Artigo extraído do Libro Homenaxe a Xulio Ríos Paredes "Unha vida de compromiso para unha Galicia universal"
Libro homenaxe a Xulio Rios Paredes

A revolución das pequenas cousas… e de outras non tan pequenas

Desde mediados dos anos setenta do século XX e até o cambio de século, o fío vermello das insurreccións revolucionarias e as mobilizacións populares en América Latina balizou a historia da solidariedade internacionalista en Galicia. O apoio aos pobos palestino e saharauí, a atención concedida aos exiliados e aos resistentes fronte ás ditaduras suramericanas e mais o compromiso coas nacións sen Estado en loita para acadar a súa soberanía completaban o cartafol das nosas solidariedades. A cartografía esencial: nas orixes, o apoio á Revolución cubana fronte ao bloqueo dos EEUU; despois Nicaragua, O Salvador e Guatemala, O Brasil do MST e, desde o 31 de decembro de 1994, a insurrección zapatista en Chiapas e... outravolta a Nicaragua das mobilizacións campesiñas en tempos do neoliberalismo voraz.

Desde mediados dos anos setenta do século XX e até o cambio de século, o fío vermello das insurreccións revolucionarias e as mobilizacións populares en América Latina balizou a historia da solidariedade internacionalista en Galicia. O apoio aos pobos palestino e saharauí, a atención concedida aos exiliados e aos resistentes fronte ás ditaduras suramericanas e mais o compromiso coas nacións sen Estado en loita para acadar a súa soberanía completaban o cartafol das nosas solidariedades. A cartografía esencial: nas orixes, o apoio á Revolución cubana fronte ao bloqueo dos EEUU; despois Nicaragua, O Salvador e Guatemala, O Brasil do MST e, desde o 31 de decembro de 1994, a insurrección zapatista en Chiapas e… outravolta a Nicaragua das mobilizacións campesiñas en tempos do neoliberalismo voraz.

Na cerna da primeira solidariedade internacionalista cóntanse, desde 1979, os Comités de Solidariedade con América Latina (COSAL) e a Asociación de Amizade Galego-Cubana «Francisco Villamil» a partir de 1981. A mediados dos 80 inician a súa andaina as primeiras ONG que, a carón da Axuda Oficial para o Desenvolvemento, van ampliar as estratexias de loita contra a pobreza nos países do Sur e que, entre nós, recibirán un notable impulso tras a creación da Coordinadora Galega de ONGD, en 1991, e a Campaña do 0,7% do PIB para Cooperación en 1993.

Outro fito relevante na constitución do tramado da cooperación galega foi a creación da axencia municipal para a cooperación internacional, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, en 1997, que lle debemos a Xulio Ríos e á intelixencia colectiva do IGADI. A cooperación con implicación dos concellos abriu campo ás accións de irmandamento municipal e á execución de proxectos enfocados ao desenvolvemento local comunitario. Esta primeira etapa de formación do tecido da cooperación ao desenvolvemento no país péchase coa Lei galega de cooperación de 2003 e o seu primeiro Plan Director en 2006.

A primeira vaga de solidariedade internacionalista con Nicaragua

A resistencia popular contra a ditadura somocista aviveceuse en agosto de 1978 cando un comando da FSLN, dirixido por Edén Pastora e Dora María Téllez, asaltou o Palacio Nacional e tomou como reféns aos deputados. Desde aquela, o foco informativo non deixará de reparar en Nicaragua. Tras a insurrección fracasada de 1978 agroman grupos de apoio aos sandinistas e, en 1979, créase o primeiro COSAL en Vigo ao que seguirán outros en Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol… animados por militantes de forzas políticas extraparlamentaria (MCG e LCR) en converxencia coa esquerda sindical de CCOO e a UGT e activistas dos movementos cristiáns de base —moitos vinculados á esquerda nacionalista—.

