Seguirá Corea do Sur os pasos de Filipinas na súa relación con China?

O presidente de Filipinas Rodrigo Duterte dixo recentemente que tomou a decisión correcta ao reactivar as relacións con China, seriamente danadas durante o mandato do seu predecesor Benigno Aquino III. O principal expoñente dese deterioro foi o ditame da Corte Permanente de Arbitraxe da Haia que rexeitou as pretensións chinesas nas disputas que lles enfrontan no Mar de China meridional. Pero Duterte, con ese as na manga, decidiu pasar páxina. En outubro pasado, o presidente filipino fixo unha visita de catro días a Beijing. En menos de 6 meses, China importou máis de 200.000 toneladas de froitas tropicais de Filipinas e uns 1.000 grupos de turistas chineses visitaron o país.

Liñas de investigación Observatorio de la Política China
Apartados xeográficos Asia
Idiomas Galego

O presidente de Filipinas Rodrigo Duterte dixo recentemente que tomou a decisión correcta ao reactivar as relacións con China, seriamente danadas durante o mandato do seu predecesor Benigno Aquino III. O principal expoñente dese deterioro foi o ditame da Corte Permanente de Arbitraxe da Haia que rexeitou as pretensións chinesas nas disputas que lles enfrontan no Mar de China meridional. Pero Duterte, con ese as na manga, decidiu pasar páxina. En outubro pasado, o presidente filipino fixo unha visita de catro días a Beijing. En menos de 6 meses, China importou máis de 200.000 toneladas de froitas tropicais de Filipinas e uns 1.000 grupos de turistas chineses visitaron o país.

Claro que non todo vai sobre rodas. Fai uns días, o ministro de Comercio chinés decidiu aprazar unha visita a Manila como protesta polo papel de Filipinas nun recente cume da ASEAN -que preside actualmente Manila- onde se condenou a militarización que China está levando a cabo nalgunhas illas. Tamén provocaron rozamentos as declaracións do ministro de defensa Delfín Lorenzana, quen manifestou preocupación polo paso de embarcacións chinesas preto de Benham Rise, unha zona en disputa pero que Manila considera baixo a súa soberanía. En calquera caso, “minucias” en relación á tendencia xeral a un achegamento baseado en aparcar os contenciosos e centrarse no beneficio mutuo. Un ano atrás ninguén apostaría por un cambio tan radical. Finalmente, o ministro de comercio chinés visitou Manila para reunir a comisión bilateral conxunta por primeira vez nun lustro. 

Seguirá Corea do Sur o mesmo camiño? Tralo seu convulso mandato, a presidenta Park Geun-hye foi destituída do seu cargo ao ratificar o Tribunal Constitucional a medida adoptada previamente polo parlamento. Nos últimos meses, as relacións sino-surcoreanas complicáronse en virtude do despregue no seu territorio do THAAD (Terminal High Altitude Area Defense), un avanzado escudo antimísiles que EUA instala na península malia as reservas expresadas por Beijing e Moscova. Co THAAD, Washington consegue ter baixo vixilancia vastas porcións do territorio ruso e chinés.

O consentimento e aval de Seúl a este proxecto, coa escusa do repunte das tensións con Pyongyang, deteriorou en grado sumo as relacións bilaterais. Beijing xa avisou da conxelación dos intercambios económicos e comerciais entre ambos países. A feliz entente Seúl-Washington deu ás a Pyongyang para persistir no seu programa nuclear e de mísiles nunha espiral ascendente de complexo final. 

A presidenta Park Geun-hye exhibiu unha peculiar belixerancia co Norte, unha táctica cuxo balance é coñecido. A paz e a seguridade parecen estar máis lonxe. O líder norcoreano séntese a gusto en tal escenario pois lle permite galvanizar o país e enrocar o seu réxime. 

Nos próximos dous meses haberá eleccións en Corea do Sur. O ex presidente do Partido Democrático, Moon Jae-in encabeza as sondaxes e pode tomar outro rumbo, máis inclinado ao diálogo en liña coa Sunshine Policy, o que reduciría tamén tensións con China. Moon foi xefe de gabinete do presidente Roh Moo-hyun. A este sucedeulle Lee Myung-bak, quen deixou atrás unha década de políticas de distensión para defender unha liña máis dura.

A Sunshine Policy foi a política exterior de Corea do Sur cara a Corea do Norte de 1998 a 2008. Trala súa articulación polo presidente surcoreano Kim Dae-jung, deu lugar a un maior contacto político entre os dous Estados e algúns momentos históricos nas relacións intercoreanas como os dous cumes celebrados en xuño de 2000 e outubro de 2007, investimentos de alto perfil e reunións de membros de familias separadas pola guerra de Corea. En 2000, Kim Dae-jung foi galardoado co Premio Nobel da Paz pola exitosa implementación desta política.

China pediu a suspensión simultánea dos ensaios de mísiles por parte de Corea do Norte e das manobras militares Corea do Sur-EUA. O secretario de Estado Rex Tillerson visitará Xapón, Corea do Sur e China este mes para reforzar alianzas e quizá tranquilizar a Beijing. 

Arrefriar as tensións, retomar o diálogo hexagonal para a desnuclearización da península e poñer coto á militarización da zona investindo a tendencia dos últimos anos é un imperativo que deberá afrontar quen suceda á destituída Park. Tamén o despregue do THAAD. Corea do Sur podería seguir os pasos de Filipinas.