O artigo corresponde á derradeira das catro partes da serie "Ucraína e Rusia: crise no este de Europa" na que se analiza a Crise de Crimea e a Guerra de Donbas

Agora e sempre

O conflito, segundo o politólogo surcoreano Ho-Won Jeong (1) é unha forma intensa de competición, entendendo o mesmo como algo inherente á esencia do comportamento humano e polo tanto, inevitable. En referencia a esa competición, sinala que a pesares de ser ambos conceptos comparables, non supoñen o mesmo, mentres que na competición, os actores loitan por conseguir uns obxectivos a partir dunhas normas e regulamentos marcados; o conflito supón conseguir eses obxectivos nun contexto de anarquía onde danar ou destruír ao adversario son opcións válidas para chegar ao obxectivo marcado.
Liñas de investigación Relacións Internacionais Paradiplomacia
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave IGADI Galicia internacional
Idiomas Galego

O conflito, segundo o politólogo surcoreano Ho-Won Jeong (1) é unha forma intensa de competición, entendendo o mesmo como algo inherente á esencia do comportamento humano e polo tanto, inevitable. En referencia a esa competición, sinala que a pesares de ser ambos conceptos comparables, non supoñen o mesmo, mentres que na competición, os actores loitan por conseguir uns obxectivos a partir dunhas normas e regulamentos marcados; o conflito supón conseguir eses obxectivos nun contexto de anarquía onde danar ou destruír ao adversario son opcións válidas para chegar ao obxectivo marcado.

Á hora de comezar a estudar o conflito entre Ucraína e Rusia, a primeira cuestión que considerei de relevancia atender sería a de clarificar que é un conflito. Un concepto que dende un punto de vista intuitivo un mesmo pode tentar definir sen maiores complicacións, pero o que supón unha maior dificultade é entender dun xeito máis complexo e completo o propio termo. O conflito per se é considerado como un tipo de competición, no que en palabras do sociólogo Louis Kriesberg, dous ou máis actores, tales como individuos, grupos ou sociedades, perseguen obxectivos incompatibles, incluíndo, un disenso sobre a distribución, propiedade ou lexitimidade dun obxectivo específico. (2)

O conflito, polo tanto, é un escenario sen regras prescritas, onde as diferenzas dos actores involucrados na busca de obxectivos incompatibles xerará tensións entre estes, existindo a posibilidade de que esas tensións se volvan máis intensas. Esta dinámica de escalada de tensións leva, volvendo a facer referencia a Jeong, a que as partes involucradas traten de controlar o comportamento da outra parte ou en ocasións, mesmo a empregar a violencia como método para dominar na disputa sobre o poder, o prestixio ou uns intereses materiais.

A entrada do elemento da violencia dentro dun conflito supón un cambio na forma na que entendemos o mesmo, isto se debe, a que a pesar de que os conflitos supoñen unhas tensións e unha confrontación entre partes debido a uns obxectivos incompatibles, estes non son sempre violentos. Os conflitos non levan a violencia na súa esencia, pero cando esta forma parte do conflito, debemos entender o mesmo como un conflito armado.

Deixando a un lado, por agora, a cuestión máis téorica, quero volver ao tema central da serie. Esta serie de artigos estivo centrada no análise de dous casos como son a Crise de Crimea e a Guerra de Donbas, dous casos que conforman o conflito armado que se coñece como Guerra Ruso-Ucraína. Para realizar as análises de cada un dos artigos foron seguidas estratexias diferenciadas pero igualmente válidas e complementarias, que mostran posibles camiños para achegarse a estas cuestións. Se observamos de xeito comparativo ambos artigos podemos detectar o ton máis descritivo no caso da Crise de Crimea, fronte ao ton máis analítico, centrado en actores e causas, do artigo da Guerra de Donbas.

Para esta última parte do artigo, gustaríame falar da actualidade de ambos casos comentados anteriormente e a importancia do estudo de ambos aínda a día de hoxe.

No caso da Crise de Crimea vimos como un territorio que forma parte legalmente de Ucraína, quedaría anexionado de facto a territorio da Federación Rusa trala celebración dese polémico referendo. Esta situación non cambiaría dende o ano 2014, o Parlamento ucraíno declararía a península como territorio baixo ocupación temporal, mentres dende Moscú comezaban a construír unha ponte que, en 2018, crearía unha unión terrestre a través do estreito de Kerch entre territorio ruso e Crimea. A pesares de que a situación segue a estar estable, debemos destacar unha cuestión de recente actualidade como é o lanzamento por parte do Goberno ucraíno da denominada como Plataforma de Crimea (3). En palabras da Primeira Vice-ministra de Asuntos Exteriores, Emine Dzhaparova, é moi importante atopar respostas conxuntas ás complexas consecuencias da ocupación temporal de Crimea, así como de manter o problema no foco constante da comunidade internacional (4). De algún xeito, dende Kiev tratan de mostrar unha imaxe forte, tratando de evitar mostrar unha actitude débil fronte a unha situación que promete de todo menos cambios a corto prazo.