A Revolución Sandinista xerou unha onda de solidariedade global que se intensificou cos ataques da Contra e a guerra de baixa intensidade promovida polos EEUU. Coa Cruzada Nacional de Alfabetización, en 1980, milleiros de internacionalistas intégranse en brigadas para impulsar proxectos educativos, sanitarios ou a creación de infraestruturas comunitarias. Entre 1980 e 1990 pasarán por Nicaragua máis de medio milleiro de brigadistas galegos. Entre eles, o xornalista ferrolán Xosé María Benítez Casteleiro ou a viguesa Begoña Moa –que promove proxectos radiofónicos populares en Río San Juan na fronteira con Costa Rica– e Pablo Otero, un dos fundadores do COSAL, que traballará ás ordes de Tomás Borge na edición do Barricada Internacional e coordinará ás brigadas chegadas do Estado español. Os laboralistas Enrique Aller e Carlos Cerviño participarán na redacción do Código do Traballo de Nicaragua (1988-1990) e Ana María Vila, relixiosa da Compañía de María, vinculada ás organizacións progresistas de crentes galegos e fundadora do COSAL de Lugo, principiará en 1988 o seu labor solidario nas comunidades campesiñas de Malacatoya, na rexión de Granada.

No último terzo dos 80, os comités internacionalistas desprazaran xa a súa atención cara O Salvador e Guatelama e o seu espazo fora ocupado polos proxectos de cooperación de ONGD coma ACSUR-Las Segovias ou Entrepobos, iniciativas que se viron fortalecidas cando, en 1993, a Axuda Oficial española sinalou a Nicaragua como país prioritario nas súas políticas.

Nas eleccións de 1990, Violeta Chamorro, da Unión Nacional Opositora, acadou o 54,7% dos votos e puxo fin ao ciclo revolucionario sandinista. A Contra anunciou o alto o fogo. Pouco despois fíxose efectivo o primeiro Programa de Axuste Estrutural do FMI: mínguase un terzo do emprego no exército e na administración; 351 empresas públicas (que xeraban o 30% do PIB) son privatizadas, devoltas aos antigos propietarios ou liquidadas. En 1994, a débeda externa nicaraguana acada 11.695 millóns de dólares. En 1998 equivale xa ao 278% do valor do seu PIB. Na revista Envío resumían: «A verdadeira meta do Programa de Axuste é que sigamos pagando a débeda externa. É hora de pensar un programa no que Nicaragua troque a débeda por estabilidade e desenvolvemento». O imperio da ortodoxia neoliberal era esmagador.

Nos anos noventa, Nicaragua tiña, xunto con Haití, o Índice de Desenvolvemento Humano máis baixo de Latinoamérica. En 1994, o 70% das familias nicaraguanas vivía en condicións de pobreza; en 1997 era o 82% das unidades familiares. A pesar da guerra e o bloqueo, os sandinistas conseguiran algúns éxitos con melloras en educación e sanidade, pero non foran quen de crebar as pexas estruturais causantes do empobrecemento e a desigualdade malia a súa reforma agraria e o impulso das cooperativas campesiñas. A ofensiva neoliberal esborrallou a maioría dos avances e ameazou as redes comunitarias de apoio mutuo que xermolaran coa Revolución. Con Chamorro a contrarreforma agraria prosperou: das máis de 3.000 cooperativas agrogandeiras dos anos 80, en 1996 apenas quedaban 300.

A segunda vaga da solidariedade: a UCA Heroes e Mártires de Nandaime e os «norteños»

A dignidade rebelde dos zapatistas abaneou o mundo o primeiro de ano de 1995. América Latina retornou á axenda da solidariedade internacionalista e as loitas campesiñas insurxentes gañáronse as simpatías cidadás. O teito, terra, traballo, pan, saúde, educación, independencia, democracia, liberdade…. do EZLN iluminou outras rebeldías coma as do campesiñado nicaraguano.

