Un dos piares fundamentais é o sistema das Nacións Unidas. Destaca especialmente a Axenda de Mulleres, Paz e Seguridade, a través da Resolución 1325 (2000) do Consello de Seguridade. Gracias a ela recoñécese por primeira vez o impacto desproporcionado dos conflitos sobre as mulleres e a necesidade de previr a violencia sexual. Paralelamente, un mecanismo clave é o Informe Anual do Secretario Xeral sobre Violencia Sexual en Conflitos, que identifica países afectados, patróns de violencia e actores responsables.
Desde o punto de vista dos tribunais, existen diversas fórmulas a nivel internacional para castigar crimes internacionais, incluíndo os de natureza sexual. Por un lado, os tribunais híbrido (órganos xudiciais que combinan elementos do dereito nacional e internacional para investigar e procesar crimes graves, como crimes de guerra, xenocidio ou crimes de lesa humanidade) tenden a aparecer cando o sistema xudicial do país carece de independencia, marco xurídico, infraestrutura ou os recursos humanos. Un exemplo é o Tribunal Híbrido de Serra Leona. Por outro lado, existen os tribunais especiais ou ad hoc, aínda que de momento só se crearon en dúas ocasións (Tribunal Penal Internacional para Ruanda e o Tribunal Penal Internacional para a Ex-Iugoslavia). Outros mecanismos son as comisións e iniciativas de observación e documentación en materia de dereitos humanos que inclúen no seu mandato un compoñente de investigación penal internacional. Finalmente, unha institución que destaca na persecución da violencia sexual é a Corte Penal Internacional. (Amnistía Internacional, s.d.).
Con respecto a esta última, e aínda que o Estatuto de Roma non menciona expresamente unha función restaurativa, a Corte Penal Internacional exerce un papel que vai máis alá da acción punitiva. O artigo 75 do Estatuto de Roma recoñece o dereito das vítimas a obter reparacións. Unha vez recoñecido o dereito á reparación, o Fondo Fiduciario elabora un programa que concreta beneficiarios e medidas, posteriormente executado polo propio Fondo. Ademais, este organismo cumpre unha función asistencial mediante programas de saúde mental, apoio médico e axuda material cando non existe condena. Na fase de reparacións distínguense entre reparacións correctivas, orientadas a devolver ás vítimas á situación previa ao dano, e reparacións transformadoras, que buscan modificar estruturas sociais, económicas e culturais que perpetúan a violencia. Neste contexto, a perspectiva de xénero é esencial para garantir xustiza ás vítimas de violencia sexual (Montero, 2024). Esta lógrase a través do Documento de Política sobre Violencia Sexual e de Xénero que está a axudar a impulsar o dereito penal internacional cara a unha comprensión máis complexa e inclusiva dos crimes sexuais e de xénero (Oosterveld, 2018).
En canto ás reparacións, existen varios modelos para axustarse ás necesidades das persoas sobreviventes de violencia sexual. Por un lado está a indemnización, que busca facer fronte aos gastos médicos das vítimas derivados da súa condición como tales, cando os patróns culturais e o estigma social dificultan a obtención de apoio. Outra opción é a rehabilitación, que consiste en facilitar o acceso á atención médica e psicolóxica necesaria. Ademais está a restitución, inadecuada para estas vítimas, xa que se basea en devolver á vítima a unha situación previa ao dano onde existían estruturas sociais discriminatorias. Finalmente está a satisfacción, que permite construír un relato oficial que permita a reconciliación xeracional. Este refírese á verificación dos feitos, á desculpa pública, ás homenaxes, a devolver a dignidade ás vítimas e restablecer a súa reputación (Montero, 2024).
Finalmente, organismos humanitarios como ACNUR ou UNICEF aplican protocolos internacionais para garantir atención médica, psicolóxica e legal ás vítimas, así como medidas de prevención en campos de refuxiados e zonas de crise.
A pesar de todas estas ferramentas, a loita contra a violencia sexual en relación aos conflitos está lonxe de rematar. Non obstante, cada avance normativo, cada reparación concedida e cada supervivente escoitada representan un paso firme cara a un mundo máis xusto e equitativo.
Bibliografía
Amnistía Internacional. (s.d.). Justicia internacional. https://www.amnesty.org/es/what-we-do/international-justice/
Montero Ferrer, C. (2024). De “Lubanga” a “Ongwen”: reparaciones con perspectiva de género en la Corte Penal Internacional. Revista Electrónica de Derecho Internacional Contemporáneo. Vol. 7 (7). https://doi.org/10.24215/2618303Xe074
Oosterveld, V. (2018). The ICC Policy Paper on Sexual and Gender-Based Crimes: A The ICC Policy Paper on Sexual and Gender-Based Crimes: A Crucial Step for International Criminal Law. Vol. 24, 443- 457. https://scholarship.law.wm.edu/wmjowl

