José Manuel Lage Tuñas é concelleiro de Economía e Planificación Urbana e primeiro tenente da alcaldesa do Concello da Coruña
FOTO LAGE 2

A Coruña, punta de lanza na acción exterior galega. Por José Manuel Lage.

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave a coruña egaex

Resulta indubidable que A Coruña consolidouse como unha urbe de referencia no ámbito nacional. Sen embargo, a cidade conta tamén con innumerables atributos para afianzarse como un referente no contexto exterior. Como cidade atlántica vencellada á historia das grandes expedicións, A Coruña despuntou como unha das terras con maior potencia do país. Así o demostra de forma monumental a Torre de Hércules, faro milenario que aínda hoxe guía aos buques que se achegan ás nosas costas e complemento ao que durante moito tempo foi a principal porta, por mar, de Galicia: o porto da Coruña.

Baixo esa premisa, non resulta estraño que a cidade herculina manteña hoxe unha posición de liderado na comunidade. A que foi a gran potencia marítima de Galicia segue a ser e a gardar a chave do progreso como cidade portuaria. Punta Langosteira, o gran porto verde, ten a oportunidade de ser unha das infraestruturas clave para o desenvolvemento da nosa comunidade como líder nas enerxías renovables. Situaríanos como unhas das principais potencias económicas en Europa, como xa o fora antes da man do sector primario. A Coruña é unha cidade de industria, si. Pero, sobre todo, é unha cidade que sabe adaptarse aos novos tempos.

O porto foi, historicamente, a principal porta da cidade. Unha condición que mantén hoxe como vía de entrada do turismo de cruceiros. Só por achegar algún dato, no ano 2022 A Coruña acolleu 138 escalas e máis de 225.000 pasaxeiros. Unha liña de ascenso que mantemos este ano, pois só no mes de setembro deste ano chegaron 26 buques ao porto, case un por día. Iso, sumado ás novas conexións internacionais postas en marcha por este Goberno local en Alvedro, supoñen un impulso crucial ao posicionamento internacional da Coruña. Como tamén a aposta polo turismo de congresos, que está a dar xa os seus froitos; e tantas outras liñas que afondan na consolidación da Coruña como catalizador exterior.

A industria actúa como o principal axente económico na Coruña. Pero, como con todo, é preciso que vaia acompañada duns servizos parellos para que poida medrar. Así sucede con Alvedro, hoxe conectado con Milán, Londres e Xenebra, potencias na industria téxtil e tecnolóxica. Dous campos que marcan e marcarán o futuro da Coruña, xunto co porto exterior como porto verde. E tamén coa nova estación intermodal, que denota tamén un cambio na forma de entender as conexións cos diferentes territorios.

O ferrocarril ten unha débeda pendente coa Coruña. Mais, a construción da intermodal, a conexión xa en marcha do tren a Langosteira e a expansión da alta velocidade seguramente axudarán a saldar esa débeda.

Este verán coñecíamos que Renfe planifica a súa expansión a Portugal con novas rutas a Lisboa e Porto. Unha liña que conectaría o país veciño de sur a norte da man da operadora pública española, para a cal se prevé un investimento de 15 millóns de euros, co obxectivo de adaptar parte da flota ás vías portuguesas. Isto abre a posibilidade de que se establezan novas rutas internacionais para as que A Coruña se sitúa nunha posición avantaxada.

Esta é unha cuestión que non escapa á nova Estratexia Galega de Acción Exterior 2023-2027, a renovada Paz Andrade, baixo a cal o Goberno autonómico prometeu darlle un novo pulo ás relacións con Portugal, podendo gañar unha posición destacada na acción exterior española.

Está claro que a conexión ferroviaria da liña Lisboa-Porto con Galicia é algo que interesa no territorio portugués e Galicia deberá liderar as negociacións para que sexa posible. Vigo, pola súa proximidade co país lusófono, parece a primeira opción para o Goberno portugués para acadar esa conectividade, mais ninguén entendería que en Galicia non se apostara por que A Coruña non fose meta última da súa ampliación.

Primeiro, porque bastaría con mellorar as infraestruturas xa existentes que conectan A Coruña con Vigo para ampliar así a oferta de destinos entre os dous países de forma que resulte máis atractiva; e segundo, e máis importante, porque suporía a culminación da conectividade do eixo atlántico. A Coruña e Porto pasarían a estar a pouco máis de 3 horas en tren, segundo a previsión de 1 hora e 25 minutos que existe entre Porto e Vigo, reducindo a máis da metade o tempo que agora separa ambas cidades en coche. Ademais de afondar nun dos obxectivos para o desenvolvemento sostible marcados pola Unión Europea, apostando polo transporte público e colectivo como forma de mobilidade.

A nosa urbe, A Coruña, é punta de lanza do eixe atlántico. Conectada polo sur con Portugal, mediante enlace ferroviario; e no norte co Reino Unido, volvendo á condición de cidade portuaria que comentabamos, gañaría novas oportunidades para unha comunidade como Galicia, da que o 25% do seu PIB recala, principalmente, en dúas áreas: Vigo-Pontevedra e Coruña-Ferrol. Ambas conectadas nesta nova liña co país veciño. Tamén permitiría a conexión de Alvedro con Sá Carneiro, e viceversa. E con Peinador e Lavacolla, podendo trazar unha nova estratexia aérea conxunta para o tráfico noroeste da Península que equilibre a conexión aérea do este de España.

Ao factor económico súmase o cultural. A historia migratoria atesoura un peso relevante na Acción Exterior de Galicia. Suíza, conectada coa Coruña por Xenebra, constitúe un país destacado en canto a vínculos se refire. Como tamén Arxentina, Brasil e todo o conxunto dos países do Sur de América e os seus diferentes centros galegos. Está claro que falta conectividade entre os territorios, algo ao que a nova estratexia Noroeste podería dar solución.

Con todo, unha das principais cuestións desta nova estratexia galega para a acción exterior é a creación do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, no que A Coruña acredita tamén unha destacada posición. A cidade continúa a ser a sede do principal organismo de referencia para o idioma galego, a Real Academia Galega, que estreitará os seus lazos coa lingua portuguesa neste novo marco de acción exterior. Unha tarefa para a que a Universidade da Coruña dispón non só dun gran equipo docente, senón tamén do máis especializado, pois é a única universidade española na que se pode estudar o galego-portugués como grao único. E tamén como dobre grao, combinado co español ou coa lingua inglesa. Un dos puntos fortes para que se sitúe na Coruña no canto de calquera outro punto do país.

Galicia afronta como reto inmediato o impulso das súas cidades. Un territorio maiormente rural que non pode perder a súa esencia, pero tampouco virar as costas ás súas principais potencias, que son as urbes. O desenvolvemento económico da nosa comunidade pasa por elas, e moi especialmente pola Coruña. Porta a Galicia para o mundo e que, logo da súa aposta polo sector TIC e pola Intelixencia Artificial, o será tamén para España no mundo.

Oportunidades, infinitas. Potencialidades, todas. Sen embargo, para iso, aínda queda por ver se existe unha nova acción interior en Galicia cara ás súas cidades. E a partir de aí veremos se hai unha estratexia renovada de acción exterior.

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”, podes descarregalo completo aquí. Consulta todos os Informes Nós No Mundo aquí.