O legado de Fidel Castro e o futuro de Cuba

Non se pode contar a historia do século XX nin de Cuba nin de América Latina e ata do mundo prescindindo da figura de Fidel Castro. Con todo, a súa é unha personalidade a destacar non tanto como teórico, como creador ou xerador de ideas, de pensamento novo, como de persuasor, de sedutor, de persoa comprometida con ideais aos que se mantivo fiel ao longo de toda a súa vida. Foi Fidel un revolucionario, un supervivente en condicións perpetuamente adversas, pero non certamente un ideólogo. Por iso mesmo, o seu legado quedará asociado ao feito histórico da Revolución, á inquebrantable vontade de persistir na defensa da soberanía nacional e da xustiza social fronte ao mais poderoso veciño hostil e, conseguintemente, comprometido coas loitas e frontes antiimperialistas en todo o mundo onde agora tanta estima recolle. É esa condición humana, ese compromiso ao longo de toda a súa vida, o exemplo moral, o que deixa como principal legado. E moito é.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Non se pode contar a historia do século XX nin de Cuba nin de América Latina e ata do mundo prescindindo da figura de Fidel Castro. Con todo, a súa é unha personalidade a destacar non tanto como teórico, como creador ou xerador de ideas, de pensamento novo, como de persuasor, de sedutor, de persoa comprometida con ideais aos que se mantivo fiel ao longo de toda a súa vida. Foi Fidel un revolucionario, un supervivente en condicións perpetuamente adversas, pero non certamente un ideólogo. Por iso mesmo, o seu legado quedará asociado ao feito histórico da Revolución, á inquebrantable vontade de persistir na defensa da soberanía nacional e da xustiza social fronte ao mais poderoso veciño hostil e, conseguintemente, comprometido coas loitas e frontes antiimperialistas en todo o mundo onde agora tanta estima recolle. É esa condición humana, ese compromiso ao longo de toda a súa vida, o exemplo moral, o que deixa como principal legado. E moito é.

Importante é tamén a contextualización da súa figura no marco da guerra fría, que algúns vivimos e outros non e da que hoxe se fala con certa liviandade ás veces. Gran parte da responsabilidade do rumbo da Revolución Cubana cabe atribuílo a quen tantas veces intentou, en relación a Fidel, liquidalo no físico e derrubalo no político. Só arrimarse á URSS podería prover as garantías precisas para evitar a reversibilidade dos feitos. Iso pesou, á contra, no descarte de China como principal aliado, polo que mais se inclinaba o Che.

Descualificar a Fidel por ser un “ditador” á vista do seu discurso e praxe social e antiimperialista semella enormemente simplificador para reflectir a complexidade do home e do proxecto que abandeirou no contexto en que se deu. No marco das tensións rexionais e globais e urxido a preservar a vitoria revolucionaria, imaxinar un compromiso a ultranza coas liberdades en sentido amplo sería un tanto inxenuo con independencia de que fose ou non esa unha opción dende o primeiro momento. É coma culpabilizalo de se defender. Como igual de estraño é o balance de normalidade que aos nosos ollos ofrece a actitude dun paradigma de democracia como a estadounidense, instigadora de prácticas tan condenables con Cuba e con tantos outros países por simplemente non estaren dispostos a someterse aos seus ditados. Non sabemos se Fidel innovaría se chegara a dispor de marxe abondo para facelo. O menos que pode dicirse é que a URSS e o seu modelo salvou e condenou a súa Revolución.

A sucesión política

Salvar o legado de Fidel, os ideais e a propia Revolución esixe hoxe un maior atrevemento a curto prazo en todas as ordes, un exercicio verdadeiramente difícil pero non imposible.  Cuba precisa innovar radicalmente para subsistir pero teme innovar por medo a sucumbir. Esa contradición condiciona a aposta decidida por unhas reformas concibidas como remedios dolorosos baixo a espada de Damocles dunha restauración capitalista.

