“Prohibimos a bomba!”[1] Así se pronunciaba o Comité Internacional da Cruz Vermella en Twitter o pasado 24 de outubro. O eufórico anuncio chegaba tras a ratificación do Tratado sobre a Prohibición das Armas Nucleares por parte de Honduras, o quincuaxésimo Estado en ratificalo e o último necesario para a súa entrada en vigor. Segundo o prescrito polo Tratado, esta terá lugar o 22 de xaneiro de 2021, e será xuridicamente vinculante para os Estados partícipes. A Cruz Vermella e outras organizacións de dereitos humanos celebraron este feito como un paso histórico e “unha vitoria para a humanidade”[2]. Mais, que é exactamente o Tratado sobre a Prohibición das Armas Nucleares e, o que é o máis importante: conducirá realmente a unha prohibición global das armas nucleares?
“Prohibimos a bomba!”[1] Así se pronunciaba o Comité Internacional da Cruz Vermella en Twitter o pasado 24 de outubro. O eufórico anuncio chegaba tras a ratificación do Tratado sobre a Prohibición das Armas Nucleares por parte de Honduras, o quincuaxésimo Estado en ratificalo e o último necesario para a súa entrada en vigor. Segundo o prescrito polo Tratado, esta terá lugar o 22 de xaneiro de 2021, e será xuridicamente vinculante para os Estados partícipes. A Cruz Vermella e outras organizacións de dereitos humanos celebraron este feito como un paso histórico e “unha vitoria para a humanidade”[2]. Mais, que é exactamente o Tratado sobre a Prohibición das Armas Nucleares e, o que é o máis importante: conducirá realmente a unha prohibición global das armas nucleares?
Nas últimas décadas xurdiron diversos movementos co fin de lograr unha prohibición total das armas nucleares. En 2010, no curso dunha conferencia dos Estados partes do Tratado de Non Proliferación Nuclear, estes movementos concretáronse nunha iniciativa para elaborar un tratado internacional que prohibise a posesión e o emprego de armas nucleares en todo o mundo. Unha serie de conferencias internacionais sobre os efectos humanitarios destas armas, nas que participaron un gran número de Estados, confirmaron a convicción de elaborar un tratado deste tipo. Finalmente, o 23 de decembro de 2016, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobaría a resolución 71/258, na que se declaraba “profundamente preocupada polas catastróficas consecuencias humanitarias de calquera utilización das armas nucleares” e, por conseguinte, decidiu “celebrar en 2017 unha conferencia das Nacións Unidas para negociar un instrumento xuridicamente vinculante que prohiba as armas nucleares e conduza á súa total eliminación”.[3] A anunciada conferencia tivo lugar do 27 ó 31 de marzo e do 15 de xuño ó 7 de xullo de 2017, culminando coa adopción do Tratado sobre a Prohibición das Armas Nucleares o 7 de xullo de 2017 cunha aplastante maioría de 122 votos a favor, unha abstención e un voto en contra.[4] Porén, as potencias nucleares e os Estados da OTAN – coa excepción dos Países Baixos, que votaron en contra – non participaron na votación.
O Tratado contén varias disposicións que prohiben ós Estados partícipes levar a cabo diferentes accións e actividades relacionadas coas armas nucleares. Así, por exemplo, o artigo 1 esixe, entre outras cousas, que cada Estado parte se compromete a nunca e baixo ningunha circunstancia:
a) Desenvolver, ensaiar, producir, fabricar, adquirir de calquera outro xeito, posuír ou almacenar armas nucleares ou outros dispositivos explosivos nucleares; (...)
b) Usar ou ameazar con usar armas nucleares ou outros dispositivos explosivos nucleares;[5]
Isto converte o Tratado no primeiro instrumento vinculante en virtude do dereito internacional a escala mundial que prescribe unha prohibición completa das armas nucleares. En virtude do artigo 5, os Estados partícipes están obrigados a adoptar no seu territorio as medidas necesarias para aplicar as disposicións do Tratado e para previr e reprimir calquera actividade prohibida polo acordo que sexa levada a cabo por persoas ou no territorio baixo a súa xurisdición ou control. Por último, o artigo 15 estipula que o Tratado entrará en vigor exactamente 90 días despois da 50ª ratificación (que chegou o 24 de outubro por parte de Honduras).
