Por todo o mundo están presentes diversas entidades ilegais de moi diversa natureza. Xa sexan mafias profesionais ou militantes, todas elas precisan de cartos para levar a cabo as súas actividades. Para isto, recorren a unha gran variedade de métodos: algúns deles son abertamente ilegais; outros atópanse nun certo “limbo” normativo.
Por todo o mundo están presentes diversas entidades ilegais de moi diversa natureza. Xa sexan mafias profesionais ou militantes, todas elas precisan de cartos para levar a cabo as súas actividades. Para isto, recorren a unha gran variedade de métodos: algúns deles son abertamente ilegais; outros atópanse nun certo “limbo” normativo.
As razóns polas que organizacións como os grupos terroristas, criminais ou insurxentes non empregan as canles habituais para a obtención de financiación parecen máis que obvias. Ao seren entidades que funcionan á marxe da legalidade, a inmensa maioría dos mercados legais auspiciados polas entidades dun Estado quedan fóra do seu alcance.
Porén, non todos os métodos de financiación teñen as mesmas implicacións para a seguridade, nin poden ser combatidas do mesmo xeito. Isto é certo tanto no caso dos talibáns de Afganistán e Paquistán como con calquera outra entidade que se beneficie da existencia de mercados ilícitos.
De cara a comprender mellor como funcionan estes métodos de financiación, é preciso concretar que existen dous tipos distintos de mercado segundo a legalidade dos bens intercambiados e as canles de distribución.
Economías negras
O primeiro tipo é, seguramente, o máis coñecido dos dous que se estudan neste artigo.
Os bens e servizos presentes nunha economía de mercado negro caracterízanse por ser abertamente ilegais. Colin P. Clarke[i] sinala que este tipo de actividades veñen habitualmente acompañadas de algunha manifestación violenta, ou teñen sempre presente a ameaza do uso da mesma.
Entre as actividades que se poden atopar neste tipo de economía ilícita están os secuestros e rescates (kidnapping for ransom), os roubos (perpetrados maiormente con violencia), extorsión, patrocinio por parte de actores estatais e diferentes aspectos do tráfico de bens ilícitos. Entre estes inclúense o narcotráfico, contrabando de artigos exóticos, tráfico de armas, falsificación de documentos, e tráfico de seres humanos.
Economías grises
Pola contra que os mercados negros, as economías grises non presentan bens ou servizos que sexan abertamente ilegais. O seu aspecto ilícito vén dado cando as actividades legais se combinan con métodos fraudulentos. Este é, de feito, o principal problema que presentan as economías grises: debido á súa constante interacción cos mercados tanto legais como ilegais, rastrear os fluxos monetarios é incriblemente dificultoso.
Exemplos de actividades que se poden enmarcar nesta categoría son as doazóns da diáspora (isto é máis aplicable nos casos que concirnen a grupos insurxentes ou terroristas), fraude (nos anos recentes, as estafas por Internet van gañando en relevancia), apoio por parte de organizacións caritativas (innegable conexión relixiosa), branqueo de cartos e a utilización de negocios lícitos como tapadeiras.
O que teñen en común todas estas actividades que se acaban de nomear é que, a priori, non están prohibidas por lei. Por exemplo, o mecanismo das doazóns non é por si mesmo ilegal, senón que o feito de destinar recursos monetarios a movementos terroristas ou insurxentes é o que o converte nunha actividade ilícita.
Como os talibáns se benefician dos distintos tipos de economías ilícitas
Os talibáns, como calquera organización que opere á marxe da lei, recorren a estas economías ilícitas para obter financiación, que destinan a unha serie de propósitos relacionados coas súas actividades: dende comprar armamento ata pagar un salario ós seus membros.
Hai que ter en conta que, dende o inicio de movemento a mediados da década dos noventa, os talibáns como grupo experimentaron (e seguen a experimentar) unha gran transformación na súa forma e, como é lóxico, tamén no seus métodos de financiación. Isto non debe ser unha sorpresa, posto que estas entidades acostuman a ser altamente dinámicas na súa natureza.
As dúas fontes principais de beneficio económico para os talibáns son o narcotráfico e as doazóns de aqueles que simpatizan coa súa causa, tanto agrupacións relixiosas como individuos particulares, e a través de diversas canles.
A relación dos talibáns co narcotráfico podería ser definida como “irregular”, debido a que o consumo de drogas está prohibido pola lei islámica. É unha cuestión de ideoloxía, polo que a actitude dos talibáns respecto ao tráfico de narcóticos pode ser vista como contraditoria. Non obstante, os enormes beneficios que aporta o tráfico de opio e heroína ós insurxentes deixan de lado outro tipo de consideracións.
Os talibáns afgáns son os que máis se ven involucrados no negocio do narcotráfico. E, aínda que ata tempos recentes a súa participación se limitaba á imposición de exaccións na produción e tráfico que levaban a cabo a poboación e os grupos criminais locais, estase a rexistrar unha nova tendencia que sinala que en certas zonas, os talibáns deron o paso para producir a súa propia heroína, co que poderían obter maiores beneficios.
Despois do narcotráfico, as doazóns son a maior fonte de financiación para os talibáns. Ademais de diversas organizacións caritativas relixiosas, os insurxentes teñen recibido axuda procedente de dous países en particular: o veciño Paquistán e Arabia Saudita. A través de mesquitas e madaris[ii], as doazóns repartíanse en forma de apoio loxístico, cartos, armamento, víveres e adestramento.
En Paquistán, os Tehrik-e-Taliban[iii] participan en outro tipo de actividades ilícitas, posto que o entorno dos núcleos urbanos como Karachi préstase a métodos como os secuestros, roubos de entidades bancarias e extorsión de pequenos e grandes negocios. Os talibáns paquistanís caracterízanse por exercer unha considerable violencia armada e as súa vinculación a numerosas redes criminais de pequeno tamaño. Este nexo xera unha especie de relación simbiótica que implica efectos preocupantes para a seguridade de Paquistán.
Conclusión: unha ligazón preocupante
Xa sexa en forma de exaccións sobre a produción de opio ou a extorsión dunha pequena tenda de barrio, os métodos que exercen os talibáns para obter beneficios das economías ilícitas son numerosas e variadas.
O que é mais, a presencia crecente deste grupo en contextos de mercados grises e negros parece apuntar a un aumento da criminalidade. E, aínda que o elemento ideolóxico segue a ser un factor determinante nos obxectivos e razón de ser dos talibáns, non convén desestimar a importancia que se lle presta á obtención de beneficio económico. Hoxe en día, esta organización xa presenta indicios dun proceso de hibridación entre unha entidade terrorista e unha criminal. É preciso analizar en profundidade estas súas actuacións e a ameaza que representan para a seguridade rexional.
[i] Clarke, C. P. (2015). Terrorism, Inc.: The financing of terrorism, insurgency and irregular warfare, Praeger Security International, p. 15.
[ii] Unha madrassa (plural: madaris) é unha escola musulmá de estudos relixiosos superiores.
[iii] Tamén coñecidos como “talibáns paquistanís”, os Tehrik-e-Taliban son unha rama do grupo paraugas que xenericamente se denomina como “talibáns”, e que operan sobre todo en Paquistán e ao longo da fronteira afgá.