O feito de que o seu irmán Raúl dispuxera de toda unha década para ir preparando a sucesión foi unha beizón para Cuba e a súa estabilidade. Faltará Fidel e iso non suporá de entrada alteracións substanciais. Falta agora que Raúl dispoña duns anos máis para que o seu relevo, previsto para 2018, teña lugar no marco dunha institucionalidade sen quebras e á que poida contribuír mesmo despois desde un segundo nivel avalando o novo rumbo e amortecendo as reservas dos mais conservadores.

Raúl ten por diante asegurar a viabilidade partidaria que garanta a continuidade e non o descalabro do PCC ante un hipotético embate trala desaparición da súa xeración. Torres mais altas caeron. Trátase de establecer regras que acheguen solucións a procesos que non dependan das vontades individuais, como tan acusado foi con Fidel. E trátase tamén de tomar decisións audaces que abran camiño ás novas xeracións. Nin Ramiro Valdés nin Guillermo García, nin tampouco Machado Ventura ou Esteban Lazo, todos eles por riba dos oitenta anos, son opcións de futuro por mais que a súa fidelidade ao sistema sexa incuestionable. Calquera deles situaría a Cuba no mesmo transo da URSS en tempos de Yuri Andropov, cando foi sucedido por Konstantin Chernenko. Igualmente cabería descartar as opcións de corte familiar, en especial a de Alejandro Castro, responsable da Intelixencia cubana e fillo de Raúl, que aproximaría a Cuba a un escenario lamentable e perversamente pseudomonárquico.

No marco actual, a opción de Miguel Díaz-Canel semella a máis acaída para pilotar a evolución de Cuba nos próximos anos. Con unha traxectoria especialmente celebrada en provincias importantes como Villa Clara ou Holguín como tamén á fronte do Ministerio de Educación, o seu pragmatismo, eficiencia e proximidade á cidadanía confírenlle un valor e idoneidade que poucos cuestionan en Cuba. Pero un líder non basta.

Acelerar as reformas económicas

En boa medida, Fidel gobernou desde as ideas e coas ideas. Ninguén mais despois del poderá facelo. Quen sexa poderá usufrutualas pero terá que gobernar con resultados. De cara ao futuro inmediato, Raúl Castro sentirase coas mans mais libres aínda para impulsar con pragmatismo as reformas pendentes, que avanzan a unha velocidade probablemente inferior ao desexado. Pero do seu éxito depende o futuro dos ideais da Revolución, é dicir, a preservación da soberanía nacional e da xustiza social e, conseguintemente, representa a derradeira oportunidade para acreditar na posibilidade dun sistema alternativo ao imperante a nivel global.

A simple defensa numantina e de costas á evolución internacional pode conducir directamente ao colapso. Custa crer, pese ao sentido dramatismo e convencemento expresado pola sociedade cubana nestes días, que queda espazo folgado aínda para persistir teimudamente no sacrificio no altar da revolución. As novas xeracións, esa inmensa maioría nacida despois de 1959, non coñecen outra cousa e a súa capacidade para valorizar o logrado é relativa. Cómpre un xiro nas reformas que achegue esperanza e un novo ímpeto. Do contrario, o fracaso da economía será o fracaso da Revolución. O seu legado poderá persistir na medida en que sexa capaz de procurar mellores condicións de vida á poboación por mais que se gabe o seu modelo educativo e sanitario ou o escaso alcance das desigualdades. Se non convence, mais tarde ou mais cedo, chegará a crise que o poña todo patas arriba. Iso non quer dicir que a saída estea inexorablemente asociada a unha extrapolación mecánica dos patróns de desenvolvemento dominantes. Se esgotado está o modelo económico cubano, a crise estrutural do capitalismo ofrece poucos alicientes para seguir pola mesma vía.

Pero, hai espazo para outra alternativa? En Cuba, a orixinalidade, que se deu no propio feito da Revolución, quedou en boa medida afogada pola translación do modelo socialista europeo. Persisten aínda moitas desas taras no aparello institucional, o cal demostra que as inercias non son doadas de erradicar. Os instrumentos e marcos que no seu día axudaron a mellorar a vida dos cubanos, hoxe son un impedimento para avanzar pola mesma senda. Outras experiencias internacionais, xa observadas con detemento polas autoridades cubanas, ofrecen leccións a ter en conta combinando a innovación, a experimentación e o gradualismo. A incorporación en maior medida da economía privada ou do papel do mercado deben ser aspectos clave dese novo modelo. E nese transcurso, hoxendía Cuba pode atopar aliados que respecten o seu proceso. Pero o tempo esgótase. Non admite demoras.

