www.cidadedacultura.gal

A Cidade da Cultura no mundo do futuro?

Parece existir un consenso público e subterráneo, sobre o fracaso até o de agora, do proxecto da Cidade da Cultura. Desde a obra concibida por Peter Eisenman, para o concurso de 1999 no que saíu gañador, pasaron moitas cousas e case ningunha boa, excepto que por fin o pasado 9 de outubro do 2021 declarouse o final das obras, por agora...
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Parece existir un consenso público e subterráneo, sobre o fracaso até o de agora, do proxecto da Cidade da Cultura. Desde a obra concibida por Peter Eisenman, para o concurso de 1999 no que saíu gañador, pasaron moitas cousas e case ningunha boa, excepto que por fin o pasado 9 de outubro do 2021 declarouse o final das obras, por agora…

Especificamente, o grandísimo gasto de investimento así coma o grandísimo gasto de mantemento anual, son a base dese consenso público e subterráneo sobre o fracaso e o pesimismo no horizonte, unha cruz coa que cargar. Este consenso é visible en Santiago onde moitas veciñas aínda nin a coñecen e non semella arriscado inferir que esa sensación sobre o complexo arquitectónico é maior no resto de cidades e vilas do país.

O relato daquel concurso de ideas que gañou Eisenman, ademais de xigantesco, tiña un discurso apegado ao fenómeno histórico dos Camiños a Santiago e a renovación da idea de Compostela no S.XXI e o futuro. Dúas décadas despois, observada desde o lonxe no barrio de Sar, a Cidade da Cultura semella o que aspiraba a ser, unha Catedral do futuro, obra faraónica e espectacular.

Neste marco, ao pé dunha terraza do barrio, xurdiu unha recorrente conversa picheleira:

 – Pregúntovos aos tres, teleférico para facer da experiencia unha nova aposta para a Cidade da Cultura? Ou mellor derrubala?

– Eu claro que quero teleférico, desde o Seminario, case sen impacto ambiental, con empresas galegas e tecnoloxía chinesa, unha experiencia de sustentabilidade. Iso si daría o impacto internacional, revalorizando o barrio e emendando o pasado. O parque de Belvís e o seu labirinto, a Colexiata, sacar a xente da Zona Vella e pensar que Santiago como mínimo son dous días ou tres… e non só pedras e postais históricas, se non de futuro.

– Estás tolo? Aínda estragas o barrio e segues a perder o capital. Mellor en lugar de derrubala deixala soa, as obras coa montaña, sacar a xente e a actividade, convertela en monumento. Facer unha intervención artística arredor da idea falida de desenvolvemento.

O terceiro pechou -Pois nin teleférico nin intervención artística, o mellor sería vendela polo que fose e evitar o gasto que dunha ou doutra maneira estará aí. Non vén o futuro para frivolidades.

A Cidade da Cultura é relevante para a Galicia do futuro así como para a súa imaxe internacional, con todas as súas virtudes e límites. Haberiamos de saber explorar as virtudes para superar a fase de negación colectiva e darlle paso a outra máis proveitosa. Elementos indirectos arredor da súa xestión, coma a instalación de sedes administrativas, a posta en valor do monte Viso ou a vacinación comezan a darlle atributos inesperados. Aínda que difuso, comézase a debuxar o futuro do complexo.

Ao final, explica Wilfried Wang, o único membro do Xurado que votou en contra de darlle a Peter Eisenman o proxecto (La Voz de Galicia 1 de abril de 2021) “o Gaiás é unha realidade e agora temos que facelo funcionar. Só se logrará si se analizan os erros que se cometeron e se invisten máis cartos. Non é algo que se poida pechar e esquecer. Tes un legado e tes que lidalo.”

Mentres que Europa entra en pánico polo medo ao desabastecemento, en Galicia temos entre outros retos de futuro, un faraónico coa Cidade da Cultura.  Que será dela no 2.121? Ao final a Cidade da Cultura é de todas.