Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Armenios e curdos fronte ao novo imperio otomán. Por Yashmina Shawki, escritora e historiadora especializada en Oriente Próximo

No complexo conglomerado étnico, racial e relixioso de Oriente Próximo en xeral e na rexión do Crecente Fértil e o antigo Levante en particular, destacan tres grupos humanos cuxos devanceiros xa ocupaban este territorio miles de anos antes de Cristo. Tres grupos humanos caracterizados por unha longa historia de invasións, ocupacións e xenocidios. Tres grupos cuxos descendentes preservaron unha cultura, unha tradición e un idioma propios, peculiares e únicos. Tres grupos humanos, armenios, xudeus e curdos que, ademais, hoxe representan a resiliencia ante a fagocitación que os diferentes pobos invasores pero, sobre todo, os grandes imperios históricos: o persa e o otomán, intentaron levar a cabo.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

No complexo conglomerado étnico, racial e relixioso de Oriente Próximo en xeral e na rexión do Crecente Fértil e o antigo Levante en particular, destacan tres grupos humanos cuxos devanceiros xa ocupaban este territorio miles de anos antes de Cristo. Tres grupos humanos caracterizados por unha longa historia de invasións, ocupacións e xenocidios. Tres grupos cuxos descendentes preservaron unha cultura, unha tradición e un idioma propios, peculiares e únicos. Tres grupos humanos, armenios, xudeus e curdos que, ademais, hoxe representan a resiliencia ante a fagocitación que os diferentes pobos invasores pero, sobre todo, os grandes imperios históricos: o persa e o otomán, intentaron levar a cabo.

Dous deles, o xudeu e o armenio, teñen un estado recoñecido internacionalmente, ou case, e outro, o curdo atópase dividido entre catro países, ao longo do esqueleto montañoso que separa a Irán, Iraq, Siria e Turquía e só goza dunha ampla autonomía no segundo. Os xudeus, pese a estar rodeados de países árabes manifestamente hostís á súa existencia, polo menos ata fai relativamente pouco tempo, gozan dun “status” internacional moito máis forte que o dos outros dous grupos. A débil posición de armenios e curdos deriva, da confluencia de varios factores, entre os que destacan, a súa estratéxica ubicación xeográfica pero, sobre todo, a inxerencia de Turquía.

O emprazamento destes pobos na área de colisión fronteiriza entre o imperio ruso, o otomán e o persa fixo que durante séculos fosen os seus peóns. Ambos foron vítimas colaterais do choque violento entre estes imperios que ambicionaban estender os seus dominios e frear o avance do contrario. Un choque que se saldou en máis dunha decena de enfrontamentos desde o século XVI ata o XX.

Armenios e curdos compartiron durante milenios o territorio do sueste de Turquía onde conviviron con altos e baixos ata que a chegada do imperio otomán deu certa prevalencia aos curdos musulmáns fronte aos armenios cristiáns. Esta situación de subordinación mantivo a rexión baixo certo control aínda que nunca totalmente pacificada ata o século XIX cando se sucederon os levantamentos dos grandes Emiratos Curdos e as rebelións a menor escala contra os cambios orixinados pola promulgación das Tanzimat, a nova normativa centralizadora. Se os líderes curdos non aceptaron de bo grado o crecente control do goberno nin tampouco viron con bos ollos o que eles consideraban privilexios que a nova normativa outorgaba aos “non musulmáns”, os armenios, cada vez máis influenciados pola ideoloxía nacionalista reclamaban “liberarse” do xugo otomán. Tras décadas de esforzos para sufocar a ebulición por fin ideouse o que resultou ser un eficaz instrumento de represión: A Cabalería Hamadiya. Integrada case na súa totalidade por curdos, e dirixida directamente polo sultán Abdul Hamid II, mantivo aos curdos baixo control ao proporcionarlles emprego e prebendas á vez que sometía aos armenios. A súa ferocidade provocaría a morte de decenas de miles de armenios no bienio de 1894 a 1896.

