Goretti Sanmartín é Alcaldesa do Concello de Santiago de Compostela
Goretti

Santiago de Compostela, cara a unha nova imaxe de país. Por Goretti Sanmartín.

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”
Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia

Santiago de Compostela é recoñecida internacionalmente como cidade universal, condición que excede o marco local e a sitúa como un dos principais focos de proxección exterior do país. Esta posición está baseada nunha promoción, sostida no tempo, que se apoia na representación icónica da Catedral como un dos máis destacados puntos de peregrinación de Occidente, na diversificación dos camiños de Santiago e na excelencia da conservación patrimonial da cidade histórica, referendada por importantes premios e recoñecementos desde distintos ámbitos.

Temos, por tanto, nun lugar prominente da nosa proxección internacional, unha tracción turística e cultural moi consolidada, mais cinguida tan só a uns poucos elementos moi concretos e que, na altura deste 2023, se manifesta xa como un modelo practicamente esgotado e abocado a unha necesaria re-planificación.

Neste punto convén ter en conta que Santiago de Compostela, unha cidade con algo menos de 100.000 habitantes, rexistrou en 2022 máis de millón e medio de pernoctas en estabelecementos. Compostela está sometida a unha alta presión turística en determinados momentos, que vai en aumento ano a ano -o mes de agosto contabiliza até 1,15 visitantes por veciño/a, superando outras grandes urbes do Estado-, o que está a provocar importes efectos negativos na calidade de vida da cidadanía compostelá, na convivencia entre visitantes e veciñanza ou no fenómeno da xentrificación, cuxas consecuencias máis visíbeis son a expulsión de habitantes e de comercio de proximidade da zona histórica.

É xa evidente a necesidade dun cambio de modelo cara a un turismo consciente, respectuoso co patrimonio e coa veciñanza e sustentábel no tempo. Nese cambio, en que xa se está a traballar e que mellorará, mesmo, a experiencia turística, é necesario incardinar outros aspectos que ampliarán o contido da proxección exterior de Compostela e, por ende, do noso país.

A diversificación que sempre se cita ao falar de turismo cómpre abordala non só desde a perspectiva da extensión das visitas a novos espazos de interese no conxunto do territorio. Trátase de ampliar o mapa e a mirada sobre cales son os nosos valores e en que medida nos convén proxectalos ao mundo.

A primeira ampliación aínda cadra dentro do habitual concepto do patrimonio. Alén dos camiños que nos conectan con toda Europa e a súa construción, a historia, e as pegadas visíbeis mais por veces pouco visitadas, explícannos tamén nas coordenadas das culturas atlánticas e mediterráneas. A conexión e proxección de Galiza en relación con outros pobos cos que nos vincularon as migracións do pasado estivo xa presente na conformación do pensamento galeguista e pode soar a tópico, mais aínda pode ser útil para atopar alianzas exteriores.

Cando falamos de ampliar as olladas estamos tamén a incluír nesa diversificación as potencialidades ambientais, o noso territorio completo, urbano e rural, a nosa identidade, a lingua e a súa conexión coa lusofonía, a singularidade as expresións artísticas, a produción científica, o talento creativo ou mesmo a capacidade do noso tecido produtivo, industrial e comercial.

Santiago de Compostela conta cunha significativa diversidade de hábitats, con corredores ecolóxicos e ecosistemas naturais de especial interese para a biodiversidade. Entre o Sar e o Sarela temos a fortuna de dispoñer de máis de 2,5 millóns de metros cadrados de zonas verdes urbanas, con máis de 47.000 árbores, que nos sitúan no posto 838 e 859 nos índices de vexetación e de áreas verdes, respectivamente, sobre 866 cidades europeas. Esta riqueza e as accións municipais de renaturalización de espazos, de protección e tratamento ou mesmo de deseño urbano, son alicerces privilexiados para explorar conxuntamente con outras comunidades as políticas e a investigación ambiental ou contra o quecemento global.

Como cidade de acollida universal, Compostela é sede dunha universidade centenaria, con todo o que implica de promoción e xestión do talento, que ten a súa repercusión nunha actividade investigadora que nalgúns campos, como o da Medicina ou a Xenómica conta con persoas científicas de referencia mundial. Esta repercusión tamén está agromando en colaboracións co mundo empresarial, en proxectos como o Biopolo, o Parque Biotecnolóxico co que Santiago de Compostela está comezando a explorar o seu potencial en sectores punteiros como o da biotecnoloxía.

E Santiago de Compostela é, alén doutros referentes histórico-culturais, unha cidade estreitamente vinculada á traxectoria da nosa poeta nacional, Rosalía de Castro, figura pioneira na literatura, na defensa do idioma galego, no feminismo e na ecoloxía, ao redor da que se artellan significativas iniciativas culturais de país que han servir para proxectar internacionalmente a nosa identidade.

O cambio de modelo turístico, a posta en valor da potencia ambiental de Santiago, a aposta pola investigación e por novos segmentos empresariais, o impulso dunha cidade feminista e vinculada a unha historia, idioma e identidade de seu, son exemplos dos desafíos que afrontan, tanto a Administración municipal como a galega, na proxección da cidade como emblema internacional de Galiza.

Porque unha cidade coas peculiaridades de Santiago de Compostela, que acolle ademais as institucións que lle corresponden como capital do país, debe ter un peso específico na Estratexia galega de acción exterior, e nos necesarios plans plurianuais de actuación, en tanto que esa estratexia se concibe cos obxectivos de incrementar a eficiencia da proxección galega cara a fóra e presentar unha nova imaxe de país para persoas e entidades investidoras, emprendedoras e creadoras.

Santiago de Compostela ten que seguir cumprindo un papel destacado na promoción internacional de Galiza, mais debe facelo deixando atrás o risco de se converter unicamente nun produto turístico descontextualizado, e apostando por un camiño de ida e de volta en todos os sectores culturais, sociais e económicos. Neste novo escenario que se abre, Santiago de Compostela ten a oportunidade mudar a súa imaxe e posicionarse como a carta de presentación dun país con historia, diferenciado, dinámico e con futuro.

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”, podes descarregalo completo aquí. Consulta todos os Informes Nós No Mundo aquí.