Tusk

“It´s the unity, stupid”

Trala publicación dos resultados oficiais das eleccións parlamentarias polacas que daban a vitoria á oposición pro-europea, dous meses despois, Donald Tusk consegue formar un Goberno de coalición e toma de novo o poder coma Primeiro Ministro da República de Polonia.
Liñas de investigación Relacións Internacionais Unión Europea
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Polonia Eleccións 2023

Se algo debemos destacar deste novo cambio na política polaca é a figura de Donald Tusk, unha cara moi ben coñecida no país eslavo. O político nado na cidade costeira de Gdańsk no ano 1957 comezaría a súa actividade política durante os tempos da que se coñece comunmente como PRL (Polska Rzeczpospolita Ludowa, que se traduce ao galego como República Popular de Polonia); é dicir, o Estado baixo a influencia da Unión Soviética e predecesor da actual República de Polonia. A súa andaina política comezaría vinculada ao sindicato “Solidarność” (Solidariedade, en galego), que con Lech Wałęsa á cabeza impulsaría a oposición polaca contra o réxime comunista.

Sen embargo, ao que debemos facer sen dúbida referencia, máis alá da súa traxectoria inicial, é á fundación no ano 2001 do que pasaría ser un dos partidos políticos máis importantes en Polonia, Plataforma Cívica (PO). Nas eleccións parlamentarias do ano 2007 trala vitoria de PO sobre o PiS, Donald Tusk pasaría a ser elixido como Primeiro Ministro, posto que revalidaría tralas seguintes eleccións parlamentarias no ano 2011 e que posteriormente no ano 2015 PO perdería, xa con Ewa Kopacz como candidata. Trala súa longa traxectoria en Polonia no 2014 sería nomeado como Presidente do Consello Europeo, posto que tamén revalidaría no 2017, rematando o seu segundo mandato no ano 2019. Tras isto sería nomeado como Presidente do Partido Popular Europeo, cargo que mantería ata o ano 2022.

O paso de Tusk polas institucións europeas deixaría moi clara a posición política do mesmo respecto á súa idea non soamente da propia Unión Europea, se non de Europa coma continente. A súa visión pasaba por entender Europa non coma un continente dende un punto de vista xeográfico, se non axiolóxico.

O papel do polaco durante o mandato á fronte do Consello Europeo víu directamente marcado pola crise política, económica e territorial de Europa durante eses anos. Para isto debemos lembrar que no momento do seu nomeamento só pasarán uns meses dende a ocupación de Crimea e o comezo da Guerra do Donbas. Durante os seguintes anos terá que facer fronte como negociador en situacións complexas como a crise de débeda soberana en Grecia, na que se chegaría a considerar como factible unha posible saída do euro do país helénico. Non debemos olvidar, por suposto, o Referendo sobre a permanencia do Reino Unido na Unión Europea celebrado no 2016. Neste escenario, Tusk tamén xogaría un papel importante antes e despois do mesmo, como Presidente da Comisión Europea tras recibir os resultados declararía que a pesares de ser un momento “histórico” non era un momento para reaccións “histéricas”.

A experiencia europea de Tusk veu marcada pola inestabilidade tanto de Europa como da Unión Europea, unha inestabilidade que poría en risco a unidade da propia institución. Nunhas declaracións realizadas o mesmo mes no que acabaría o seu mandato, o dirixente polaco confesaba que no seu despacho do Consello Europeo, gardaba un póster feito por él mesmo, no que escribiu “It´s the unity, stupid”; aclarando que o fixo “para sempre lembrar que é o máis importante”.

A volta de Tusk á política polaca comezaría trala súa reelección como líder de PO en xullo do 2021. As intencións do ex-Primeiro Ministro foron moi claras dende o inicio trasladando: “Hoxe, o mal goberna en Polonia, e nós estamos listos para loitar contra este mal”. Dous anos despois e tras algo máis de dous meses dende a publicación oficial dos resultados das eleccións, o Terceiro Gabinete de Donald Tusk toma forma como un goberno de coalición cun total de 26 ministerios repartidos entre os catros socios de Goberno (PO, Polonia 2050, o Partido Campesiño Polaco e a Nova Esquerda).

Antes de realizar unha breve reflexión sobre o escenario político e social que afrontará este novo Goberno os próximos catro anos, gustaríame destacar o cambio que supón este cambio de rumbo para o pobo polaco. Deixando de lado os datos relacionados coa masiva participación rexistrados o pasado 15 de outubro, que alcanzaban o 74,38%; gustaríame destacar a enorme atención que o cambio de poder está a producir entre a poboación, chegando incluso a abrirse salas de cine na capital polaca para presenciar a toma de posesión do novo Primeiro Ministro. Estas son algunhas mostras da vontade de cambio que a sociedade polaca vén reclamando os últimos anos.

O novo Goberno non terá unha tarefa sinxela por diante. Primeiramente, a nivel interno. Os partidos políticos que forman a coalición veñen de familias políticas moi variadas, dende os conservadores de Polonia 2050, membro do grupo parlamentario europeo Renovar Europa; ata a Nova Esquerda, parte do Partido Socialista Europeo e de corte máis progresista. Esta coalición parte dun obxectivo común, a vontade de cambio, sen embargo, a partires deste momento deberán levar a cabo acordos e cesións que lles permitan gobernar dun xeito fluído e ofrecendo unha imaxe sólida de cara as próximas eleccións presidenciais do ano 2025.

Ademais desta realidade interna, o presente mandato será unha constante loita contra o Executivo, aínda liderado polo PiS con Andrzej Duda como Presidente da República de Polonia. Cómpre lembrar que o Presidente conta con poder de veto, o que pode obstaculizar moitas das medidas lexislativas que o Goberno de Tusk tente implementar. Tras oito anos de case control absoluto das institución polacas por parte de PiS, aínda mantén certa influencia nalgúns poderes do Estado como o poder xudicial. Neste senso, dous días despois de ser nomeado Primeiro Ministro, Tusk viaxaba a Bruxelas a reunirse coa actual Presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, declarando a intención da súa coalición pro-europea de impulsar reformas xudiciais antes do fin do 2023. Un claro xesto co que pretende mostrar o achegamento e a normalización das relacións coa UE. Será interesante ver o papel de Tusk como líder a nivel europeo, nun dos países de toda a Unión que máis medra a nivel económico e que pode converterse nunha referencia a seguir nos próximos anos.

Se ben o Goberno vén de ser formado recentemente, está mostrando unha gran axilidade neste comezo de mandato, tratando de levar a cabo xa diversas reformas para modificar medidas implementadas pola anterior administración. Estas medidas non se limitan ao nivel xudicial, se non tamén por exemplo á Televisión Pública Polaca (TVP), considerada durante todos estes anos pola oposición como un medio propagandístico de PiS. Sen dúbida outra das cuestións máis relevantes e agardadas pola sociedade polaca é a reforma en relación co aborto, un asunto moi sensible e que nos próximos meses levará ao Goberno de coalición a chegar a acordos e consensos internos.

Neste novo capítulo político para Polonia e para Donald Tusk, a unidade, como ben lembraba él nos seus últimos días como mandatario europeo, debe ser o máis importante para que o seu Goberno sexa quen de facer realidade un cambio desexado, mais complexo.


Links de interese: