Os custos de oportunidade do Plan Rearme ameazan o estado do benestar
Artigo orixinalmente publicado no Nós Diario, o 2 de decembro do 2025.
atomium, brussels, benelux, architecture, travel, tourist, europa, outdoor, skies, steel, cloud, blue, belgian, belgium, bruxelles, building, city, cityscape, european, exhibition, europa, europa, europa, europa, europa

O “Plan Desarme Social” e os Fondos Europeos para Defensa

A antiga orde bipolar do mundo propia da Guerra Fría foi dando a paso a unha orde unipolar pilotada desde os EEUU. Sen embargo, o desenvolvomento económico das economías asiáticas e europeas froito da deslocalización das cadeas globais de valor foi dando paso progresivamente a unha nova recomposión do taboleiro mundial en forma de multilateralismo.

Dentro desta orde multilateral mundial, tres son os ámbitos que definen a composición dos liderados mundiais e do lugar que ocupan cada unha das economías no contexto global: a económica, a militar e a tecnolóxica.

En canto ao primeiro destes factores, a medicion do PIB adoita ser a indicador  de referencia -coas súas limitacións- para medir o lugar que ocupan os países no mundo. Neste sentido, numerosos expertos fan xa cálculos para saber en que momento China superará aos EEUU, e a maioría apuntan a que esta mudanza non demorará moito. Outras economías irán gañando protagonismo en próximas décadas, como a India, Brasil, a República Sudafricana, Nixeria, entre outras.

Como parte destas mudanzas na orde mundial, no ámbito militar e no ano 2014 o país norteamericano e o seu presidente Obama decidiron que o futuro estratéxico e o principal foco de interese do seu país pasaría a ser o mundo asiático. Como parte desta elección, a estratexia de seguridade dos EEUU pivotou á súa vez cara estes países. Por este motivo, os países que conforman a OTAN deberon subir o seu gasto en defensa ata o 2% ata 2029. Así, só entre 2010-2024 o gasto militar mundial subiu un 50%, cunha especial incidencia a partir de 2018. EEUU repuntou a seu gasto, que viña comportándose de maneira moderada nos anos previos, e a UE incrementou esta partida en maior medida. Fronte a isto, China continuou sen reacción e mantendo o seu aumento constante do seu gasto en defensa, en termos absolutos aínda lonxe dos norteamericanos e un tanto menos dos europeos.

Neste contexto, chegou o anuncio do coñecido como Plan Rearme, e a dotación de 800.000 millóns de euros para defensa en Europa. Para tratar de que os orzamentos públicos da UE puidesen atender estes cambios no financiamento, puxéronse enriba da mesa diferentes medidas. En primeiro lugar, propúxose un aumento do endebedamento dos países financiado mediante a emisión de bonos por parte do BCE, mais non se produciu un acordo entre os 27 países membros. Non habendo esta opción, as principais fórmulas de finaciamento dos estados pasaron a ser o endebedamento privado e os axustes orzamentarios. Neste último caso, hai tempo que existe un claro obxectivo a batir: o estado de benestar europeo, considerado como excesivamente protector desde as esferas da acumulación de capital. Claro, non deixa de ser un negocio rentable poder meter o dente privado nas partidas orzamentarias destinadas a sanidade, educación, prestacións social e, en menor medida, ca cooperación ao desenvolvemento. Podemos preguntarnos así quen paga en realidade a factura do gasto militar. A resposta é clara, o escudo de protección social é o que realmente está sendo atacado.

Por outra banda, o gasto militar prevese realizar fundamentalmente en armamento, enriquecendo á industria do sector, pero tamén a través da protección dixital e ciberseguridade. Este terceiro ámbito conlevará engordar os balances das grandes empresas do sector, especialmente das coñecidas como empresas GAFA (Google, Amazon, Facebook, Apple), así como doutras próximas ao ámbito militar e a Sillicon Valley. Mentres isto acontece, outra guerra, a da ocupación do espazo exterior, deslízase sen que a sociedade apenas presente batalla pola usurpación dun espazo que non pertence ao ámbito privado.

image 100

Neste contexto, a imposición arancelaria chantaxista de Trump non supuxo máis que unha medida de presión un tanto burda para desviar parte dos orzamentos europeos que deberían ser investidos de acordo coa Estratexia de Defensa Europea (o Fondo Europeo de Defensa xa estaba dotado con 8.000 millóns de euros para 2021-2027, e en 2020 aprobáronse 20.000 millóns máis para mellorar a competitividade do sector) e co escenario de defensa e seguridade compartida deseñado hai uns anos.

Por último, a esfera política e os comunicación xogan un papel non pasivo e crucial, transmitindo o medo de maneira constante alertas ante inminentes invasión por parte de terceiros países. Aínda así, non conseguen alonxar a visión de que o Plan Rearme é en verdade un “Plan Desarme social” e da protección pública en favor da industria militar e das grandes tecnolóxicas.