O xiro de Tsai Ing-wen

A presidenta taiwanesa Tsai Ing-wen converteu a defensa do statu quo no seu compromiso chave no ámbito das relacións a través do Estreito. Podería dicirse que ese statu quo afástalle da demanda de independencia de jure aínda que non lle achega á reunificación ansiada por Beijing. En suma, conectaría coa posición tradicional do seu rival, o Kuomintang e os seus tres nons (non unificación, non independencia, non uso da forza). Nos meses de exercicio no cargo, Tsai, distanciándose dos xeitos do predecesor da súa mesma formación, Chen Shui-bian (2000-2008), multiplicou os chamamentos ao consenso e a moderación evitando irritar a Beijing aínda que negándose a baixar a cerviz. 

Liñas de investigación Observatorio de la Política China
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

A presidenta taiwanesa Tsai Ing-wen converteu a defensa do statu quo no seu compromiso chave no ámbito das relacións a través do Estreito. Podería dicirse que ese statu quo afástalle da demanda de independencia de jure aínda que non lle achega á reunificación ansiada por Beijing. En suma, conectaría coa posición tradicional do seu rival, o Kuomintang e os seus tres nons (non unificación, non independencia, non uso da forza). Nos meses de exercicio no cargo, Tsai, distanciándose dos xeitos do predecesor da súa mesma formación, Chen Shui-bian (2000-2008), multiplicou os chamamentos ao consenso e a moderación evitando irritar a Beijing aínda que negándose a baixar a cerviz. 

Para o continente tratouse entón de apertar sen afogar utilizando para iso ferramentas como a redución do número de turistas que visitan a illa ou o acoso diplomático. No entanto, nas últimas semanas houbo tamén chiscadelas instrumentadas a través da orde académica (Zhou Zhihuai) para crear unha fórmula nova e superadora do “Consenso de 1992” co obxecto de eludir a confrontación aberta e buscar unha saída que sen cuestionar o principio dunha soa China permitise a ambas partes non perder a cara. Pese a todo, o PCCh outorga a Tsai unha estreita marxe de confianza para manter baixo control aos partidarios da independencia quen a consideran demasiado branda nos seus tratos con China. 

A vitoria de Trump e o importante elenco de partidarios de Taiwan no seu séquito introducen un xiro inesperado. O presidente electo, por unhas ou outras razóns, parece contemplar un papel máis activo da illa nos asuntos rexionais e internacionais e Tsai se apresta a explorar esta oportunidade. En Beijing, sectores militares están enervados e suxiren medidas contundentes, xa sexan xogos de guerra ou medidas económicas que paralicen Taiwan. Os exercicios militares aéreos e navais, coa participación do portaavións Liaoning, van camiño de abarcar o perímetro da illa. Haberá máis mensaxes deste tipo si na viaxe a Centroamérica Tsai mantén contactos relevantes nas súas escalas en EUA.

Xi Jinping necesita estabilidade de cara ao XIX Congreso do PCCh, previsto para o outono. Os seus rivais poderían ter en Taiwan un argumento engadido para cuestionar o seu liderado. Non poderá mostrarse débil nin tampouco moi asertivo. Un encontro entre Tsai e Trump no curso do presente ano daría ás aos sectores máis belixerantes. Xa veremos, dixo Trump, ao comentar esta posibilidade. China xa non ve en EUA un aliado moderador das veleidades identitarias da illa senón un Maquiavelo disposto a xogar con lume con tal de levala contra as cordas.