Artigo publicado no IGADI Annual Repor 2023-2024 "Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade"
Presidente Bukele cropped

América Latina: seguridade e democracia. “Nin é o mesmo nin é igual”

Juan Luis Guerra, un dos cantantes latinoamericanos de máis prestixio, titulou en 1998 a un dos seus álbums máis vendidos: “Nin é o mesmo nin é igual”. Esta frase cobra forza no actual contexto latinoamericano, onde “democracia” e “seguridade” emerxen como conceptos que mostran, cada vez máis, un estreito vínculo.

Tal e como reflicte o calendario de 2024, América Latina iniciará un novo ciclo electoral nalgúns dos seus países, sendo especialmente relevante a celebración de eleccións no Salvador, debido aos altos niveis de aprobación do líder do Executivo, Nayib Bukele, tanto dentro como fóra do país. A importancia deste feito é que actualmente Bukele lidera o goberno da rexión con maior sinal securitaria, baseado no control e a violación sistemática de dereitos humanos1, caracterizado por unha deriva autoritaria e denominada por algúns expertos como “modelo Bukele” ou “bukelismo”.

O paradoxal deste feito é que, actualmente, para a cidadanía latinoamericana a noción de “democracia” parece estar a se vincular á percepción e á propia noción de “seguridade”. E isto afírmase segundo datos das principais enquisas da rexión -como, por exemplo, a última edición de Latinobarómetro 2023, as cales evidencian que o grao de satisfacción dos cidadáns coa democracia, e a propia desafección con ela, gardan relación co manexo que fan os líderes políticos da seguridade2.

Esta hipótese refórzaa o Informe sobre Desenvolvemento Humano 2023/2024: “Saír do estancamento: reimaxinar a cooperación nun mundo polarizado” do Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), que insiste no que denomina o “paradoxo da democracia”, isto é que, mentres 9 de cada 10 persoas apoian a democracia, ao mesmo tempo 1 de cada 2 persoas apoian a líderes que poden debilitala. Segundo este mesmo informe, a maioría da poboación en América Latina e o Caribe posúe unha noción positiva da democracia e dos líderes que a socavan.

Os datos antes mencionados preocupan porque, aínda que o Estado ten como unha das súas funcións principais garantir a seguridade dos seus cidadáns e cidadás, a actual percepción dos latinoamericanos está a orientarse a combinar estes dous conceptos e a non distinguir que, pola deriva do segundo, poden, en ocasións, ser mutuamente excluíntes. Tamén é relevante acoutar que, por parte dos líderes, esta idea transcende á ideoloxía, xa que as campañas electorais de varios países -como é o caso de Ecuador-, o slogan de “man dura” -que evoca ao modelo Bukele- foi transversal aos discursos e debates dos distintos candidatos e candidatas.

Segundo os datos da Oficina de Nacións Unidas contra a Droga e o Delito (UNODC, 2023), na actualidade América Latina e o Caribe concentra a 8 dos 10 países con maior taxa de homicidio de todo o mundo, sendo necesario que os países da rexión aposten por políticas de seguridade integrais que, ante todo, garantan os dereitos fundamentais das persoas. A isto súmase, en todo caso, unha leve mellora dos datos sociodemográficos, segundo as estatísticas de CEPAL recollidas no seu informe Panorama Social de América Latina e o Caribe 2023, con máis de 180 millóns de persoas que non posúen os recursos para cubrir as necesidades básicas e 70 millóns que non posúen ingresos para cubrir a canastra básica de alimentos. Como ben menciona este mesmo informe, isto sitúa á rexión nunha “trampa estrutural de baixo crecemento caracterizada por altos niveis de pobreza e desigualdade”, esta última non só económica, senón tamén en termos de fendas de xénero: existe unha maior taxa de participación laboral dos homes (74,5% para 2022) fronte ás mulleres (51,9%), e estas últimas cunha maior taxa de desocupación (8,6% fronte ao 5,8% dos homes).

Finalmente, ao facer referencia á seguridade, é inevitable mencionar a relación causal que se fixou coa inmigración. En América Latina chama a atención que líderes de distinta orientación ideolóxica incorporaron dentro dos seus discursos de campaña e goberno á migración, fixando unha clara relación coa inseguridade dos países que lideran. Destacan especialmente algúns dos gobernos autodenominados como de esquerdas ou progresistas, que tamén incorporan nos seus discursos e políticas esa relación perniciosa entre seguridade e migración, como é o caso de Chile, país que combina a acción do goberno coa acción policial e o rexeitamento dun sector da cidadanía a certos colectivos e nacionalidades inmigrantes.

A seguridade seguirá sendo un tema prioritario nas axendas políticas latinoamericanas, e fronte á tentación que hoxe representa para moitos cidadáns da rexión ler este concepto aparellado ao propio concepto de democracia, é necesario tender pontes de investigación con América Latina e priorizar este tema como parte fundamental da cooperación. É necesario dar a debida atención á difusa liña que hoxe separa á democracia da seguridade e analizar, máis cedo que tarde, en que medida, -de forma inconsciente ou non-, a cidadanía é capaz de renunciar a unha por garantir a outra. E é que “nin é o mesmo, nin é igual”.


  • 1 Como sinala Amnistía Internacional (2023), estas violacións dos dereitos humanos concrétanse en: detencións arbitrarias, torturas, malos tratos, violacións do debido proceso, desaparicións forzadas ou a morte de 132 persoas baixo custodia do Estado. Información dispoñible en: https://www.amnesty.org/es/latest/news/2023/04/el-salvador-state-emergency-systematic-human-rights-violations/
  • 2 Esta correlación compróbase no seguinte traballo publicado pola Fundación Carolina: Sanahuja, J.A. e Mila-Maldonado, A. (2024). A inseguridade cidadá e os riscos para a democracia en América Latina. Análise Carolina 5/24

Podes descarregar o IGADI Annual Report 2023-2024 “Eleccións e Guerras perfilando a multipolaridade” nesta ligazón