectivos continentes. Ademais, os comentados vínculos históricos que relacionan a ambos países dende hai séculos posibilitan unha serie de redes e coñecemento mutuo que facilita todo tipo de relacións. E por último, a nova realidade –aínda que freada nos últimos tempos- de México como nova potencia emerxente e a necesidade de Galicia de revitalizar o seu tecido económico obrigan a ambas a busca de novas oportunidades e espazos de rendibilidade máis aló das súas fronteiras.

Actualmente, xa mais de 400 empresas galegas operan ou fan negocios en México([2]), sendo o ano 2008 o punto de inflexión que marcou a masiva chegada de empresas galegas na procura de novas oportunidades ante o colapso dos mercados locais. E por outra parte, en Galicia son ben coñecidas as empresas de propiedade mexicana, xa que moitas das más importantes compañías como os estaleiro Barreras (PEMEX), o grupo Avanza (VITRASA) e outras grandes corporacións de nivel estatal (como o Banco Sabadell ou Campofrío) teñen pasado a mans mexicanas nos últimos anos.

Neste punto no que sinalamos empresas concretas, é necesario profundar na relación establecidas nos últimos anos entre a Xunta de Galicia (cunha asunción das mesmas por parte do presidente Feijoo) e a petroleira estatal mexicana PEMEX.

No ano 2012 a xigante mexicana chegou aos estaleiros galegos –e xa sabemos o forte peso, tanto en forza real como en carga simbólica que ten este sector no noso país- facéndose co control total do “Astillero Barreras”. Nesas negociacións, foi o presidente Feijoo quen viaxou en numerosas ocasións para reunirse có agora ex director da compañía Emilio Lozoya Agustín, o encargado de aprobar o desembarco da empresa en Galicia e co que se acordaron a construción de diversos buques en terras galegas, tratando así de promover tamén diferentes lazos en outros sectores e áreas económicas.

Pasando xa á dimensión lexislativa-comercial, agora que tanto o CETA e o frustrado TTIP están na moda, compre lembrar que entre México e a Unión Europea xa existe un tratado de libre comercio (o TLCUEM) dende xullo do 2000, integrado nun acordo de asociación económica e cooperación aínda máis amplo. Un tratado que aparentemente estase tentando reformular durante este ano 2017, co obxectivo de incluír no mesmo máis sectores aínda non liberalizados no mesmo, sendo Alemaña (e parece que tamén Francia, trala vitoria presidencial de Emmanuel Macron) os principais interesados en rematar con éxito esas negociacións nos próximos meses.

Sen embargo, a pesar dos longos lazos históricos que unen ambas nacións, no respectivo as relacións comerciais entre México e Galicia, ata as recentes décadas non poderíamos falar duns vínculos reais e sostidos no tempo([3]), aínda que observando a evolución dende ese ano 2000 si podemos apreciar un serio avance das mesmas durante o presente século:

images artigos igadi 2017 08 29 artigo mexico galicia pellitero 1

Fonte: Elaboración propia a partir de datos do IGE

Como vemos, o saldo comercial de Galicia co país mexicano é historicamente deficitario, e aínda que esta brecha tense reducido moito no último lustro debido principalmente ao descenso das importacións de petróleo (entre un 94% e un 98% do total das importacións mexicanas nos últimos anos), o repunte dos prezos do barril de cru parece que volverá a aumentar a partida de importacións galegas([4]) nos próximos anos.

Por outra banda, nas exportacións atopamos unha cesta moito máis variada, especialmente nos últimos anos, nos que se está a experimentar unha maior saída de diferentes bens con destino a México. Mentres que no ano 2009 as exportacións téxtiles acaparaban case o 70% das exportacións, no ano 2016 apenas supuxeron un 20% das mesmas, sen ter apenas experimentado unha redución en termos absolutos nos últimos anos.

Isto débese ao aumento das de dous sectores concretos, como son os produtos relacionados co sector do motor e do automóbil e, por outra, un forte desenvolvemento da industria da alimentación, que experimentou entre o ano 2008 e o ano 2016 un crecemento nas exportacións a México de máis do 400%.

Establecendo xa algunhas conclusións, valoramos que México xa é o principal socio comercial da América Latina, e estudando a progresión recente (especialmente das exportacións) semella que en poucos anos pode chegar a converterse nun dos principais socios comerciais da Galicia a nivel mundial.

images artigos igadi 2017 08 29 artigo mexico galicia pellitero 2

Fonte: Elaboración propia a partir de datos do IGE.

Polo tanto, a manifesta vontade de achegamento por parte das autoridades políticas, dos círculos de empresarios e incluso dos expertos e “gurús” económicos estase correspondendo coa evolución da realidade. Será necesario seguir atentos a este proceso de achegamento e interacción México-Galicia que terá o seu seguinte episodio na misión comercial organizada polo concello de Pontevedra, á feira “ExpoPYMES” no país americano.

Miguel Ángel Martínez Pellitero é estudante en prácticas no IGADI. Graduado en ADE pola UVigo, actualmente é estudante do Máster en Economía Internacional e Desenvolvemento na Universidade Complutense de Madrid.

 


([1]) Gonzalo Ortiz: “México, representa para nós un puntal en canto á colaboración da colonia de emigrantes galegos nas nosas accións no exterior”. Ligazón: http://emigracion.xunta.gal/es/actualidad/reportaje/made-galicia-las-empresas-gallegas-conquistan-mercado-exterior

Núñez Feijoo (abril de 2013): “México, representa para nós un puntal en canto á colaboración da colonia de emigrantes galegos nas nosas accións no exterior” Ligazón: http://www.farodevigo.es/galicia/2013/04/15/feijoo-busca-mexico-nuevas-alianzas-galicia/791870.html

([2]) Dato ofrecido polo Conselleiro de Industria, Francisco Conde en setembro de 2015 nun acto organizado na Cámara de Comercio en Vigo, onde acudiron representantes do goberno mexicano e diferentes autoridades e empresarios galegos. Ligazón: http://www.atlantico.net/articulo/economia/400-empresas-gallegas-hacen-negocios-mexico/20150924114234493634.html

([3]) Entre os séculos XV e XVIII existiu entre México e o Imperio Español unha relación de dependencia, no que México non era libre de comerciar con ningún outro pais e podemos identificar comercio de metais preciosos (prata principalmente), persoas e en menor medida certas mercadorías. Coa chegada da independencia no século XIX e o convulso século XX –Guerras mundiais e Franquismo- apenas existiu a posibilidade de abrir espazos no que se puidese abrir unha relación seria entre ambos.

([4]) Con respecto a isto, é destacable que o 99% das importacións procedentes de México están rexistradas na provincia da Coruña, ofrecendo un papel irrelevante ás outras tres provincias neste campo. Algo que non sucede no caso das exportacións, na que as provincias de Pontevedra e A Coruña dispútanse dunha maneira máis equilibrada neste rol.