Un prato roto

A ruptura de relacións diplomáticas entre Santo Tomé e Príncipe con Taiwan non é unha simple anécdota. China suma un novo aliado trala recuperación en marzo de Gambia, quen rompera coa illa en 2013. Ambos casos reflicten o fin da “tregua diplomática” que o Partido Comunista e o Kuomintang selaron en 2005 ao establecer a chamada “terceira cooperación”, un entendemento para conxurar o soberanismo e facilitar a reunificación. Ese consenso permitiu certo respiro internacional de Taiwan entre 2008 e 2016, evitando o baile de aliados a golpe de chequeira e propiciando unha maior participación da vella Formosa nos foros internacionais. 

Liñas de investigación Observatorio de la Política China
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

A ruptura de relacións diplomáticas entre Santo Tomé e Príncipe con Taiwan non é unha simple anécdota. China suma un novo aliado trala recuperación en marzo de Gambia, quen rompera coa illa en 2013. Ambos casos reflicten o fin da “tregua diplomática” que o Partido Comunista e o Kuomintang selaron en 2005 ao establecer a chamada “terceira cooperación”, un entendemento para conxurar o soberanismo e facilitar a reunificación. Ese consenso permitiu certo respiro internacional de Taiwan entre 2008 e 2016, evitando o baile de aliados a golpe de chequeira e propiciando unha maior participación da vella Formosa nos foros internacionais. 

Trala ampla vitoria soberanista en xaneiro deste ano, a presidenta Tsai Ing-wen, impuxo outro rumbo. China respondeu coa conxelación das relacións a través do Estreito. Resentiuse o comercio bilateral (descenso de máis dun 6 por cento de xaneiro a outubro), as visitas de turistas continentais caeron en picado (case un millón menos) e a participación internacional freouse en seco. 

Taipei argumenta que a razón última do cambio de Santo Tomé foi a negativa a satisfacer as súas esixencias financeiras; no entanto, non é difícil ver a man de Beijing tanto neste como no caso anterior de Gambia. Aínda que o gobernante Minjindang intente deslindar este feito da negativa a subscribir as esixencias do PCCh de aceptar a política dunha soa China e reclame unidade entre os partidos políticos da illa, especialmente do KMT, é evidente que ambos fenómenos están relacionados e que as formacións partidarias da unificación presentaranos como unha negativa consecuencia da súa política.

Os cambios na situación internacional e nas relacións a través do Estreito non outorgan moitas esperanzas a Taiwan. Pese ás altisonantes palabras de Donald Trump cuestionando a política dunha soa China, moitos en Taipei temen que iso converta á illa nunha moeda de cambio na política sino-estadounidense. Ao final, podería ter que pagar os pratos rotos.

En xaneiro próximo, a presidenta Tsai viaxará por segunda vez a Hispanoamérica para visitar Honduras, Nicaragua, Guatemala e O Salvador. A posibilidade dun efecto dominó na rexión figura na axenda. Cabe esperar que a presión de Beijing vaia en aumento tras darse a coñecer un novo documento de política para América Latina e o Caribe. Os rumores en torno a un próximo acordo co Vaticano son persistentes e, de confirmarse, representaría outro duro golpe. 

A confrontación está servida. A priori, China leva todas as de gañar. Outra cousa é que iso facilite a reunificación.