O IGADI expón que a renuncia expresada pola Xunta impacta negativamente no posicionamento europeo e internacional de Galicia fronte as outras nacionalidades histórica españolas. Así as cousas, a decisión de renunciar limita as potencialidades do autogoberno e o status de nacionalidade histórica do Estatuto de Galicia, nun contexto interno, europeo e internacional, no que a Comunidade Autónoma ten que traballar pola súa relevancia, proxección e respectabilidade.
Tanto a UNESCO como ONU Turismo son moito máis que espazos de grande relevancia simbólica e identitaria, son organismos clave na definición de políticas globais en materia de cultura, educación, ciencia ou turismo. Todos eles, ámbitos nos que Galicia posúe activos propios amplamente recoñecidos e un impacto determinante no noso modelo de desenvolvemento, benestar e PIB. A decisión de non participar na UNESCO e ONU Turismo, non só minusvalora o peso destas axencias de Nacións Unidas, senón o da nosa cultura, territorio e lingua, como activos de valor internacional recoñecible e recoñecido.
Por todo o anterior, o IGADI anima á Xunta a que reconsidere a súa posición, abrindo as conversas precisas en Galicia e co Goberno de España, para definir as candidaturas galegas á UNESCO e a ONU Turismo, aproveitando o proceso para mellorar o conxunto da Acción Exterior de Galicia, preservando o Estatuto galego de 1981 e o status de nacionalidade histórica.
O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) é o think tank galego de referencia en análise internacional, acción exterior e estudos estratéxicos, cunha traxectoria de máis de trinta e catro anos. O IGADI traballa na análise, documentación e promoción da proxección exterior de Galicia, acompañando institucións públicas, empresas e cidadanía na comprensión dos grandes debates globais e no posicionamento de Galicia no contexto internacional. O IGADI fai parte dos órgaos consultivos da Xunta de Galicia, Consello Galego de Acción Exterior e Observatorio da Lusofonía Paz Andrade.
