91121p8t1

A terceira historia do PCCh

Da sexta sesión plenaria que o Partido Comunista (PCCh) celebrou estes días na capital chinesa salientouse oficialmente a aprobación dunha resolución sobre a súa historia, un documento que, dunha banda, vén a culminar a efeméride dos seus primeiros cen anos (1921-2021), e, doutra, atendendo ao simbolismo que tanto marca a política chinesa, pon de relevo a elevada posición acadada por Xi Jinping á fronte do Partido e do país, quen podería aspirar a exercer un terceiro e máis mandatos, contrariando os criterios sucesorios dos últimos corenta anos.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

Da sexta sesión plenaria que o Partido Comunista (PCCh) celebrou estes días na capital chinesa salientouse oficialmente a aprobación dunha resolución sobre a súa historia, un documento que, dunha banda, vén a culminar a efeméride dos seus primeiros cen anos (1921-2021), e, doutra, atendendo ao simbolismo que tanto marca a política chinesa, pon de relevo a elevada posición acadada por Xi Jinping á fronte do Partido e do país, quen podería aspirar a exercer un terceiro e máis mandatos, contrariando os criterios sucesorios dos últimos corenta anos.

Esta é a terceira resolución deste estilo do PCCh. A primeira foi en 1945, no contexto do VII Congreso celebrado en Yan’an, nada menos que 17 anos despois do anterior. Aquela síntese significou a plena institucionalización do liderado de Mao, que viña asentándose dende 1935. O PCCh axustou contas con Zhang Guotao e con Wang Ming. O primeiro foi inicialmente acusado de trotskismo e en 1938 pasouse ao inimigo Kuomintang e o segundo, máis relevante por estar á fronte dos “28 bolxeviques”, de santificar todas as instrucións da Internacional Comunista (e de servilismo á URSS). Desta forma, Mao, un cuarto de século despois da fundación do PCCh, instituía, urbi et orbi, non só a súa condición de dirixente indiscutible senón a singularización ideolóxica do PCCh baseada na integración do marxismo-leninismo coa praxe da revolución chinesa, epítome do seu “pensamento”, enunciado como tal por primeira vez en 1943. Por tanto, esta primeira resolución acumula 44 anos de historia. Zhang Guotao acabaría emigrando a Canadá, onde falecería. Wang Ming, establecido en Moscovo respondería a Mao publicando, con motivo dos 50 anos do PCCh, un volume vilipendiando, de principio a fin, ao Gran Temoneiro.

Xa fora na táctica (cercar dende o campo as cidades en vez de promover suicidas insurreccións nelas ou apostando directamente pola vía armada, poñamos por caso) ou nas políticas aplicadas nas zonas liberadas (a terra como propiedade pública e non para quen a traballa), o maoísmo foi dando respostas orixinais a unha sociedade en tantos aspectos igualmente única, froito da capacidade histórica para recrear un cosmos substancialmente diferente ao occidental. Trala proclamación da República Popular (1949), esa mesma inflexión intelectual está na orixe da busca dunha vía distinta, cun forte acento voluntarista, para demostrar a fortaleza dun pensamento trazado teoricamente nun contexto non só adverso no material senón tamén hostil no ideolóxico en boa parte do propio movemento comunista internacional.

Case outros corenta anos despois, a resolución de 1981 viu a establecer un novo balance, especificamente do maoísmo, sinalando aquel 70 por cento de acertos e 30 por cento de erros, establecido polo propio Mao para se referir á Revolución Cultural. Complementariamente, Deng Xiaoping consagrou a súa teoría do “socialismo con peculiaridades chinesas”, achegando un novo modelo para o desenvolvemento do país e a propia configuración dun Partido moi fendido polas derivas do maoísmo.

Deng era consciente de que o intento de Mao de acelerar o curso da historia tratando de construír o socialismo dun só salto fracasara de forma tráxica, cun alto custo para o PCCh e para o propio país. O Pequeno Temoneiro intentaríao agora dando un rodeo introducindo outras variables no proxecto, antes rexeitadas, e que poderían ser útiles nesa perspectiva de acadar os grandes obxectivos históricos: o desenvolvemento, a superación do atraso e a pobreza e a revitalización do país. Foi así, cun ritmo propio e con matices destacados, como o mercado ou a propiedade privada, por exemplo,  recuperaron posicións no modelo ata consumar unha síntese híbrida na que a burocracia, herdeira dunha milenaria tradición, porfiou en todo desenvolvelo e subordinalo a un afán común.

Por tanto, que Xi Jinping logre agora aprobar unha resolución acerca da historia dos cen anos do PCCh equipárao, de entrada, a Mao e a Deng. A expensas de coñecer en detalle o texto, abre a hipótese de introducir novidades significativas a propósito da interpretación do maoísmo pero tamén achegaranos un necesario balance do denguismo, cos seus claroscuros, que non son poucos nin menores. Por outra banda, ha servir para salientar as virtudes do propio xiísmo, establecido xa como a folla de ruta para catapultar a China á supremacía global, voltando aos tempos en que o seu PIB representaba o 32 por cento do mundial (1820), roldando xa agora o 20 por cento. Fixeron falta máis de 200 anos para chegar ata aquí e tamén fará falta agora que nada se torza nos complexos anos por vir….