IGADI Annual Report 2025-2026

O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito

Na historia das dezanove edicións do IGADI Annual Report (IAR) podemos rastrear a evolución e constitución do mundo multipolar no que hoxe vivimos. Se na primeira edición do ano 2007-2008 «Transitando cara unha estabilidade multipolar» identificamos as liñas mestras do que aconteceu nas últimas dúas décadas, xa ben entrado o 2026 a etapa da hexemonía estadounidense total ou a narrativa do mellor dos mundos posible están xa enterradas. 

O concepto da multipolaridade está cheo de debates teóricos e incertezas operativas, polo que non falamos dunha idea pechada, dun proceso estable ou dunha definición perfecta. Máis ben ao contrario, a multipolaridade singularízase hoxe pola absoluta inestabilidade na sociedade internacional, a fragmentación da orde internacional liberal e as súas institucións de gobernanza global, configuarada após a Segunda Guerra Mundial. 

Por detrás da emerxencia da multipolaridade como concepto explicativo, atópase desde hai décadas a transición de poder que está a darse en todos os indicadores entre os EUA e a China. Sen embargo o mundo actual non pode entenderse de maneira mecánica como unha confrontación entre estas dúas superpotencias, se non tamén desde a emerxencia de liderados rexionais dentro do amplísimo Sur Global, da India ao Brasil ou de Turquía a Nixeria. Se alguén tiña a esperanza de normalizar un mundo tripolar (EEU-Rusia-China), que abandone toda esperanza, a complexidade do mundo novo vai alén do esquema mecánico tradicional e precisa de esquemas de relacións fluídas, actores diversificados e alianzas moitas veces contraditorias. As armas nucleares son hoxe o único telón de aceiro á hora de escalar as hostilidades.

Neste contexto e como unha profecía autocumprida, a Trampa de Tucídides, que describe a inevitabilidade da guerra cando unha potencia emerxente ameaza con desprazar a unha dominante, asoma con toda a súa crueza no 2026 como así reflicten os acontecemento dos últimos anos e semanas. Trump non é o arquitecto do mundo novo, senón o acelerador dun proceso que o IAR retratou as últimas dúas décadas e na que interactúan dinámicas sociopolíticas e culturais, así como históricas, tecnolóxicas ou económicas. 

Desta maneira, tralo 2025 e o turbulento inicio do 2026, confirmamos unha orde internacional marcada pola multipolaridade líquida, a intensificación de conflitos de toda natureza e a expansión dun enfoque crecente de transaccionalismo nas relacións entre Estados. Sen esquecer o contexto de policrise —onde converxen tensións xeopolíticas, desafíos económicos, emerxencia climática e transformacións tecnolóxicas— os riscos globais acumúlanse ao tempo que as normas internacionais vixentes son reinterpretadas e, en ocasións, abertamente desprezadas polo seu principal arquítecto, os EUA. Neste sentido, o memorando presidencial de xaneiro que instrúe aos Estados Unidos retirarse ou ceder a súa participación en sesenta e seis organizacións, acordos e organismos internacionais constitúe só a última manifestación do progresivo afastamento dos EUA do multilateralismo.

Tras dous trienios desde a pandemia global da Covid-19 e a suspensión da globalización entre o 2020 e o 2022, o cuarto aniversario da invasión rusa de Ucraína, o xenocidio en curso en Palestina iniciado polo goberno Netanyahu ou un mes despois do inicio da Guerra en Irán, a perigosa década dos anos 20 ameaza con máis acontecementos catastróficos. 

Neste marco histórico, polarizado e lonxe de hexemonías radicais, tanto no interior dos Estados como nas relacións entre eles, o 2026 acepta xa o risco total de efecto dominó nas tensións guerreiristas arredor do planeta, nunha carreira armamentística que avanza sen ningunha esperanza de deterse no curto prazo. 

Como novidade disruptiva neste escenario, a moi particular aceleración da revolución tecnolóxica redefine o mundo novo, onde a intelixencia artificial militar ou o algoritmo das plataformas sociais, reconfigura a propia guerra así como as dinámicas sociopolíticas dentro de cada Estado e nas políticas exteriores dos Estados. Aberto xa un marco futurista radical, a robótica masificada, intúese como a seguinte grande disrupción, da guerra ao mundo do traballo.

