Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 18 de Xaneiro de 2020 Ríos

2020, este ano

descarga.jpg

O presente será un ano de confirmación da viraxe. Un informe de Davos sinala que en 2020, Asia rexistrará o maior PIB mundial, o que podería acelerar igualmente a nivelación e transferencia de poder na gobernanza global. Enfrontados á hipótese da desaceleración do comercio mundial, en boa medida produto do incremento do proteccionismo, a tendencia liderada polos EUA contrastará coa previsible entrada en vigor da Asociación Económica Integral Rexional que lideran China, Xapón e Corea do Sur, asentando unha maior vitalidade na rexión de Asia-Pacífico. A bandeira do multilateralismo e da integración económica cambiará de escenario de forma decidida se logran salvar as reticencias de India, que non será doado.

EUA celebrará eleccións presidenciais en novembro no previsible marco dunha polarización política entre demócratas e republicanos que se intensificará nos vindeiros meses. Na UE, a nova Comisión, tralo Brexit, ten o reto de definir o signo da relación económica e comercial co veciño británico sen desencadear outra rolda de tirapuxas prolongadas. A maiores, a cohesión europea enfróntase ao risco de estancamento e incluso de retroceso. O seu status internacional e a súa influencia global diminúen, entre outros por falta de suficiente criterio autónomo. O eterno escepticismo convive coa ilusión de que a UE poida desempeñar un papel relevante e positivo.

Malia os intentos de Francia e Alemaña, será difícil que as relacións entre Rusia e Occidente se reparen. Moscova leva anos de volta na xeopolítica facendo valer os seus propios intereses a pesares das súas significadas taras internas. As diferenzas entre Rusia e os EUA son difíciles de resolver, xa falemos de Siria ou Irán, poñamos por caso. O futuro da UE, ad extra, medirase nestes escenarios. Washington seguirá exercendo a máxima presión sobre Irán, dinamitando sen contemplacións a vontade mediadora das potencias comunitarias. Pregaranse entón?

En América Latina vai proseguir o pulso continental entre conservadores e progresistas. O primeiro cruce de camiños pasará por Bolivia, onde se decidirá sobre a lexitimación electoral do golpe de Estado que instituíu a Jeanine Áñez ao fronte do país. Un segundo pulso librarase de forma incipiente no Brasil de Bolsonaro: as eleccións municipais poderían servir de trampolín para un cambio de maior alcance. Para México será tamén un ano clave coa mirada posta nas lexislativas de xullo de 2021. E Chile encara o reto constitucional coas raíces ao descuberto da profunda e irritante desigualdade que acochaba o seu  “triunfante” modelo socioeconómico e político.

A ola de protestas que sacudiu varios países en 2019 promete un 2020 igualmente quente no sociopolítico. Os denominadores comúns apuntan a contradicións sociais, crises de gobernanza, problemas institucionais, acumulación de descontentos e a exacerbación das desigualdades. Por diferentes motivos, Chile, Hong Kong, Iraq, Irán, Líbano, Libia, Bolivia, Venezuela, Francia, India, etc. conforman unha longa listaxe de protagonismos diversos.

China, cada vez mais presente no horizonte mundial, anunciará aos catro ventos a eliminación da pobreza extrema en todo o país e os pasos de xigante acumulados na creación dunha sociedade “modestamente acomodada”. Será tamén un ano clave para Beijing, que encara desafíos político-territoriais á alza (Hong Kong e Taiwán, noutra escala Xinjiang). A obsesión por telo todo en estado de permanente revista con vistas ao primeiro centenario do Partido Comunista (2021) pode extremar tensións e acabar por estragar a  celebración.

O desenvolvemento das novas tecnoloxías, en especial as redes 5G, o big data e a intelixencia artificial, avanza a pasos de xigante nun ermo que ninguén semella interesado en regulamentar nin no eido do respecto á ética mais elemental e aos valores democráticos nin tampouco ao seu uso militar, extremos todos eles que deberan ser abordados de forma urxente. Instalados xa na era da pos-privacidade, con seguridade, cabe imaxinar que antes disporemos de instrucións dos bancos centrais para disciplinar as moedas dixitais. Ou tampouco?

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais