Nós no Mundo 2022 / 25 Anos: Da creación da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior

Nós no Mundo 2022

25 Anos: Da creación da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior

Sumario

A aprobación da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia o pasado 23 de febreiro deste 2021 no Parlamento e a súa publicación no DOG o 15 de marzo abren un tempo novo para a acción exterior de Galicia. 

Se na última edición do Nós No Mundo 2020-2021 “Novos tempos para a acción exterior de Galicia” centramos o foco no nacemento da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento e en potencias liñas temáticas para desenvolvela, na edición deste Nós No Mundo 2021-2022, forzamos a ollada histórica para facer balance da política pública de acción exterior de Galicia, co fito da perspectiva que da a creación da Secretaría Xeral da Acción Exterior no organigrama político e administrativo da Xunta de Galicia hai agora pouco máis de 25 anos, no 1997.

Para esta misión, sendo construtivos, ao tempo que xustos e críticos, contamos na edición deste ano en primeiro lugar con 12 artigos de colaboradores e investigadores asociados do IGADI, así como membros do noso Consello Reitor e Científico, que moito valoramos. O conxunto dos artigos retrata unha fotografía histórica das distintas patas do que consideramos a acción exterior de Galicia como política pública, con distintas proxeccións na propia Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento aprobada no 2021: Europa, Américas, lusofonía, internacionalización económica, cooperación internacional, diplomacia pública e cidadá... 

Entre os artigos que trazan o balance, arrancamos coa colaboración de Celso Cancela, profesor da Universidade de Vigo e Director da nosa revista semestral Tempo Exterior, que retrata catro décadas de desenvolvemento da acción internacional da Xunta, dos primeiros encontros informais á actual Lei. Achegando a vista atrás e ao nacemento das Delegacións galegas en Uruguai e Arxentina, María Xosé Porteiro artella memoria e posibilidades de futuro, así como da mesma maneira fai Serafín Pazos, apuntando ao perfil histórico de Galicia no Comité das Rexións e a última Conferencia para o futuro de Europa. 

Posteriormente cruzamos a raia para coñecer o desenvolvemento da Eurorrexión, un proceso histórico ligado ao proceso de construción da UE mais que excede ao mesmo e desborda desde múltiples expresións. Para achegarse desde a administración autonómica a ese proceso histórico contamos con Xosé Lago, que desde a perspectiva da AECT traza unhas liñas mestras do percorrido, presente e futuro. Imaxinando a proxección dese espazo internacional da Eurorrexión e a Lusofonía, que ocupa o Título IV da Lei de Acción Exterior, contamos co brasigalego, Wesley Sateles Guerra, que pensa a entrada de España na CPLP pensando en Galicia coma un hub para o Brasil na Europa. 

Ademais pensamos elementos relevantes aos que non sempre se lles presta a necesaria atención, coma o papel do IGAPE no marco da acción exterior galega desde o balance histórico da internacionalización económica, con Diego Sande, o desenvolvemento potencial da Macrorexión atlántica con Tamara Espiñeira, e con Miguel Ángel Pellitero, achegámonos os significados e a operativa da Axenda 2030 nas institucións galegas, desde os antecedentes da Declaración do Milenio do ano 2000.

Por último, achegamos a lupa ao 30 aniversario da Coordinadora Galega de ONGD´s con Xosé Luis Pastoriza, pechando o número con dúas crónicas cruzadas de voluntarios galegos diante da crise de refuxiadas da Guerra da Ucraína, a de Manuel Morán e a de Daniel Castor L. que desde A Coruña e Polonia achégannos ao operativo concreto da crise humanitaria na que Europa acaba de entrar e na que inevitablemente tamén se inxire na nosa acción exterior. Pechamos esta última serie de artigos arredor da paradiplomacia cidadá, cunha ollada fugaz ao perfil do IGADI coma ferramenta de diplomacia pública galega no noso trinta aniversario celebrado no 2021.

A súa vez, esta edición do Nós No Mundo 21-22 conta cunha colección de entrevistas especiais, por medio de seis preguntas, aos representantes das tres forzas maioritarias en Galicia con presenza no Parlamento, que procuran a súa posición inmediata con temas fundamentais, ás portas da aprobación da segunda EGAEX, tanto do balance histórico, como das posibilidades inmediatas e de futuro. Ás mesmas preguntas agréganse as respostas ben informadas, do Director Xeral, Jesús Gamallo e a Directora da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos. Finalmente pecha a resposta aos cuestionarios Antonio Martínez Puñal, profesor emérito da USC de Dereito Internacional e parte do Consello Reitor do IGADI.

En fin, se no ano 2021 acolliamos con entusiasmo a aprobación da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento, do 9 de marzo, no 2022 aspiramos a ver como a mesma se desenvolve e construímos entre todos un novo modus vivendi da acción exterior na sociedade, na Xunta e no conxunto do sector público e privado galego. A segunda EGAEX, agora en proceso de redacción, ofrece noutra ocasión unha oportunidade axeitada. As potencialidades da universalidade da marca Galicia son coñecidas por todas, mais precísanse medidas de medio-longo prazo, programas e plans avaliables que fagan realidade a Lei e desenvolvan este extraordinario perfil.

Índice de contidos

  1. Presentación: 25 anos, da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior
    • Equipo Informe Nós No Mundo 2020-2021
    • 30 Anos de IGADI
  2. Unha ollada a catro décadas de acción exterior galega: dos contactos furtivos á Lei de Acción Exterior de 2021. Celso Cancela
  3. As Delegacións da Xunta no exterior. María Xosé Porteiro
  4. Galicia e a Conferencia para o Futuro de Europa. Serafín Pazos
  5. A historia da Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Unha visión desde a AECT. Xosé Lago
  6. Galiza e lusofonia, uma relação histórica com muito futuro. Wesley S T Guerra
  7. Trece anos dun anceio azul: A Macro-rexión Atlántica. Tamara Espiñeira
  8. A importancia do IGAPE na acción exterior de Galicia. Diego Sande
  9. A Axenda 2030 en Galicia: Orixe, evolución e situación actual. Miguel Angel Pellitero
  10. Entre Penélope e Ulises: 30 anos de cooperación galega para o desenvolvemento. Xosé Luis Pastoriza
  11. A Guerra da Ucraína e o Banco de Alimentos Rías Altas. Breve reflexión persoal. Manuel Morán
  12. Unha Polonia inesperada. Daniel Prieto de Andrés
  13. O IGADI, 30 anos de diplomacia pública. Daniel González Palau
  14. Entrevistas 25 anos: Da Secretaría Xeral á Lei de Acción Exterior:
    • Jesús Gamallo (Director Xeral de Relacións Exteriores e a UE e Cooperación ao desenvolvemento),
    • Ana Ramos (Directora Fundación Galicia-Europa),
    • Alberto Pazos (Deputado do Grupo Parlamentario Popular de Galicia e Viceportavoz. Portavoz da Area de Acción Exterior e Cooperación),
    • Xosé Luis Bará (Deputado do Grupo Parlamentario do BNG. Portavoz da Area de Acción Exterior e Cooperación, Infraestruturas e Medio Ambiente),
    • Luis Manuel Álvarez Martínez (Deputado e Portavoz do Grupo Parlamentario PSdG-PSOE)
    • e Antonio Martínez Puñal (Profesor emérito de Dereito Internacional da USC e parte do Consello Reitor do IGADI).

Datos da publicación

  • Dirección: Daniel González Palau (Director do IGADI)
  • Equipo colaborador: Celso Cancela, María Xosé Porteiro, Serafín Pazos, Xosé Lago, Wesley ST Guerra, Tamara Espiñeira, Diego Sande, Miguel Angel Pellitero, Xosé Luís Pastoriza, Manuel Morán, Daniel Prieto de Andrés e Daniel González Palau.
  • Diagramación e edición electrónica:  BREO.gal
  • ISSN:  1989-9130
  • Observación: Os puntos de vista que se expoñen nestas colaboracións reflicten exclusivamente a opinión dos seus autores e, polo tanto, non representan o punto de vista oficial do IGADI. The views expressed here are those of individual contributors and do not necessarily represent those of the IGADI as such.