O IGADI Annual Report 25-26

No IAR 25-26, presentamos baixo estes vimbios as variables e as ideas fortes que construíron o 2025, así coma os acontecementos e as tendencias a observar durante o 2026, onde as interdependencias e os riscos globais contan con escenarios xeográficos e temáticos onde cómpre especialmente achegar as lentes.

Como cada ano, pechamos o IAR coas Personaxes do ano, nos que apostamos por distinguir figuras orixinais do 2025 e que asociamos cos temas, chaves e perspectivas que presentamos ao longo de todo o anuario

Agradecemos de maneira especial as achegas das nosas investigadoras asociadas e este IAR 25-26, así como a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, por apoiar a 19ª edición do IAR.


Índice

  1. Presentación 
    • 1.1. Os 34 anos do IGADI 
    • 1.2. Equipo IAR 2025-2026 
  2. As Chaves de 2025
    • 2.1. Donald Trump 2.0: Da reafirmación hexemónica aos Arquivos Epstein 
    • 2.2. O rearme e o verán da humillación na Unión Europea 
    • 2.3. O Gran Israel, o xenocidio en Palestina e a Guerra dos 12 días 
    • 2.4. 80 aniversario da conmemoración chinesa do final da 2ª Guerra Mundial: nunha man a rama de oliveira e na outra o fusil 
    • 2.5. Tensións no sistema internacional: A Xunta de Paz dos EUA e a Iniciativa da Gobernanza Global da China 
  3. As Perspectivas 2026
    • 3.1. O expansionismo trumpista no ano das Midterm 
    • 3.2. Adicción á guerra e amezas existenciais en Oriente medio 
    • 3.3. Potencialidades e dilemas da Unión Europea nun mundo multipolar 
    • 3.4. A Presidencia india e os límites dos BRICS 
    • 3.5. A crise de Nacións Unidas e a renovación da Secretaría Xeral 
  4. Reflexións por áreas xeográficas 2025-2026
    • 4.1. Galicia e España ante a Axenda Von der Leyen II: competitividade, transición verde e involución autonómica. Por Serafín Pazos 
    • 4.2. A guerra na Ucraína: a firme resistencia baixo a sombra da incerteza xeopolítica. Por Alexis Romanov 
    • 4.3. Os Balcáns: Na procura dunha anclaxe internacional. Por Miguel Roán 
    • 4.4. Gaza, xenocidio e “proceso de paz”: balance de 2025 e perspectivas para o 2026. Por Christoph Schreinmoser 
    • 4.5. China a cabalo dunha nova etapa de consolidación internacional. Por Marola Padín Novas 
  5. Reflexións transversais 2025-2026
    • 5.1. Perspectivas da economía mundial e Galicia para 2026. Por Diego Sande 
    • 5.2. A xeopolítica do algoritmo. Por Antonio Alejo 
    • 5.3. A Diplomacia dos Océanos tras o Fito do BBNJ (Biodiversity Beyond National Jurisdiction) da ONU: Unha Gobernanza Azul en Alta Mar? Por Patricia Coloret 
    • 5.4. A iniciativa Cities4Cities: mobilización de instrumentos internacionais para a resiliencia urbana durante o conflito. Por Tamara Espiñeira 
    • 5.5. Actividade operativa de actores armados non estatais de inspiracion xihadista ( 2025-26). Por Luis Antonio González 
  6. As personaxes do ano
    • 6.1. Aliko Dangote 
    • 6.2. Yoon Suk-yeol 
    • 6.3. León XIV
    • 6.4. María Corina Machado 
    • 6.5. Sanae Takaichi

Edición: Christoph Schreinmoser (Director do IGADI),Daniel González Palau (Director adxunto do Observatorio de la Política China-IGADI e coordenador do Observatorio Galego da Lusofonía, OGALUS-IGADI).

Equipo colaborador: Marola Padín Novas, Diego Sande Veiga, Antonio Alejo, Patricia Coloret, Serafín Pazos Vidal, Oliksey Romanov, Miguel Roán, Tamara Espiñeira, Luis Antonio González.

Traducións: Aloia Yi Álvarez Paradela (“Los Balcanes” e “La geopolítica del algortimo”).

Maquetación: BREO.gal 

ISSN: 1989-9130

OBSERVACIÓNS: As opinións expresadas non reflicten necesariamente as do IGADI e son responsabilidade dos seus autores.