Tan desafortunada consigna probablemente gozaría hoxe de certo predicamento simbólico en boa parte das sociedades dos países do Leste europeo. E quizais non só. Hai escasos días, algúns medios facíanse eco de diferentes enquisas reveladoras da amplitude da frustración actual, que contrasta coas esperanzas de finais dos oitenta.
Tan desafortunada consigna probablemente gozaría hoxe de certo predicamento simbólico en boa parte das sociedades dos países do Leste europeo. E quizais non só. Hai escasos días, algúns medios facíanse eco de diferentes enquisas reveladoras da amplitude da frustración actual, que contrasta coas esperanzas de finais dos oitenta.
O certo é que trinta anos despois da caída do Muro de Berlín, a Casa Común Europea brilla pola súa ausencia. Nin de lonxe nin de perto se colmaron as expectativas xeradas. Á hora de procurar unha avaliación global e fundamentada dos profundos cambios rexistrados dende entón en Europa fuxindo da propaganda acrítica, o menos que se pode dicir é que ata a calidade democrática minguou, o marco social deteriorouse, o sistema económico abrazou o neoliberalismo mais rancio e dogmático, a expansión institucional cara o leste adoece de graves taras tanto no seu deseño como na súa conceptualización, o estado de benestar é obxecto dunha erosión tan permanente como interminable, a pésima xestión dos fluxos migratorios fai retroceder ostensiblemente o compromiso cos dereitos humanos, as incongruencias a propósito da eclosión dos nacionalismos están á orde do día, o rexurdir de fascismos diversos agrava a desorientación e o decaemento da cultura política democrática. E máis que se podería dicir….
Pese a todo, quen o viviu sabe que daquela estabamos ao borde permanente da hecatombe nuclear. A Europa da guerra fría debemos tamén tela presente, que se esquece rápido. Como tamén o feito de que o colapso do modelo soviético e as súas réplicas na Europa do Leste tiña que se producir dunha maneira ou doutra porque había tempo deixara simplemente de representar unha alternativa. E a caída do Muro era en certa medida indispensable para poder pensala de novo.
Pero á vista do treito transcorrido, no balance debe quedar reflectida a decepción. A unificación de Alemaña quedouse en pura anexión e a Europa asentada en valores e ideais de benestar e progreso que se había proxectar no mundo con identidade propia esvaeuse ata no discurso. O muro caeu non só sobre os fundamentos do Leste senón igualmente sobre os piares dos outros tres cardinais da Europa da posguerra, afectando a uns bruscamente e a outros pausadamente pero con semellantes efectos destrutivos e desestabilizadores. E esta Europa, co rumbo actual, quen quere defendela?
Por iso que se ben nada hai que repoñer, si compre reivindicar aínda unha Europa diferente, sen muros si, pero sobre todo con xustiza social, democracia e liberdade, un equilibrio do que nos afastamos de vez ao se apropiaren algúns dunha “vitoria” que nunca foi só súa, liquidando de facto a aqueles movementos de transformación e protesta que un día soñaron, especialmente en Berlín, con cambiar a Historia de verdade.