Na campaña electoral, Violeta Barrios prometera a devolución das propiedades confiscadas aos seus antigos donos e a entrega de terra aos desmobilizados da Contra. Á esixencia de terras sumáronse os retirados do Exército e a Policía Sandinista, os despedidos das empresas públicas e os desprazados e refuxiados que retornaban ao país. E os 120.000 beneficiarios da Reforma Agraria sandinista en litixio polas terras cos antigos donos, na súa inmensa maioría oligarcas somocistas.

O norte de Nicaragua converteuse nunha polvoreira. A reinserción da Resistencia Nacional (A Contra) saldouse cun sonoro fracaso. Os desmobilizados rearmáronse, naceu a Recontra e os ex milicianos do Exercito e das cooperativas de autodefensa sandinistas pasarán a ser obxectivos de numerosas operacións de castigo. As gavelas de rearmados asolarán o norte de Nicaragua (Siuna, Bonaza, Rosita, Waslala, Jinotega, Estelí…). Só en 1994, houbo 583 incidentes cos rearmados: 50 asasinatos, 45 secuestros, 48 asaltos, 31 incendios, 92 combates coas forzas da orde… Coma constatou Verónica Rueda-Estrada: «A posguerra foi en moitos sentidos tan violenta como a guerra».

Os campesiños sandinistas responderan, primeiro, organizando unidades «recompas» para a autodefensa; despois, coa escalada da violencia, comezarán un éxodo cara a outras zonas de Nicaragua. En 1991 chegan a La Calera (Nandaime), ao sur de Granada, as primeiras familias norteñas, ao pouco constitúense as comunidades Nicaragua Libre en San Luís de Manares e Aguas Agrias. A Unión de Cooperativas Agropecuaria Heroes e Mártires de Nandaime, creada ao abeiro da reforma agraria, actúa de anfitrioa. A súa integración na rede de solidariedade débese ao teimoso labor de José María Chepe Ampudia, un cooperante leonés vencellado á teoloxía da liberación. Ampudia lideraba, desde finais dos 80, diversas iniciativas en conexión co Centro Comunitario «Óscar Arnulfo Romero» de Nandaime, onde o pai Santiago Giroux servía de enlace coa ONG canadense Spirale.

O aumento de violencia no norte forzará unha nova vaga de refuxiados. O 31 de decembro de 1994, coincidindo coa toma de San Cristóbal de las Casas polo EZLN, un grupo de familias orixinarias de Waslala ocupan Isla Zapatera, no lago Cocibolca, fronte á cidade de Granada. Organízanse en tres comunidades-cooperativas (Sonzapote, La Habana e El Morro) na costa sur da illa. Os norteños ocupan terras ociosas outrora confiscadas polo Goberno sandinista e integradas no Parque Nacional de Zapatera. Con recursos da UCA «Heroes e Mártires de Nandaime», de Spirale e doazóns canalizadas por grupos cristiás de base garantirase a alimentación básica de emerxencia, a construción de vivendas provisorias e os insumos necesarios para a posta en marca de labores agrícolas e gandeiros.

En 1995, Xosé Antón Iglesias, crego de militancia antifranquista, moi conectado co nacionalismo de esquerda e os movementos progresistas de crentes galegos, contacta con Chepe Ampudia e sabe en primeira persoa da ocupación de terras dos refuxiados norteños. O COSAL de Santiago organiza con el diversas charlas para dar a coñecer o movemento e captar fondos de axuda antes de que Iglesias retornara a Nicaragua para implicarse na organización comunitaria do norteños a carón de Chepe Ampudia e Iris Vado, unha dirixente histórica da FSLN de Rivas. Como resultado desas accións, o COSAL organiza unha brigada de 10 persoas que, en xullo de 1995, realiza traballos de alfabetización de adultos e identifica proxectos de desenvolvemento convivindo nas comunidades campesiñas en Isla Zapatera.

En 1996 novos colectivos de refuxiados desprázanse ao departamento de Granada e aséntanse en Tarca e El Cerro, en Zapatera, e ao pé do volcán Mombacho ocupando terras non explotadas acaparadas na «piñata sandinista» pola Asociación de Trabajadores del Campo (ATC). Desde entón multiplícase o acoso policial sobre os norteños e a presión da FSLN provocará o cisma dalgunhas cooperativas da UCA desconformes coa ocupación de terras. A escalada represiva intensificarase en 1997-1999, con numerosas tentativas de desaloxo, detencións e, finalmente, o encarceramento de Chepe Ampudia que se verá, ao cabo, obrigado a abandonar Nicaragua.