Pero ten o Tratado realmente o potencial de abolir as armas nucleares da face da terra? Como xa se mencionou, nin as potencias nucleares nin os Estados da OTAN participaron nas negociacións nin nas votacións. Estes Estados seguen rexeitando o Tratado de forma categórica, polo tanto, varios observadores falaron de un carácter exclusivamente simbólico do Tratado sobre a Prohibición das Armas Nucleares. Esta valoración é, até un certo punto, correcta. O novo Tratado non vai conseguir a abolición total das armas nucleares a curto prazo – e moi probabelmente tampouco a medio prazo. A este respecto, é en efecto de natureza maiormente simbólica, mais os símbolos teñen un gran significado no dereito internacional e as relacións internacionais. A entrada en vigor do acordo demostra que o activismo da sociedade civil pode conducir ó éxito, e que un gran número de Estados tamén comparte o soño dun mundo libre de armas nucleares. Isto, sen dúbida, aumentará a presión política sobre outros Estados para que se adhiran tamén ó Tratado. Segundo as enquisas, o 70% dos italianos, o 68% dos alemáns, o 67% dos franceses, o 64% dos belgas e o 64,7% dos estadounidenses están a favor da prohibición das armas nucleares.[6] Polo tanto, non se pode desbotar que nun futuro incluso os Estados membros da OTAN se convirtan en asinantes. No peor dos casos, aínda que non chegue a acontecer, o Tratado terá un impacto sobre eles, tal e como pode apreciarse no caso dos anteriores tratados de prohibición de armas concretas, como a Convención sobre a prohibición de minas antipersoais. Malia que Estados chaves – como Estados Unidos, Rusia ou China – tamén se mantiveron á marxe da Convención, esta contribuíu en gran medida a estigmatizar a utilización de minas e a transformar o xeito de proceder das potencias belixerantes, incluso entre os Estados non partícipes.[7] A Campaña Internacional para a Abolición das Armas Nucleares (ICAN, polas súas siglas en inglés) espera, entre outras cousas, que a entrada en vigor do Tratado reduza a produción mundial de armas nucleares.[8] Amais, segundo a ICAN, é probábel que as institucións financeiras deixen de investir en empresas produtoras deste tipo de armas.[9] De feito, mentres se agarda pola entrada en vigor do Tratado, algunhas importantes institucións xa declararon que non ían seguir investindo en empresas relacionadas coas armas nucleares.[10]
En conclusión, desgrazadamente, non se prevé que o Tratado sobre a Prohibición das Armas Nucleares vaia a traer consigo unha inminente desaparición das armas nucleares, mais constitúe un sólido avance cara un mundo libre delas. Neste 2020, polo demais moi escuro, esta é, sen dúbida, unha nova esperanzadora.
[1] https://twitter.com/icrc/status/1320105568892321792.
[2] Comunicado de prensa do CICR, dispoñíbel en: https://www.icrc.org/es/document/prohibicion-de-las-armas-nucleares-hoy-es-un-dia-historico.
[3] Comunicado de prensa do CICR, dispoñíbel en: https://www.icrc.org/es/document/prohibicion-de-las-armas-nucleares-hoy-es-un-dia-historico.
[4] Rexistro de votación do Proxecto de Tratado das Nacións Unidas sobre a Prohibición das Armas Nucleares, dispoñíbel en: https://s3.amazonaws.com/unoda-web/wp-content/uploads/2017/07/A.Conf_.229.2017.L.3.Rev_.1.pdf.
[5] Tratado sobre a Prohibición das Armas Nucleares, dispoñíbel en: https://undocs.org/es/A/CONF.229/2017/8.
[6] International Campaign to Abolish Nuclear Weapons, The Significance of the Entry Into Force of the Treaty on the Prohibition of Nuclear Weapons, p. 4, dispoñíbel en: https://d3n8a8pro7vhmx.cloudfront.net/ican/pages/1718/attachments/original/1601295290/Briefing_Paper_on_the_Significance_of_TPNW_EIF_FINAL_September_2020.pdf?1601295290.
[7] Christine Chinkin e Mary Kaldor, International Law and New Wars (Cambridge: CUP, 2017), 306.
[8] Comunicado de prensa das Nacións Unidas, dispoñíbel en: https://news.un.org/en/story/2020/10/1076082.
[9] Ibidem.
[10] ICAN, The Significance of the Entry Into Force of the Treaty on the Prohibition of Nuclear Weapons, p. 3,