A diáspora e a sociedade civil

A apertura económica ten un segundo pé na diáspora cubana. Compre que La Habana tome a iniciativa para evitar que a desaparición de Fidel resulte nun agravamento das tensións e facilite o desxeo con Washington. Os que se foron deben ser comprometidos no desenvolvemento interno. É un bo síntoma o escaso eco da mobilización convocada en Miami, Florida, nestes días. Na diáspora conviven segmentos cada vez mais diferenciados. Hai unha xeración en retirada que está a ceder o relevo por imperativos simplemente biolóxicos e as posibilidades de entendemento poden ser maiores a pouco que se acompañe de xestos asumibles por ambas as dúas partes.

A sociedade civil cubana, mesmo aquela que non comparte o discurso oficial, debe ter un papel nesta nova etapa que se abre e as pontes con ela deben ser trazadas e fortalecidas. Se a mellora da economía é indispensable para evitar un colapso crítico en Cuba tamén o é quitarse da cabeza a idea de que a economía resolverao todo. Un escenario do tipo chinés ou vietnamita, quizais viable con matices no económico, sen un maior e progresivo recoñecemento das liberdades básicas, ten difícil encaixe no Caribe. O fin do estado paternalista debe ser tamén o inicio dunha maior aceptación do pluralismo existente nas sociedades complexas como as actuais. Precísanse mais mecanismos de control do poder.

Os Estados Unidos de Donald Trump

Cuba acumula unha gran simpatía internacional e pode contar aínda con valiosos aliados. O feito de que a UE dera carpetazo á política promovida polo ex presidente Aznar como tamén o xiro auspiciado pola Casa Branca durante o mandato de Barack Obama deixan claro a todo aquel que o queira ver, que a presión non é o camiño. É con diálogo, apoio e acompañamento que evite colapsos e facilite unha evolución estable como unha reforma gradual pode avanzar en Cuba conforme ao ritmo e cos contidos que determine a propia sociedade cubana.

A mitigación do bloqueo baixo a administración Obama ofrece unha oportunidade importante que Donald Trump pode arrefriar agora. Veremos por que unha actitude así só pode dar osixeno aos sectores menos aperturistas. Pero a historia recente demóstranos que só leva a unha canella sen saída. Tanto EUA como Cuba precisan pasar páxina.

Na última década, os cambios progresistas na rexión significaron un maior recoñecemento do exemplo da dignidade nacional cubana. Ese cambio encara agora unha contraofensiva conservadora iniciada xa en 2009 (con Hillary Clinton na Secretaría de Estado) co golpe militar contra Manuel Zelaya en Honduras e despois os golpes institucionais contra Fernando Lugo (Paraguai, 2012) e Dilma Roussef (Brasil, 2016), alén da vitoria de M. Macri en Arxentina. A preservación dunha contorna rexional comprometida cunha evolución xenuína en Cuba é especialmente importante para o éxito do proceso. Como para toda América Latina é de gran significación que Cuba saia adiante por si mesma preservando a súa idiosincrasia.

Galicia?

Os cambios en Cuba son inevitables e pódense acelerar. Galicia dispón dun referente simbólico dunha forza singular que deberamos aproveitar. O que nos debe importar é traducir a corrente de mutua simpatía e recoñecemento en oportunidades e tomar posicións para tirar proveito dos vínculos afectivos nos que acostumamos a nos recrear. E pronto. A fin de contas, tamén, por imperativos biolóxicos, boa parte da nosa diáspora, aliada neste empeño, encara unha fase sen retorno e seguirá os pasos de Fidel.

Ignoro se Galicia enviou unha representación institucional acaída ás súas honras fúnebres. Non sei se a oposición tal reclamou. Todos estarán de acordo en que mais aló do perfil político, a súa orixe galega é resaltada en todo o mundo.