Neste tempo, recomponse o mapa das cooperativas, mais os reveses produtivos e a represión forzan novos desprazamento e a desaparición dalgúns núcleos cooperativos en Zapatera e o Mombacho, mais vaise consolidando unha rede solidariedade ao redor da UCA e os norteños: ACODE, unha ONG madrileña, mantén persoal expatriado con traballo en saúde comunitaria; Ana María Vila e a ONG AXUNICA colaboran en iniciativas de desenvolvemento comunitario; desde 1996, unha ONG vasca Zubiak Eginez, con expatriados, faise cargo de dinamizar proxectos produtivos, melloras de infraestruturas e vivendas e o desenvolvemento turístico; e o COSAL acompaña o proceso coa organización de brigadas até 2001, identifica microproxecto produtivos, educativos e de fortalecemento asociativo da UCA e media para conseguir financiamento a través de ONGD galegas e o Fondo Galego de Cooperación. A colaboración estable de ACODE, COSAL e Zubiak Eginez concretouse en ZUCOA, unha sorte de consorcio de ONG en apoio da UCA «Tierra y Agua» que, constituída en 1998, chegará a axuntar 14 cooperativas en Nandaime e Isla Zapatera.

O COSAL sosterá, ademais, outras iniciativas de apoio en Nicaragua en favor de Radio La Primerísima, dirixida polo xornalista William Grigby, e a Fundación Popol Na, ONG dedicada ao desenvolvemento local e a promoción do municipalismo. Desde 1997, os bos oficios de Xulio Ríos e de Alfredo Novoa Gil permitiron abrir unha xanela de cooperación cos concellos do Fondo Galego en apoio das cooperativas de norteños e a execución de proxecto de reconstrución tras o furacán Mitch en municipios do departamento de Chinandega. Cooperación de proximidade ao redor de microproxectos, de escala local, modestos nas súas contías, pero liberados das condicionalidades e as esixencias tecnocráticas das iniciativas de desenvolvemento impulsadas pola Axuda Oficial.

Proxectos imprescindibles para dar vida á revolución das pequenas cousas e de causas non tan pequenas como a dignidade rebelde das comunidades campesiñas. Solidariedades miúdas que son doadas de esquecer nos pregues da historia da cooperación galega. Nacidas de paixóns alegres, infinitamente valiosas por ser portadoras de esperanza e azos emancipadores para cambiar a vida dos máis desfavorecidos entre os desfavorecidos. O tempo ergue barricadas contra a memoria. Para vencer ao esquecemento, deixar testemuño agradecido e render homenaxe a Xulio Ríos —e o moito que lle debemos— foron escritas estas liñas sobre a solidariedade internacionalista en Nicaragua.

Sobre o autor: Manuel M. Barreiro (Caracas, 1961). Licenciado en Xeografía e Historia na USC. Editor, coordinador de proxectos dixitais e xestor de políticas públicas. Identificou proxectos de cooperación en Nicaragua (1995-2001) e foi avaliador de programas de desenvolvemento en Bolivia (2002-2003). Docente, durante 10 edicións, do Máster en Xestión da Cooperación Internacional e das ONG na Universidade de Santiago. Fundador do xornal Praza Pública e presidente do seu Padroado (2013-2018) e colaborador como analista político da revista Tempos Novos. Autor de A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa. Ames: 2.0 Editora, 2013. Coautor con Marcos Pérez Pena, David Peón e Xabier Doporto de A crise dos medios en galego: informe. Santiago de Compostela: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, 2013. Coordinador, con Daniel Salgado, de Entrementres. Ensaios para unha nova cultura política. Santiago de Compostela: Corsarias, 2014.