Se falamos do caso da Guerra de Donbas a cuestión cambia. A cuestión cambia pola propia tipoloxía de ambos, na rexión de Donbas hai un conflito armado activo dende o 2014, mentres que na península de Crimea non se chega ao conflito armado como tal, se non que se leva a cabo unha ocupación. Se partimos deste punto e do comentado no artigo anterior, podemos observar como a situación en Donbas é estable en certa medida, posto que non se poden falar de escaladas de violencia significativas na zona. Se ben, o máis destacable durante todos estes anos son o establecemento de numerosos altos ao fogo, que rematarían por romperse na súa maioría máis cedo que tarde, a pesares de que nos últimos dous anos estes foron bastante exitosos. Cabería destacar o movemento de tropas e armamento ruso na fronteira no mes de marzo deste mesmo ano, que levaría a unha escalada da tensión e unha loita de declaracións públicas entre Kiev e Moscú. Ademais disto, o presidente ucraíno Volodymyr Zelensky aprobaría o día 21 de abril unha lei que permitiría chamar a filas aos reservistas sen anunciar unha mobilización de tropas, co obxectivo de ter a capacidade de reforzar axilmente ás unidades militares activas na zona con reservistas en caso de ser preciso (5).

Ao comezo do artigo falamos do concepto de conflito e como a introdución do elemento da violencia convertía ao conflito, nun conflito armado. Se ben esta simple diferenciación é clave, o concepto de conflito é moito máis extenso e dentro desa amplitude podemos atopar o que se coñece como o concepto das novas guerras. Este concepto tratado por diferentes autoras e autores como Mary Kaldor, Caterina García ou Herfried Münkler, fai referencia a aparición dun novo tipo de conflito cunhas características diferenciadas das que se denominan como vellas guerras. Dun xeito breve, gustaríame ilustrar este concepto a través das súas principais características empregando o caso de Donbas.

A principal característica destas novas guerras será a introdución no conflito de un maior número de actores, así como duns novos actores de corte supra-estatal. Isto pode verse reflexado nos actores presentes, que van dende Estados, ata organizacións internacionais como a OSCE, as milicias das auto-proclamadas Repúblicas, voluntarios ou mesmo as elites locais e os oligarcas. Así mesmo, outra das características destes conflitos é a multi-causalidade, as causas ou incompatibilidades que acaban escalando ata chegar ao estalido do conflito son múltiples, non existindo unha que explique na súa totalidade os feitos ocorridos. No caso de Donbas podemos atopar as tensións derivadas do rexeitamento ao Euromaidan, o descontento coa destitución de Yanukovich ou entre outras, o medo por parte de Rusia a un achegamento de Ucraína á UE e á OTAN. O escenario que os autores presentan para estas novas guerras xa non teñen lugar directamente nos países do Primeiro Mundo, se non que ocorren en países do Terceiro Mundo ou nas periferias tanto do Primeiro como do Segundo Mundo, como é o caso de Donbas. Existen máis características que definen estas “novas guerras”, pero gustaríame rematar facendo referencia a unha relativa á duración das mesmas. Este tipo de guerras tenden a prolongarse no tempo, non se seguen unhas regras pactadas que traten de evitar un enfrontamento maior co inimigo, se non que seguen os principios da guerra de longo aguante. Neste senso, os bandos empregan o que se coñece como “defensa estratéxica”, poñen os seus esforzos en manter a súa existencia, sen buscar unha solución militar que puidera poñer fin á guerra, o cal provoca que cando hai suficientes recursos, o conflito se manteña prolongadamente no tempo. Deste xeito se lles atribúe a etiqueta de guerras de baixa intensidade.

A importancia do estudo deste conflito non radica simplemente no punto de que é o único conflito armado activo en territorio europeo, se non que tamén ten motivacións académicas no que á investigación deste novo tipo de conflitos se refire. Sen deixar a un lado, claro está, as consecuencias sociais, demográficas e económicas que o conflito leva supoñendo dende o seu comezo para a poboación civil da zona.

En resumo, o estudo do conflito segue sendo preciso, tendo en conta de que a complexa situación de ambos casos debe ser solucionada a través da mediación e negociación, posto que, unha re-escalada en calquera dos dous escenarios sería catastrófico para a poboación local e para as relacións entre os bloques xa non solo a nivel local, se non internacional.


(1) Jeong, H. (2008). Understanding Conflict and Conflict Analysis (English Edition) (1.a ed.). SAGE Publications Ltd.

(2) Kriesberg, L. (1998). Constructive Conflicts: From Escalation to Resolution (5.a ed.). Rowman & Littlefield Publishers.

(3) https://www.descifrandolaguerra.es/ucrania-lanza-la-plataforma-de-crimea-para-intentar-presionar-a-rusia/

(4) https://www.ukrinform.net/rubric-polytics/3200292-emine-dzheppar-presents-crimean-platform-at-osce.html

(5) Ukraine adopts military reservist law amid Russia tensions (apnews.com)