Non moitos anos despois, iniciada a Iª Guerra Mundial e en represalia pola falta de apoio aos otománs contra os rusos na súa campaña no Cáucaso, onde sufriron unha gran derrota, os primeiros levarían a cabo o que se considera, pese a non térselle recoñecido como tal desde o punto de vista xurídico, o primeiro xenocidio do século XX. O 14 de abril de 1915 o goberno otomán ordenou o arresto e deportación de 250 notables armenios e un mes despois, aprobada unha lei “temporal” de deportación deuse inicio a unha masiva campaña de exterminio de todos os varóns armenios e o traslado forzoso do resto da poboación en condicións inhumanas. Estímase que o bombardeo dos pobos e os campos de concentración, entre outros, provocaron a morte de 800.000 a 1.500.000 persoas. Os perpetradores e o goberno que os amparou nunca foron xulgados. É máis, o goberno turco non só se negou a recoñecer os feitos pese ás múltiples evidencias senón que mantivo unha actitude manifestamente hostil contra o estado armenio que se atopa alén da súa fronteira oriental.

Pero os armenios non foron as únicas vítimas das campañas de “purificación” turca. Masacrados aqueles, o goberno de Ankara dirixiu a súa mirada aos curdos. As primeiras deportacións iniciáronse en 1916 co traslado forzoso de 700.000 persoas das cales estímase que morreron a metade. Os posteriores levantamentos dalgúns líderes tribais en protesta pola situación de represión, illamento e atraso que vivía a rexión provocaron de 1925 a 1928 a deportación doutros 500.000 curdos. Non satisfeito con esta “limpeza étnica” e, para garantir a “turquificación” da rexión, o goberno incentivou o traslado de turcos doutras zonas para que se asentasen nela. Ademais prohibiu o uso da lingua curda, a reunión dun número determinado de familias curdas nunha mesma localidade, etc.

Dende entón, as relacións entre os sucesivos gobernos e os curdos foron difíciles cando non directamente hostís. A guerra que mantén contra o PKK -o Partido dos Traballadores do Curdistán - desde 1978 serviulle de escusa para manter a rexión fronteiriza con Iraq en estado de sitio. Ademais, non dubidou en violar as fronteiras internacionais de Siria e Iraq perseguindo aos membros desa organización. A súa última intervención ocupando unha franxa no norte de Siria, que denominou eufemisticamente “cinto de seguridade”, non só é unha manobra para impedir a consolidación dunha rexión autónoma curda senón que é o paso previo para recuperar unha porción do histórico territorio que pertenceu ao fenecido imperio otomán en base a unha especie de “usucapión”.

Hoxe, a política expansionista de Erdogan, levoulle a apoiar militarmente a Acerbaixán, un país musulmán rico en hidrocarburos, na súa disputa con Armenia sobre a rexión de Nagorno Karabaj. En guerra aberta, nin sequera a intervención rusa semella capaz de frear unha escalada da que o gran beneficiario será Turquía. Se Acerbaixán conserva Nagorno Karabaj, Turquía garantiuse unha alianza definitiva cun subministrador de enerxía que tanto necesita e colaboraría a estender a influencia islámica no Cáucaso; se a perde, prexudicaría a Armenia, un país que é un permanente recordatorio do seu pasado xenocida e un enclave cristián nunha contorna que desexaría musulmán.

O imperio otomán desapareceu dos mapas pero non do imaxinario colectivo de quen non se resignan a recoñecer un pasado xenocida nin a aceptar que quen foron os seus súbditos, armenios e curdos, agora desexan ser pobos libres da súa inxerencia, independentes e respectados pola Comunidade Internacional.

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI (coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Linguística) no seu 29º aniversario, coa vontade de impulsar e normalizar o uso do galego en todos os ámbitos, de maneira específica e desde a natureza do IGADI, na análise das relacións internacionais, xeopolítica e novos estudos globais.