Con data 14 de decembro de 2022 a Asemblea da ONU aprobaba por 123 votos a favor e 50 en contra -coa única abstención de Turquía- a resolución “Cara unha Nova Orde Económica Internacional (NOEI)”. Con este texto a ONU poñía o foco na necesidade de aplicar medios e instrumentos para reducir o endebedamento dos Estados en desenvolvemento, con criterios de sostibilidade. Manifestábase así a preocupación dentro da economía global pola crecente vulnerabilidade das economías en desenvolvemento fronte á débeda externa, a flutuación dos tipos de cambio ou o endurecemento das condicións financeiras mundiais.
O máis significativo da votación da resolución foi que mentres os apoios foron capitalizados pola case totalidade dos países asiáticos e do hemisferio sur, o voto en contra concentrouse fundamentalmente nos países desenvolvidos e nalgúns dos principais socios da OTAN, como EE.UU., Canadá, a Unión Europea Xapón, Australia e Nova Zelandia. Para estes últimos países a resolución da NOEI limitaba e prescribía normas de actuación a dous organismos clave nas finanzas mundiais: o Fondo Monetario Internacional (FMI) e ao Banco Mundial (BM).
Recordaremos neste punto que tanto o FMI e o BM contaron nas últimas décadas con liñas de financiamento acompañadas pola necesidade de axustes estruturais nos países receptores da axuda: recorte do gasto social, liberalización do comercio ou privatización de empresas estatais son algunhas desas medidas, descritas como receitas neoliberais por parte de numerosos economistas heterodoxos.

Agora ben, a realidade que subxace tras esta votación da ONU é máis fonda que o propio resultado da mesma. Unha nova realidade económica está a tomar posición a nivel global. Un aspecto clave na conformación desta nova realidade foi a emerxencia de novas economías a partir dos anos noventa, encabezadas por China e secundadas por varios países asiáticos. Esta nova configuración caracterízase pola multipolaridade das relacións internacionais e económicas, un feito que referendarían os conflitos actuais da Ucraína e Turquía e o que paira sobre Taiwán.
Zurrón en man para gardar e protexer as súas escasas vantaxes competitivas, as economías menos desenvolvidas foron tratando de organizarse a nivel mundial desde mediados do século pasado. Así, fronte á “vella” orde económica mundial dual, a celebración da VI Asemblea especial da ONU (1974) constituíu o punto de partida de reivindicacións históricas coma o alivio da débeda exterior dos países menos desenvolvidos, o aumento da axuda oficial dos países industrializados ata o 0,7% do PIB, a xusta remuneración das actividades comerciais internacionais dos países menos desenvolvidos ou a redución dos dereitos arancelarios.
Obvio resulta que, nun contexto multipolar como o agardado, a acción exterior e a internacionalización da produción dunha nacionalidade histórica como a galega teñen un papel que xogar que vai máis aló da estratexia estatal. Nun escenario como o descrito, para defender os propios intereses económicos requirirase dun crecente pragmatismo debido á maior liquidez das alianzas. A multipolaridade tamén podería significar para as relacións comerciais mundiais que estas deriven nun proceso de rexionalización e nun aumento dos fluxos de investimentos cara países amigos (friendshoring) con baixo risco para o capital. Para outros, esta nova orde implicaría tamén un reforzo do proteccionismo da actividade comercial e industrial (desglobalización) e o reforzamento das garantías de subministración da produción por parte das economías máis ricas. Con todo, a apertura de China tras a política de Covid cero a pode abrir novos escenarios a nivel de loxística, comercio e tamén industrial.
Non obstante, polo de agora parece que o grupo de países arredor do actual liderado mundial vai opoñer resistencia á chegada desta NOEI. Pero nada como un contexto como o descrito para que cada vez sexa máis fundamental a capacidade dos territorios por tecer alianzas fóra dos seus bloques tradicionais. Mais mentres se vertebran estas novas alianzas, algúns temas insuficientemente atendidos desde a “vella” orde mundial poderían ter cada vez maior incidencia no contexto económico global. O cambio climático e o aumento da presión migratoria desde o sur na procura dunha vida digna serían algúns deles. Está preparada Galicia para dar resposta a todos estes retos?
(Publicado en Nós Diario o 1 de Febreiro de 2023)