Para o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) o reinicio do curso en Galicia tralas vacacións de nadal ten un valor engadido especial. Agárdase para finais do mes de xaneiro a tramitación no Parlamento do proxecto de Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia, que virá a converter en obsoleto tanto o actual Decreto 178/2015, de 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, como a máis vella Lei de Cooperación ao Desenvolvemento, de 2003.
Para o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) o reinicio do curso en Galicia tralas vacacións de nadal ten un valor engadido especial. Agárdase para finais do mes de xaneiro a tramitación no Parlamento do proxecto de Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia, que virá a converter en obsoleto tanto o actual Decreto 178/2015, de 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, como a máis vella Lei de Cooperación ao Desenvolvemento, de 2003.
Para o IGADI, que naceu hai vinte e oito anos (1991) co obxectivo fundacional de promover a presenza internacional de Galicia, o calendario sitúanos así nun momento transcendente en relación á historia da Autonomía e ao propio modelo de desenvolvemento socioeconómico e sociocultural para a Galicia dos anos 20 do S.XXI. Moito máis no contexto actual, coa plurinacionalidade do Estado axudando a súa gobernabilidade e unha segunda transición chegando polo retrovisor…
A Lei está chamada a consolidar a historia das políticas públicas para a acción exterior oficial de Galicia, que arrancan nos anos 80 co Estatuto autonómico xa aprobado, desde a lóxica do principio de subsidiariedade que aterrou en Galicia coa entrada de España na UE e a propia historia do desenvolvemento de competencias da Constitución de 1978, co papel do Tribunal Constitucional de intérprete na resolución de conflitos entre o Estado e as CCAA (isto último daría para un ensaio máis que para un artigo!).
A creación da Fundación Galicia Europa no 1988 durante a Presidencia de González Laxe será o fito inaugural máis visible e estrutural, que aínda hoxe ocupa un lugar central na nosa acción exterior. A presentación simbólica da Eurorexión no 1991 ou as primeiras viaxes á diáspora do sistema político da Autonomía, serán outras das liñas constituíntes desde as que entender os marcos centrais da política internacional do sistema autonómico desde o seu nacemento até os nosos días.
De feito é con Manuel Fraga de Presidente que se institucionaliza a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores e Unión Europea no organigrama da Xunta de Galicia (1996) oficializa a Lei de Cooperación ao Desenvolvemento (2003) ou configura o Libro Branco da Acción Exterior de Galicia (2004). Da historia da acción exterior do bipartito destacarán as aperturas das Delegacións da Xunta en Buenos Aires (2007) e Montevideo (2008), os primeiros intentos por institucionalizar as relacións coa lusofonía ou os esforzos por integrar e coordinar máis e mellor a visión internacional de Galicia…
Desde esta perspectiva histórica, e pese ás evidentes alegrías da última década, como a concreción en Lei da Iniciativa popular Paz Andrade (2012-2014), ou a moi enérxica liña de traballo en relación á internacionalización económica, a historia da acción exterior galega sufriu unha severa contracción coa chegada á Presidencia da Xunta de Alberto N. Feijoo.
Desde o noso criterio a degradación, non ten a ver só coa obxectiva redución do investimento motivada pola crise, se non pola falta de ilusión á hora de pensar unha acción exterior galega coordinada, integrada e participada, que transcenda a foto e a viaxe puntual dos altos cargos do goberno galego. Neste sentido, a degradación no organigrama da Xunta desde 2010 da histórica Secretaría Xeral de Acción Exterior en Dirección Xeral, ou a suspensión do convenio histórico IGADI-Xunta de Galicia (1996-2012) son exemplos elocuentes. Esta falta de ilusión faise aínda máis rechamante e ineficiente ás portas do Xacobeo 2021 e a denominada Década Xacobea.
Neste escenario seguimos a agardar o paso adiante que solicitamos da Xunta de Galicia no Consello de Acción Exterior do pasado mes de novembro, onde nos abstivemos en relación ao proxecto de Lei que entrará no Parlamento en xaneiro. Un paso adiante que precisa de que a nosa acción exterior asuma a necesidade de ser programada de maneira sistemática e participada polos axentes chaves da internacionalización de Galicia, e tamén minimamente monitorizada e comunicada, porque debe ser transparente e avaliable. Precisamos en fin, unha política pública de verdade.