Un riguroso ensaio de xeografía humana, que polo seu interese xeral, terá axiña versión internacional, posto que trata un feito que o nacionalismo galego tradicionalmente desconsidera. Galicia é policéntrica: está integrada por cidades cada unha cunha identidade. Mas non só: no seu espazo natural, formado por 6,5 millóns de habitantes, unha vez que a UE disolveu as fronteiras políticas, imponse a xeografía, a física e a humana: unha unidade de mercado con continuidades culturais e sociais.
Outro nacionalismo, este ultraconservador e reaccionario, o español, tende a confundir España con Madrid e a facer da capital a grande beneficiaria, en calquera orde, así no económico coma no simbólico e cultural, da acción do Estado (…) As autoridades madrileñas consideran a enteira península -Portugal incluido- como o seu hinterland. O esquema radial da España, foi unha decisión artificial, sen raíces, tomada a maior gloria da centralización impulsada polos Borbóns. A partir de aí todos os acontecementos tenderon a favorecer a ecuación segundo a cal, todo o que era bo para a Monarquía era bo para Madrid, e o que era bo para Madrid era bo para España.
Se cadra, o sistema baseado na μοναρχία (literalmente, un só poder) é unha inocencia que herdou o estado democrático. Con efecto: aínda que a potencia económica de Madrid poida resultar beneficiosa para todos, non o é un μοναρ de poder que funcione como un furado negro que absorbe a enerxía, e os orzamentos, do estado, que é de todos e non só dos radicados en Madrid.
Portanto, os modelos de modernización máis eficientes para a España, en realidade son os propostos por vascos e cataláns, e se cadra pola nova “España vaciada”. En Galicia, pola reiterada ausencia de burguesía, só encontraron eco como unha nación cultural (…) Galicia carece de proxecto, certo, pero aínda máis de clases sociais que queiran dotarse do poder necesario para facer efectiva unha idea estratéxica. O empresariado non consegue ultrapasar un oportunismo pailán, e o goberno da Xunta… Nalgunha ocasión escoitaremos a un presidente da Xunta expresándose en termos similares [a Ximo Puig] e poñendo sobre o tapete os intereses de Galicia?
A conclusión de Antón supoño que se sabe, ou tal vez non, que os nosos líderes carecen de perspectiva. O seu nivel de formación intelectual é perfectamente descritible. Non só se trata do novo coroa-virus: a deficiencia da formación, ou mesmo educación, que exiben os líderes ultra-liberais. Nunha sociedade en que a información converteuse na materia prima esencial (…) un dos desafíos do presente radica en reconstruír unha linguaxe moral que supere a indiferenza e o cinismo.